Literatura e Poesía das Irmandades da Fala
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
gallego con un tamaño de 2,67 KB
A Poesía nas Irmandades da Fala
As Irmandades da Fala, resultado do chamamento de Antón Villar Ponte aos intelectuais galegos e iniciadas na cidade da Coruña en 1916, tiñan como principal obxectivo a reivindicación da lingua e da cultura galega. Para iso, crearon medios editoriais para divulgar obras en galego. Ademais, contribuíron á formación dun público lector na nosa lingua e estiveron vinculadas aos grandes escritores galegos da época, moitos dos cales formaban parte delas. Na poesía, hai que destacar a Cabanillas e Noriega Varela.
Ramón Cabanillas: O Poeta da Raza
Ramón Cabanillas, coñecido como o "poeta da raza", estivo vinculado ao agrarismo e ás Irmandades, servindo como ponte entre os poetas do Rexurdimento e a poesía do século XX. Na súa obra pódense diferenciar catro etapas:
- Etapa de formación ou pregaleguista (1910-1915): obsérvase unha mestura da poesía do Rexurdimento con trazos modernistas, tratando a temática da emigración e da pésima situación do campesiñado. Pertencen a ela: No desterro, Visions gallegas e Vento mareiro, ademais da obra teatral A man de Santiña.
- Etapa galeguista (1916-1920): adóptase unha postura didáctica para achegar o galeguismo ao pobo. Pertencen a ela Da terra asoballada e a segunda edición de Vento mareiro.
- Etapa mítico-saudosista (1921-1930): trátase a Bretaña medieval na obra Na noite estralecida, composta polos poemas narrativos "A espada de Escalibor", "O cabaleiro do Santo Grial" e "O soño do rei Artur", nos que toma elementos pondalianos. Ademais, escribe xunto con Antón Villar Ponte a obra teatral O Mariscal, baseada en Pardo de Cela.
- Etapa da posguerra ou segunda madurez (1939-1959): cando xa parecía que rematara a súa obra, Cabanillas publica dous novos poemarios e dúas escolmas.
Antonio Noriega Varela
Antonio Noriega Varela comezou a súa carreira literaria gañando en 1895 un certame poético coa composición costumista "De ruada". Porén, a súa obra poética está composta por un único libro: Do ermo. Nel aprécianse trazos do saudosismo e do franciscanismo, e ten como temática fundamental a paisaxe. Nesta obra, a natureza é contemplada con tenrura por parte do autor.
Conclusión
Os poetas das Irmandades supoñen, en definitiva, unha ponte entre os poetas do Rexurdimento e a poesía do século XX, que vén acompañada de novas tendencias poéticas coma son o saudosismo, o franciscanismo e o modernismo.