Literatura Galega do Século XIX: Do Prerrexurdimento ao Rexionalismo
Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Otras materias
Escrito el en
gallego con un tamaño de 5,01 KB
A Literatura Galega do Século XIX
A Guerra da Independencia contra os franceses, primeiro, e os diferentes atrancos do centralismo político e as súas consecuencias, sufridos ao longo do século, van suscitar a reivindicación e defensa da identidade galega por parte dunha elite de intelectuais, con consecuencias en toda a creación literaria do XIX.
O Prerrexurdimento
O Prerrexurdimento pode distinguirse en dúas etapas: o primeiro período (1808-1833), durante o cal se promove autonomamente a defensa de Galicia, e o segundo período (1833-1862), que principia coa recuperación para a cultura escrita da lingua popular.
O Rexurdimento
O Rexurdimento establécese coa publicación de Cantares gallegos de Rosalía de Castro en 1863. Neste período, o proxecto de rehabilitación nacional iniciado polos primeiros provincialistas ten continuidade, a partir de 1886, no rexionalismo, cuxa figura destacada vai ser Manuel Murguía. Ata 1916 –que marca o inicio do nacionalismo– o rexionalismo vive circunscrito a un ámbito puramente cultural e xornalístico.
Contexto Histórico e Sociopolítico
En Galicia organízase a resistencia contra as invasións napoleónicas a través da “Xunta Superior do Reino de Galicia”. Coa chegada en 1814 de Fernando VII, anúlase a constitución de 1812 e reinstáurase a monarquía absoluta. A reacción dos liberais non se fai agardar. En 1820, a sublevación de Riego fai que Fernando VII convoque de novo as Cortes e acepte a constitución de 1812, iniciándose o Trienio Liberal.
Antes da morte de Fernando VII, o monarca abole a lei sálica para permitir o acceso ao trono da súa filla Isabel II. Este acceso ao trono ocasiona un conflito entre os carlistas e os isabelinos. Neste período prodúcese a desamortización dos bens, rendas e dereitos das institucións relixiosas. O resultado foi a ausencia dun investimento no eido da industria e, por outra banda, que o campesiñado continuase na mesma situación. A isto engadimos o obrigado pago dos décimos e os correspondentes impostos ao Estado; aos labregos só lles restará como única saída a emigración. Finalizada a primeira guerra carlista e instalados no poder os progresistas, coñécese en Galicia unha esperanzada etapa de esfervescencia política e ideolóxica. Sectores intelectuais presentan unha alternativa para atallar a deplorable situación socioeconómica pola que atravesaba Galicia, coñecida como o provincialismo. O Provincialismo foi derrotado en 1846, mais as actividades de sistematización das características diferenciadoras de Galicia foron frutificando. Este labor de espallamento cultural foi facilitado pola fundación, a partir dos anos 40, dunha serie de institucións como a “Academia Literaria”. Os Provincialistas iniciaron o seu labor de concienciación a través de periódicos culturais, entre os que cabe destacar El Idólatra de Galicia, El Recreo Compostelano e El Porvenir.
Textos en Galego durante o Período
A necesidade coa que se encontraba a clase dirixente para manter os ánimos do pobo fai que xurdan os textos propagandísticos, e algúns deles están escritos en galego. Dos textos contra a invasión francesa conservamos a proclama anónima de “un labrador que foi sarxento aos soldados do novo alistamento”, datado en 1808. En 1810 aparece o segundo texto que alude á Guerra da Independencia, Proezas de Galicia de Xosé Fernández Neira.
Noutros casos, o desexo de liberais e conservadores de atraer á súa causa motivou a aparición de textos en prosa galega en forma de cartas ou diálogos. A obra máis importante deste período é o folleto publicado na Coruña en 1813 baixo o título de “Os rogos dun galego establecido en Londres”, escrito por Manuel Pardo de Andrade. A restauración durante o Trienio Liberal da liberdade de imprenta e o regreso dos intelectuais exiliados fomenta que se publiquen algúns folletos e pregos soltos; entre eles destacan “La tertulia de la Quintana”. De finais deste breve período liberal, o folleto aparecido en Ourense co título de “Diálogo entre dos labradores gallegos, afligidos, y un abogado instruido” (1823) de Pedro Boado Sánchez. A primeira Guerra Carlista traerá de novo a literatura propagandística. Entre os textos destaca a “Tertulia de Picaños”.
Outras Manifestacións Literarias
Fóra do contexto sociopolítico, xorde unha serie de textos con valor literario. Algunhas son poesías satíricas, como os dous sonetos do absolutista Arias Teixeiro; outras son obras de circunstancias. Continuadoras dunha tradición anterior que se remonta aos séculos XV e XVI, temos un feixe de panxoliñas destinadas ás celebracións de Nadal. O principal autor do primeiro cuarto do século XIX foi Antonio Bieito Fandiño, que vai alcanzar a fama pola peza teatral A casamenteira (1812). De Nicomedes Pastor Díaz quédannos dous textos en galego, tanto na “Alborada” como na “Égloga de Belmiro e Benigno”.