Poesía galega posguerra: Xeración do 36 á das Festas Minervais
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en gallego con un tamaño de 10,98 KB
A poesía entre 1936 e 1976: Xeración do 36, Promoción de Enlace e Xeración das Festas Minervais
Como consecuencia da Guerra Civil, a poesía galega, como o resto dos xéneros literarios, quedou paralizada no interior de Galicia durante case unha década. Curiosamente, foi este xénero o máis cultivado no exilio americano, sobre todo no núcleo bonaerense de Luís Seoane e Lorenzo Varela.
En Galicia, a lenta recuperación poética e literaria vén da man de Aquilino Iglesia Alvariño con Cómaros verdes (1947), ao que lle hai que sumar o labor das editoriais, sobre todo de Galaxia (1950), que difundiu tanto a obra de autores anteriores á guerra (da época das vangardas) como a de poetas máis novos.
Tendencias poéticas deste período
- Poesía continuadora das liñas poéticas da preguerra: do paisaxismo ruralista de Noriega Varela (agora un paisaxismo humanizado por A. I. Alvariño en “Cómaros verdes” ou por Xosé Mª Díaz Castro), do neotrovadorismo de Bouza Brey (seguido agora, por exemplo, por Cunqueiro en “Dona do corpo delgado”) ou do hilozoísmo ou imaxinismo de Amado Carballo, que está presente na maioría dos poetas da época.
- Paisaxismo renovador: céntrase nun novo tratamento da paisaxe, afastado do ruralismo anterior, onde se dá unha unión case panteísta entre o home e a natureza, acadando esta unha dimensión metafísica. Manuel María e Uxío Novoneyra.
- Clasicismo e culturalismo: nunha poesía que acolle referencias grecolatinas e doutras culturas mediante a recuperación de, por exemplo, formas clásicas como o soneto e o hendecasílabo. A. I. Alvariño, A. Cunqueiro, R. Carballo Calero ou Gónzález Garcés.
- Intimismo (poesía que mira ao interior do individuo e onde se formulan interrogantes sobre a existencia humana) de Luís Pimentel, María Mariño, Iglesia Alvariño…
- Escola da Tebra, na década de 1950: poesía intimista, pero marcada por unha angustia e pesimismo de carácter existencialista (con temas como o paso do tempo, a soidade, a morte…) e mesmo surrealista (emprego de imaxes visionarias e impactantes). A temática angustiosa e de fondo existencial non é allea á preocupación relixiosa. Cuña Novás, Manuel María, Méndez Ferrín, Bernardino Graña…
- Socialrealismo: nace a partir de 1962 esta poesía cívica ou social con Longa noite de pedra de Celso Emilio Ferreiro, que se converterá en todo un símbolo da resistencia cultural e política ao franquismo. A partir desta obra, os poetas acollen nas súas obras temas sociais ou de denuncia cívica. A diferenza da poesía castelá de Blas de Otero ou Celaya, a poesía social ou cívica galega conta xa con tradición na nosa historia literaria (Rosalía, Curros, Cabanillas ou os exiliados Lorenzo Varela ou Luís Seoane), substituída despois polas tendencias vangardistas e recuperada xa dunha forma clara con Celso Emilio.
Grupos xeracionais
Xeración de 1936
Autores nados entre 1910 e 1920, procedentes da pequena burguesía e que viviron o trauma da Guerra Civil. Xa tiñan poesía publicada mesmo antes da guerra.
Aquilino Iglesia Alvariño
É o enlace desta xeración cos poetas anteriores da preguerra. Destaca a súa temática paisaxística con influencia do hilozoísmo e do paisaxismo ruralista de Noriega Varela. Ten moi presentes temas como a saudade, o paso do tempo e a morte.
A súa obra capital é Cómaros verdes, poemario heteroxéneo no que cultiva as diferentes correntes poéticas da posguerra.
Xosé María Díaz Castro
Publica un único libro, Nimbos, no que trata temas profundos como a morte, o tempo, o amor, ou a natureza. Destaca o seu poema “Penélope” no que mostra a Galicia paralizada nunha eterna espera.
Celso Emilio Ferreiro
O soño sulagado (1954), a súa primeira obra: poesía intimista de grande desacougo existencial.
Longa noite de pedra (1962): É o libro máis importante da poesía social da posguerra. Convértese en libro de culto nos círculos da oposición ao franquismo. A pesar de que non é un libro abertamente político e conviven nel poemas de denuncia social con outros profundamente intimistas, foi lido, sobre todo entre as novas xeracións universitarias, como un berro colectivo contra a ditadura. Aínda que no libro domina a actitude de denuncia do franquismo e a falta de liberdade, non están ausentes da súa obra en xeral temas como o desacougo, a esperanza ou mesmo temas máis íntimos.
Podemos distinguir tres grandes núcleos temáticos presentes en case toda a súa obra:
- Temática social: solidaria cos oprimidos e denunciadora dos males, o fascismo, a emigración, a inxustiza…
- Temática intimista: inconformismo e desacougo existencial, a forte identificación coa terra, a fugacidade da vida ou o amor…
- Temática irónica fortemente corrosiva e crítica en libros como Cantigas de escarnio e maldicir, pero que xa se pode albiscar tamén en Longa noite de pedra.
A denuncia social unida á estética de Longa noite de pedra déronlle o merecido éxito tanto dentro como fóra de Galicia.
Estilo: a pesar de facer unha poesía directa (moitas veces con rexistros coloquiais empregados mesmo en contextos sarcásticos) non esquece o coidado da imaxe, ás veces de carácter simbólico. Os elementos relacionados coa luz e co aire simbolizan a liberdade; os relacionados coa escuridade e coa pedra, a opresión.
Métrica: predominio de endecasílabos, mesturados con heptasílabos, con rima asonante nos pares (aínda que ás veces use a rima consonante para producir comicidade).
O título do libro: o primeiro poema do libro, que dá título ao mesmo, foi escrito en 1937, tras unha experiencia persoal do autor. Denunciado por unha muller (durante un permiso como soldado a Celanova no 1937) dunhas declaracións que non fixera foi detido e encarcerado no convento de Celanova, nunha antiga mazmorra, toda de pedra, incluído o teito, e con tan pouca luz que o día parecía noite. É esta situación a que motivou a composición do poema durante os tres días e catro noites de prisión. Son moitos os que cren que a frase “longa noite…” refírese aos 40 anos sen liberdades, ás 4 décadas de noite política. Pero non se trata da noite civil ou histórica padecida por Galicia durante a ditadura. Non é a noite dunha colectividade, senón a dun individuo asustado, calumniado e indefenso que vive esa escuridade física da prisión. O poeta non levanta, airado, o seu verso ante a sinrazón, a inxustiza e o pecado social, senón que, ferido por ese pecado, inxustiza e sinrazón, canta a súa ferida persoal. Pero, ao fin, vemos que esa ferida é motivada por unha deficiencia histórica. É dicir, o poeta lírico bebe na fonte da intimidade para acabar converténdose nun poeta civil.
Viaxe ao país dos ananos (1968) parte tamén dunha experiencia persoal: a súa emigración a Venezuela e o descubrimento da realidade dos emigrantes en América.
A Promoción de Enlace
Considerados por algúns autores como epígonos da Xeración do 36. Eran moi nenos durante a Guerra Civil e accederon á cultura nos anos 40, en plena posguerra e nunha situación social e cultural penosa. De aí que moitos fosen autodidactas e descoñecesen tanto a literatura galega anterior como a que se facía no exilio, polo que a maioría comezaron escribindo en castelán para máis tarde pasar ao galego.
Antón Tovar
Poesía maioritariamente desgarrada e metafísica centrada no sentido da vida e da morte e na procura dun Deus ausente que nunca se revela.
Luz Pozo Garza
Cunha poesía basicamente intimista que, na súa etapa de madurez, combina coa preocupación social. Nas últimas obras aparece outra constante da súa obra: a influencia de Rosalía de Castro.
Manuel Cuña Novás
É o iniciador da “Escola da Tebra” cunha poesía característica desta escola con predominio do verso libre e un clima angustiado, onírico, mesmo terrorífico.
A Xeración das Festas Minervais
Chamada así porque os seus membros participaron nos certames literarios do mesmo nome no seo da Universidade de Santiago.
Estes poetas xa non viviron directamente a guerra, senón o período de escurantismo e represión derivado dela. Ante este panorama, procuran modelos externos no mundo cultural anglosaxón e francés, así como novas formas de expresión na cultura do jazz, o movemento beat, o cómic, o rock… Ademais son a xeración que recupera na clandestinidade a acción política nacionalista de esquerdas, xa vinculada ao marxismo.
Algúns dos seus membros (M. Ferrín, Bernardino Graña, Ramón Lorenzo ou Raimundo Patiño) formaron o grupo Brais Pinto na súa época de estudantes en Madrid, onde fundan unha editorial do mesmo nome e levan a cabo unha intensa actividade cultural e política.
Uxío Novoneyra
O poeta do Courel (Os eidos, Elexías do Caurel…) amósanos unha visión innovadora da paisaxe, máis íntima e metafísica, case panteísta, na que aparece o home en soidade unido á natureza inmensa e reflexionando sobre a existencia.
Pero non todo é paisaxismo, senón que tamén cultiva unha poesía máis social e política, defendendo a identidade nacional de Galicia, denunciando o imperialismo, etc.
Na forma, Novoneyra explota recursos como o fonosimbolismo ou os caligramas.
Xosé Luís Méndez Ferrín
Algunhas constantes da súa obra son, por exemplo: a presenza de Galicia, a invención de nomes ou as referencias intertextuais.
Ferrín traza xa nas súas primeiras obras as liñas mestras da súa poética social: a mensaxe política revolucionaria, o coidado formal – afastado do prosaísmo – e o ton épico das nacións derrotadas (como Occitania).
Do conxunto da súa obra, Con pólvora e magnolias (1976) é unha obra central na literatura galega e que supuxo unha renovación da poesía galega ao superar o discurso prosaico do socialrealismo. No propio título reúne a poesía política e revolucionaria (a pólvora) coa brillantez estética e o lirismo intimista (as magnolias). O tema principal da obra é o compromiso social e patriótico dende unha posición nacionalista e revolucionaria, pero tamén están presentes temas como a morte, o paso do tempo, o erotismo e o gozo da vida.
Destaca un ton épico moi característico da súa poesía, que se corresponde cunha construción mítica da nación galega.
En canto á forma, é frecuente o uso do verso libre, a ruptura do discurso lóxico e a peculiar disposición tipográfica dos versos.
Outros poetas desta xeración
Manuel María, Bernardino Graña, Xohana Torres, Antón Avilés de Taramancos, Arcadio López Casanova, e Salvador García Bodaño.