A Metafísica de Aristóteles: Conceptos Fundamentais e as Súas Definicións Clave

Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Filosofía y ética

Escrito el en español con un tamaño de 3,18 KB

Introdución á Metafísica

A Metafísica é aquela disciplina ou rama da filosofía cuxo obxecto de estudo é a realidade ao completo, no seu conxunto. Este estudo fragmentado da realidade non dá resposta a unha serie de cuestións que o ser humano se vén formulando dende hai miles de anos. Referímonos a cuestións coma:

  1. Que é a realidade?
  2. Que é o que existe?
  3. Que teñen en común todas as cousas que son/existen?

As Definicións Aristotélicas da Metafísica

Segundo Aristóteles, a Metafísica é unha ciencia teórica, isto é, que busca o saber por si mesmo, como fin, e non como medio para conseguir algo ulterior. Aristóteles dá catro definicións de Metafísica:

1. Ciencia que investiga o Ser en canto Ser

Aristóteles cría que cando dicimos que "algo é", podemos dicilo en moitos sentidos diferentes. Por exemplo, imaxinemos que eu teño un can branco. Agora reflexionemos sobre o feito de "ser can" e de "ser branco"; se nos fixamos, "can" e "branco" non son no mesmo sentido, xa que cando dicimos "ser branco" estarémonos referindo sempre a algo que posúe esta característica, mentres que "ser can" non se predica de nada. Así, a Metafísica, segundo Aristóteles, encargaríase de estudar o Ser no seu conxunto, as propiedades que lle pertencen en canto tal, e os diferentes sentidos e significados do Ser.

2. Ciencia que investiga a Substancia

Ser como Substancia é un dos múltiples sentidos en que podemos dicir que algo é. A Substancia é aquilo que permanece baixo os fenómenos, aquilo que subsiste na cousa e a fundamenta; é aquilo que é en si mesmo, e unha substancia existe en si mesma, o seu ser non depende doutro. Sen embargo, o "ser branco" non é en si mesmo, sempre se predica doutra cousa. Segundo Aristóteles, cada ser individual, cada cousa, sería unha substancia, e o conxunto de todas as substancias constituiría a realidade. Así, vemos que o significado de Ser arredor do cal xiran todos os demais é o de substancia, e é por isto que Aristóteles considera que a Metafísica debe adicarse especialmente ao estudo desta.

3. Ciencia que investiga as Causas e Principios Primeiros ou Supremos

Segundo Aristóteles, para coñecer algo, é necesario comprender o seu porqué, a súa causa. Principios e causa neste caso están sendo utilizados co significado de aquilo que fundamenta, o que dá conta de algo, a partir do cal algo existe. Así, Aristóteles considera que a Metafísica debe adicarse a investigar e discernir cales son as causas e principios da realidade e daquilo que a constitúe: as substancias.

4. Ciencia que investiga a Deus e a Substancia Suprasensible

Aristóteles cría que existía un primeiro principio do movemento e do cambio, un primeiro motor que produce o movemento dos planetas e de todas as cousas. Este principio do movemento recibe o nome de Substancia Suprasensible, Motor Inmóbil, ou Deus. Segundo o filósofo grego, a Metafísica encargaríase tamén de estudar este primeiro principio divino.