O Labor Cultural, a Poesía e o Teatro do Exilio Galego

Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 5,13 KB

1. O labor cultural do exilio galego

A derrota do bando republicano na Guerra Civil empurrou ao exilio a moitos galegos, entre eles escritores, artistas e intelectuais. Os países de América (Arxentina, Uruguai e México) acolleron o maior continxente de exiliados. Esta concentración axudou a dinamizar a vida asociativa da comunidade galega, reforzou as posicións políticas do galegismo e traduciuse en innumerables iniciativas culturais. O exilio mantivo así a cultura galega que non podía desenvolverse baixo o franquismo, ao mesmo tempo que garantiu a continuidade do galego como idioma escrito.

Principais iniciativas culturais

  • Actividades e difusión: Organización de exposicións, conferencias, certames, cursos do idioma, mostras do libro galego, etc.
  • Labor editorial: Fundación de varias editoriais e coleccións bibliográficas. No exilio editáronse obras emblemáticas da nosa literatura como Sempre en Galiza (Castelao) ou A esmorga (Eduardo Blanco Amor).
  • Medios de comunicación: Posta en marcha ou sostemento de xornais (A Nosa Terra), revistas (Galeuzca, Galiza Emigrante, Vieiros) e programas radiofónicos (Sempre en Galiza, Galiza Emigrante).
  • Institucións: Constitución de diversos organismos e entidades culturais como o Patronato da Cultura Galega.
  • Reivindicación internacional: Denuncia diante da UNESCO da persecución que da cultura e do idioma galegos perpetraba decotío o réxime franquista.

En Bos Aires e Montevideo concentráronse a maioría dos intelectuais que lograron fuxir da represión, tales como Castelao, Lorenzo Varela, Arturo Cuadrado e Rafael Dieste.

2. A poesía no exilio

Temas fundamentais: As denuncias sociais, o drama vivido no exilio, o patriotismo galego, a saudade das paisaxes natais e a reflexión sobre a situación do exiliado.

Autores destacados

Luís Seoane

Pintor, debuxante, ilustrador de libros, poeta e autor teatral. En 1936 colaborou na campaña a favor do Estatuto de Autonomía de Galicia. Cando estala a guerra fuxe a Portugal e logo a Bos Aires. Alí desenvolveu un importante labor de propagandista da causa republicana e de animador da cultura galega e arxentina.

  • Obra: O volume Obra poética, editado en 1977, reúne toda a súa produción, que se compón dos seguintes títulos: Fardel d'eisiliado, Na brétema, Sant-iago, As cicatrices e A maior abondamento.
  • Características: Estilo realista, poesía lóxica sen metáforas, sobria pero chea de forza e de paixón comunicativa. Destaca pola temática social, a visión mítico-reivindicativa da historia de Galicia, a pouca presenza do eu persoal e o predominio do verso longo.

Lorenzo Varela

Combateu nas filas do exército republicano. Exiliouse primeiro en México e despois foi a Bos Aires, onde se uniu ao círculo de Seoane. Publicou, ademais dos seus libros en español, Catro poemas pra catro gravados e máis tarde Lonxe, obra que trataba da emigración e contaba con gravados de Seoane. As vivencias tráxicas da Guerra Civil, as figuras emblemáticas da Galicia medieval e a saudade da terra son os temas recorrentes da súa obra.

Emilio Pita

Emigrou a Arxentina con doce anos e nese país foi animador de iniciativas culturais e galeguistas. Publicou Jacobusland, Cántigas de nenos e Serán, entre outros. A nostalxia por Galicia, a condición de emigrante, a denuncia da opresión franquista e as vivencias persoais son os temas básicos da súa poesía.

Florencio Delgado Gurriarán

Exiliado en México, publicou Galicia infinda, con evocacións da terra natal e descricións das paisaxes mexicanas en clave hilozoísta.

Eduardo Blanco Amor

Edita en Bos Aires Cancioneiro, un libro heteroxéneo onde reflicte o drama da soidade, o desengano amoroso e a exaltación nacionalista.

3. O teatro no exilio

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao

Castelao culmina en Bos Aires o esforzo de renovación do teatro levado a cabo no primeiro terzo do século XX polas Irmandades da Fala e polo Grupo Nós.

  • Concepción teatral: As liñas básicas da súa dramaturxia son o gusto pola simetría na estrutura das obras e pola expresión concentrada; o expresionismo e o simbolismo combinados co humorismo e co folclore; e a idea do teatro como espectáculo integral que reúne texto, escenografía e danza.
  • Os vellos non deben de namorarse: Foi estreada en Bos Aires pola compañía galega de Maruxa Villanueva. Preséntanse tres versións ou lances dun mesmo esquema dramático: o vello que se namora dunha moza e a imposibilidade deses amores, que acaban inevitablemente coa morte do vello. Ademais, os tres lances en conxunto van enmarcados por un prólogo e un epílogo, aparecendo neste último reunidos todos os protagonistas.