A Lingua Galega na Democracia: Fitos Históricos e Desafíos Actuais

Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 3,49 KB

Libro: A Normalización da Lingua Galega no Postfranquismo

O período que comeza coa morte de Franco caracterízase social e politicamente pola recuperación das formas democráticas na organización do Estado, o que significa un aumento do nivel das liberdades cidadás e repercute no proceso de reivindicación cultural e lingüística de Galicia.

Fitos Clave na Normalización Lingüística

Cómpre mencionar os seguintes acontecementos:

  1. 1976: Constitución en Santiago do Departamento Universitario de Galego-Portugués.
  2. 1978-1981: En virtude da Constitución e do Estatuto de Autonomía, o galego acadou o rango de lingua oficial na Comunidade Autónoma. Trátase, na verdade, dunha cooficialidade asimétrica e máis virtual que efectiva, pero que supuxo un fito histórico para o noso idioma.
  3. 1982: Froito do acordo entre a RAG (Real Academia Galega) e o Instituto da LG (Instituto da Lingua Galega), publicáronse as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego, que definen o estándar da lingua contemporánea.
  4. 1983: Promulgación da Lei de Normalización Lingüística. En aplicación desta Lei, incorporouse ao sistema educativo oficial a disciplina de Lingua e Literatura Galegas no ensino primario e secundario, e os galegos comezaron a ser alfabetizados na propia lingua.
  5. 1986: Comezaron as emisións periódicas da RTVG (Radio Televisión de Galicia), emisoras públicas dependentes da Xunta de Galicia. Así mesmo, a compañía estatal RTVE emitiu en galego programas a través da canle Radio 4 e da emisora territorial de TVE en Galicia.
  6. 1988: Creouse a Mesa pola Normalización Lingüística, unha ONG que defende o uso normalizado do galego e loitou arreo por conseguilo.

Expansión nos Anos 80 e 90

A Prensa e o Mundo Editorial

Nos anos 80, foron moitas as cabeceiras de prensa monolingües que viron a luz. Desde 1977, apareceu de novo A Nosa Terra, fiel a un ideario nacionalista. Cabe destacar que en 1944 publicouse o primeiro diario integramente en galego: O Correo Galego.

Nos anos 80 e 90, o mundo editorial galego viviu unha grande actividade. Naceron novas empresas editoriais de capital galego e algúns grupos editoriais de España e estranxeiros interesáronse pola publicación en galego.

O Galego na Era Dixital

Nos anos 90, o galego accedeu ao mundo da informática: apareceron algúns programas de ordenador en galego, entre eles os correctores ortográficos. En 1999, comezou a funcionar o primeiro buscador en galego.

Percepción Social e Retos Actuais

Desde que o galego foi recoñecido como lingua cooficial ata hoxe, a percepción social da lingua mellorou considerablemente.

Non obstante, a escola vive nos últimos tempos un período regresivo non demasiado esperanzador. Ben é certo que o galego está presente en todos os ámbitos da comunicación social e en todos os medios, pero nalgún deles a súa presenza é puramente testemuñal e anecdótica.

Un dos grandes retos da Xunta de Galicia é o de transmitirlle de maneira clara e distinta a toda a sociedade galega a idea de que o galego é o primeiro ben cultural e o activo social máis importante do que dispoñemos.