Produción Cultural Galega no Exilio: Poesía, Narrativa e Teatro (1936-1976)
T.9 A Literatura do Exilio entre 1936 e 1976: Poesía, Prosa e Teatro
A Guerra Civil e a ditadura franquista supuxeron un desmantelamento do sistema literario galego. Practicamente ata os anos 50, a Arxentina, México, Venezuela e Cuba acollen aos nosos exiliados, que continuarán a produción cultural galega. A cidade de Bos Aires convértese na capital da cultura galega.
1. A Poesía
Foi o xénero máis cultivado. Os temas máis recorrentes son a denuncia social, a reflexión sobre o drama dos emigrantes e dos exiliados galegos e a reivindicación da dignidade e do pasado histórico de Galicia. Destacan:
- Luís Seoane (1910-1979). Cultivou a pintura, o gravado, a ilustración, a edición... Déixanos títulos como Fardel de eisilado (1952), Na brétema, Sant-Iago (1956) e As cicatrices (1959), cuxos temas son a recreación histórica de Galicia e a temática social. Acostuma a empregar o verso libre e o ritmo do poema recae na repetición de palabras clave.
- Lorenzo Varela. Escribiu dous libros: Catro poemas para catro gravados, onde fai unha reivindicación do pasado histórico e lendario de Galicia, e Lonxe, poemario marcado pola saudade da terra e a guerra civil.
- Emilio Pita, tamén publicou no exilio: Cantigas de nenos (1944), O ronsel verdegal (1964) e Serán (1974). A denuncia da situación dos emigrantes, o testemuño da traxedia da Guerra Civil e a lembranza emocionada da paisaxe galega son os temas principais.
2. A Narrativa
Destacan as obras realistas, temas da Guerra Civil e as súas consecuencias, cun ton de denuncia testemuñal duns feitos vividos polos propios escritores. O mundo dos fuxidos, a guerrilla, a represión son argumentos frecuentes. Destacan:
- Ramón Valenzuela (1912-1980) vai ser o primeiro en testemuñar a guerra civil. Non agardei por ninguén (1957) céntrase na loita guerrilleira nos montes galegos. Temática que continuará en Era tempo de apandar (1980).
- Silvio Santiago (1903-1974). Escribe no exilio Vilardevós (1961), novela sobre a súa infancia na aldea natal, de intención realista e crítica. No ano 1976, publica O silencio redimido, de corte autobiográfico, onde recrea as súas vivencias durante a guerra, a detención e posterior fuxida ao exilio.
- Antón Alonso Ríos (1887-1980). No 1979 publica O siñor Afranio, ou como me rispei das gadoupas da morte, novela autobiográfica, que narra as súas experiencias de fuxido ata chegar a Bos Aires, vía Portugal.
Outras obras clave da nosa literatura son A Esmorga (1957) de Blanco Amor ou Memorias dun neno labrego (1961) de Neira Vilas.
O Ensaios e o Pensamento Político
Cómpre salientar o ensaio. O autor máis destacado é Castelao, que publicou Sempre en Galiza (1944), referente para o pensamento político galeguista, e Cruces de pedra na Galiza (1950).
3. Teatro
O traballo dos escritores exiliados uniuse aos dos emigrados, pois xa existía unha actividade teatral en América, polo que conviven dúas propostas diferentes:
Teatro popular
Pretendía manter a unión da colectividade, achegar aos emigrantes a terra natal recreando costumes e ambientes, dignificar o idioma apelando ao sentimentalismo, etc. Destaca neste grupo Manuel Varela Buxán (A xustiza do muiñeiro e O ferreiro de Santán). Obras de corte rural-costumista e humorístico, e de crítica social.
Teatro culto
Segue os camiños da renovación formal con técnicas, temas e enfoques dramáticos máis innovadores. Destaca Castelao coa obra Os vellos non deben de namorarse, de espectacularidade visual, cunha profunda crítica aos esquemas e valores dominantes da sociedade: o amor e a morte, o poder do diñeiro, a hipocrisía social ou a ríxida moral... Tamén se inclúe nesta tendencia o teatro de Luís Seoane, que escribiu A soldadeira e O irlandés astrólogo, e o teatro non realista de Blanco Amor, Farsas para títeres.