A Poesía das Irmandades da Fala e o Século XX en Galicia

Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en catalán con un tamaño de 6,25 KB

A POESÍA DAS IRMANDADES

En Galicia xorden no século XX o agrarismo, o nacionalismo, a emigración e o movemento obreiro.

O movemento agrario é desde 1907 a gran revolución social do campesiñado da época, loitando estes polos seus dereitos contra as clases altas. Destaca a Liga Agraria de Acción Gallega (1912), dirixida por Basilio Álvarez; fortemente perseguida, fréase cara a 1915, pero consegue a lei de redención dos foros, a ciencia axuda no progreso, o crecemento da industrialización ou a expansión internacional da industria pesqueira.

En 1916 xorden na Coruña as Irmandades da Fala, que axiña se estenden por toda Galicia. O seu obxectivo principal foi a defensa do galego para recuperar a cultura. En 1918 decláranse nacionalistas, pero en 1922 divídense nunha liña política e outra cultural; desta última nacerá a revista Nós.

A transición literaria e Antonio Noriega Varela

Na poesía, a entrada do século XX non supuxo un cambio no panorama literario galego, senón que continuaron as liñas iniciadas no Rexurdimento, con autores como Leiras Pulpeiro ou Lugrís Freire.

Destaca Antonio Noriega Varela, que está en contacto co agrarismo e publicou textos anticaciquís; por mor disto ten que ser desprazado a Ourense, onde coñece a membros do Grupo Nós.

A súa obra consta de: Montañesas (1904-1910) e Do ermo (1930, 1939, 1946). Na súa produción podemos sinalar dúas etapas:

  • Poesía costumista: mantense na liña do ruralismo costumista característico do século XIX, centrada na dura vida campesiña e nas súas alegrías festeiras.
  • Poesía paisaxista: caracterizada pola ausencia de anécdota. Nos poemas aparecen soamente o poeta e mais a natureza, sumidos na súa contemplación. O trazo destacado é o delicado lirismo co que se achega ás cousas humildes da paisaxe galega, cunha estilización e un esteticismo novidoso ("Toda humilde beleza me emociona").

Ramón Cabanillas: O Poeta da Raza

Pero o poeta máis destacado da época das Irmandades é Ramón Cabanillas (1876-1959), coñecido como O Poeta da Raza. Recolle o intimismo de Rosalía, o celtismo de Pondal e a protesta de Curros (toda a nosa tradición), introducindo elementos renovadores modernistas. Pódense distinguir dúas modalidades:

Poesía lírica

Distínguense catro orientacións: reivindicación cívica, intimismo, costumismo e modernismo. Obras destacadas: No desterro (1913), Vento mareiro (1915) e Da terra asoballada (1917). Ademais da influencia intimista de Rosalía, tamén destacan os poemas de carácter social que critican o caciquismo e a miseria do campesiñado galego. Esta poesía lembra a ira de Curros en canto á sociedade, e moitos poemas mostran unha gran exaltación galeguista.

Cabanillas procura novas vías poéticas cara a 1920, cando a súa produción se orienta cara á poesía mítica-saudosista, con obras como O Mariscal e Na noite estrelecida. Esta nova orientación amosa o compromiso do autor coa creación dun marco simbólico que axudase á causa do nacionalismo galego. Ademais, A rosa de cen follas e Da miña zanfona son poemarios predominantemente intimistas.

Poesía narrativa

Cabanillas desenvolveu tamén unha poética de carácter narrativo, con relatos épicos ou didácticos, cunha carga de forte lirismo, nos que a acción queda en segundo plano:

  • O bendito San Amaro (1925), obra na que se refire á lenda deste santo.
  • Samos (1958), relato didáctico e descritivo sobre a vida deste mosteiro.
  • Camiños no tempo (1949).

O Mariscal e a literatura dramática

O MARISCAL

En 1926 Ramón Cabanillas publicou O Mariscal, escrito por iniciativa de Vilar Ponte. Trátase dun drama histórico en verso que nos presenta o mariscal Pedro Pardo de Cela como abandeirado da oposición galega ao centralismo, polo seu enfrontamento cos Reis Católicos.

O estilo poético é similar ao usado por Cabanillas en Na noite estrelecida. Adoita empregar o romance octosílabo para os monólogos, así como pareados alexandrinos, en sinco coa estrutura principal do ciclo artúrico.

O Mariscal é un símbolo da resistencia galega fronte á política centralista dos reis, e convértese nunha referencia fundamental para o nacionalismo de comezos do século XX.