Resumen de crepusculo e as formigas xose Luis mendez ferrin

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras materias

Escrito el en gallego con un tamaño de 9,71 KB

O galego a finais do século XX e comezos do XXI: características lingüísticas fundamentais. Contexto histórico e situación sociolingüística.  En 1978 apróbase a Constitución: cooficialidade de galego e castelán en Galicia. En 1981 o Estatuto de Autonomía: “a lingua propia de Galicia é o galego”. En 1983 a Lei de Normalización Lingüística: regula o seu uso nas diversas administracións e servizos.

O galego convértese na lingua oficial da administración autonómica, da Xunta de Galicia. O seu ensino é obrigatorio en Primaria e Secundaria, e algunhas materias máis deberán ser impartidas nesta lingua. No ensino universitario xa non rexen estas normas. En 2004 o Parlamento galego aprobou por unanimidade o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega: 445 medidas destinadas a potenciar o galego, que non se chegou a desenvolver.

O galego é moi utilizado  nas actividades políticas, institucionais, universitarias e culturais. Mesmo parece que o seu uso comercial comeza a ser economicamente rendible e prestixia certos produtos. Hai moitas webs, foros, chats, blogs nos que é frecuente o galego. Temos tradutores, correctores ortográficos, Android, Windows, Facebook, Twitter... As compañías de telefonía móbil xa ofertan terminais en galego.

Mais a perda do número de falantes segue acelerándose. Xa non é a lingua exclusiva no rural, e nas pequenas e grandes vilas, nas cidades, cada vez é máis minoritaria. / Na busca dunha norma escrita, entramos na fase do galego estándar; vanse eliminando dialectalismos, arcaísmos e  hiperenxebrismos, ao tempo que se adapta á nova situación social (máis ámbitos de uso) e académica (vehículo para outras materias).

En 2014 o Galego ocupaba por número de falantes o posto 136 entre as linguas do mundo, o 49 por libros traducidos, o 37 por páxinas de Internet, o 26 por uso nas redes sociais.

O galego, lingua en vías de normalización.  O actual marco legal (Constitución do 78, Estatuto de Autonomía, Lei de Normalización Lingüística e Plan Xeral de Normalización Lingüística) senta as bases que poden conducir á recuperación e á normalización da lingua mais cómpre a intervención dos diferentes sectores sociais:

a) Acción institucional do poder político: Xunta, Concellos e Deputacións, elementos indispensables no proceso de normalización.

b) Acción colectiva non institucional: exercida por asociacións e colectivos . c) Acción individual. Supón un esforzo persoal e consciente para romper hábitos e condutas de desleixamento cara á situación social do idioma.

Nunca, desde a Idade Media, o galego dispuxo de tantas armas: oficialidade, mellora na consideración social, presenza no ensino e na cultura. Pero, nunca o perigo de substitución foi tan claro: ausencia de transmisión xeracional, presenza mínima nos medios de comunicación de masas... A cultura agraria e mariñeira, que foi a que mantivo a lingua, está a desaparecer; aínda que está a medrar unha nova adhesión noutros ámbitos. / Nas enquisas unha maioría é favorable ao uso do galego e veo positivamente. Mais segue existindo xente que o considera de segunda, sen interese para o futuro. Outros cren que é "a nosa lingua", que hai que promover o seu uso en todos os niveis, que é un valor engadido que nos sitúa no mundo dándonos unha identidade e achegándonos á comunidade de fala galego-portuguesa. Para uns a situación da lingua é óptima, a normalización clara e suficientemente. Para outros o futuro é moi escuro, non hai interese real pola normalización.


A Nova Narrativa Galega. Características, autores e obras representativas


O corpus da Nova Narrativa Galega (NNG) -calco de Nouveau Roman, movemento contemporáneo francés- abrangue unhas vinte obras publicadas entre 1954 (Nasce un arbre, de Gonzalo R. Mourullo) e 1971 (Adiós, María, de Xohana Torres). En palabras de Mª Xosé Queizán, unha das autoras, procúrase “elaborar a novela sen tema, sen andadura lóxica, sen busca; non hai heroe nin historia, nin anécdota”.

CARACTERÍSTICAS:


A) No relativo ao argumento, ao tema: abandono do antropocentrismo, localización espacial imprecisa, ambientes urbanos, ausencia de preocupación inmediata polos conflitos do país, mestura de realidade e mundo fantástico, situacións estrañas, opresivas e absurdas, presenza do sexo.

B) Formais: monólogo interior, distorsión temporal, pluralidade de voces narrativas

O autor máis destacado é Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 1938), cunha obra moi extensa e moi relacionada entre si, formada por novelas e relatos curtos que comparten a creación dun mundo fantástico, con forte presenza de violencia e elementos políticos tratados de forma alegórica. Nela podemos destacar unha primeira etapa de Nova Narrativa Galega: 1961-1971. Predominio da técnica experimental sobre o interese argumental. Tematicamente, trata o absurdo e a falta de sentido da vida, con influencia do existencialismo.

O crepúsculo e as formigas (1961) é un conxunto de relatos nos que deforma a realidade facéndonos dubidar se o que narra é real ou imaxinario. Pero o máis importante vai ser a violencia para mostrar situacións de opresión e miseria, é dicir, para mostrar unha realidade. A violencia, que forma parte do absurdo da existencia, prodúcese en seres atormentados e nun espazo escuro que semella ser o culpábel. Na novela Arrabaldo do norte (1964), sen seguir ningún modelo francés determinado, vese que hai unha forte vontade tecnicista (técnica obxectalista), superpondo a estrutura narrativa ao interese do relato. Presenta un home incapacitado para a comunicación, con diálogos inútiles, que anda perdido polas rúas á procura dun cambio na súa vida que non dá conseguido.

As outras etapas posteriores están xa fóra dos límites da NNG


Outro autor que comezou coa Nova Narrativa Galega foi Carlos Casares (Ourense, 1941-Vigo, 2002), pero as súas mellores novelas son posteriores e de feitura moito máis clásica. Nesta corrente inscríbense

-O libro de relatos Vento ferido (1967). O relatos Monólogo ou O xogo da guerra, figuran en moitas escolmas e libros de texto.

-A a novela Cambio en tres (1969)

A súa prosa posterior é (tal como defendía Castelao) sinxela pero moi traballada, para resultar natural e interesar a un amplo número de lectores.

As Letras Galegas de 2017 están dedicadas a Carlos Casares



Entradas relacionadas: