Galicia 1916–1936: agrarismo, Irmandades da Fala, Partido Galeguista e lingua galega

Lengua y literaturaActualizado el 10,7 KB

Resumen

O texto ofrece unha visión xeral da sociedade, a economía, a política e a lingua de Galicia entre 1916 e 1936. Analiza o agrarismo, as Irmandades da Fala, o Seminario de Estudos Galegos e o Partido Galeguista, así como a poesía e o teatro de Cabanillas e os xéneros xornalísticos de opinión. Tamén explica o avance social do galego e a súa substitución polo castelán nesas décadas.

Puntos clave

  • O agrarismo, xurdido na primeira década do século XX, reivindicaba mellores condicións de vida para os labregos e a propiedade da terra; a redención dos foros conseguiuse en 1926.
  • As Irmandades da Fala foron promovidas por Antón Villar Ponte en 1916 na Coruña e reclamaban a cooficialidade do galego e o castelán, a autonomía integral e a igualdade entre homes e mulleres.
  • O Partido Galeguista naceu en 1931 e conseguiu que o primeiro Estatuto de autonomía de Galicia fose aprobado en referendo en xuño de 1936, sen chegar a entrar en vigor pola Guerra Civil.
  • Cabanillas publicou poesía cívica, intimista e costumista, así como a obra narrativa Na noite estrelecida (1926), ambientada nas lendas artúricas e situada en Galicia.
  • Entre 1916 e 1936 o galego era a lingua maioritaria da poboación, pero tiña menor prestixio que o castelán e estaba apartado do ensino, da Administración e da Igrexa.
  • Entre 1936 e 1978 a castelanización acentuouse por causa da represión franquista, da educación obrigatoria en castelán, da industrialización tardía, da urbanización e dos medios audiovisuais.

Ponte a prueba

Galicia 1916–1936: sociedade, economía e política

Desde o punto de vista social, a Galicia de comezos do século XX segue marcada por un forte atraso económico: continúa cun asentamento maioritariamente rural; un importante fluxo migratorio cara a América; unha industrialización escasa e vinculada a capital estranxeiro; e unhas deficientes vías de comunicación.

Cómpre salientar que durante as tres primeiras décadas do século XX en Galicia se producen importantes cambios sociais e culturais. Entre os primeiros destaca o movemento agrarista; entre os segundos, a creación das Irmandades da Fala: a semente deste impulso cultural e político que se desenvolverá até 1936.

O agrarismo

Foi un movemento reivindicativo do campesiñado galego que xurdiu na primeira década do século XX. As súas demandas eran:

  • Mellorar as condicións de vida dos labregos e denunciar o caciquismo.
  • Solicitar a propiedade da terra para quen a traballaba, superando o sistema foral que se arrastraba desde a Idade Media. Despois de anos de loita, mesmo con vítimas mortais, en 1926 conseguiuse a redención dos foros.

As Irmandades da Fala

En 1916 Antón Villar Ponte promoveu a Irmandade da Fala da Coruña coa finalidade de reivindicar a lingua e a cultura de Galicia. A partir desa data, estendéronse polas cidades e vilas do país asociacións formadas por persoas de diferentes clases sociais e profesións variadas, que pretendían, entre outros obxectivos:

  • A cooficialidade entre o galego e o castelán.
  • A autonomía integral para Galicia (lexislativa, xudicial e tributaria).
  • A igualdade de dereitos entre o home e a muller.

O traballo cultural das Irmandades plasmouse na creación de editoriais como Céltiga, Lar ou Nós; en xornais e revistas como A Nosa Terra (voceiro das Irmandades) e Nós; en compañías teatrais como o Conservatorio Nacional de Arte Dramática; e en institucións científicas como o Seminario de Estudos Galegos.

O Seminario de Estudos Galegos

Foi unha institución formada por estudantes e profesores da Universidade de Santiago que participaban nas Irmandades da Fala. Entre os seus obxectivos estaban:

  • Estudar e divulgar o patrimonio cultural galego.
  • Formar investigadores.
  • Utilizar o galego no ámbito científico.

O Partido Galeguista

Foi o primeiro partido político nacionalista xurdido en Galicia. Naceu en 1931 cun obxectivo común: a consecución dunha maior autonomía para Galicia, dotándose dun Estatuto de autonomía.

Despois de obter representación parlamentaria en dúas lexislaturas, conseguiron que se aprobase en referendo o primeiro Estatuto de autonomía de Galicia en xuño de 1936; pero non chegou a entrar en vigor polo estoupido da Guerra Civil.

Os xéneros xornalísticos de opinión

Nun xornal non só atopamos textos informativos. Tamén aparecen textos con función ideolóxica: os que expresan opinións explícitas sobre temas de actualidade. Entre estes xéneros periodísticos de opinión salientan o editorial, o artigo de opinión e a columna.

O editorial

A dirección do xornal pode emitir explicitamente a súa opinión sobre un tema determinado. O editorial é un texto publicado sempre sen firma (ou sexa, coa firma do xornal), onde se comenta algún asunto de actualidade e se toma postura sobre el.

O artigo de opinión

Todos os xornais e revistas adoitan contar cunha serie de colaboradores que, sen pertencer á redacción, escriben de forma fixa. A maior parte destes textos son artigos de opinión, nos que a persoa que os asina expresa o que pensa sobre un tema determinado.

A columna

A columna é unha variante do artigo de opinión. Coma el, expresa a opinión persoal de quen a asina, pero posúe ademais unha característica específica: o seu espazo é fixo e breve (o que cabe nunha columna do xornal, de aí o seu nome).

A poesía de Cabanillas

A poesía lírica

A poesía lírica de Cabanillas está recollida nas seguintes obras: No desterro (1913), Vento mareiro (1915), Da terra aduñada (1917) e A rosa de cen follas (1927). Na obra lírica de Cabanillas maniféstanse dúas —en realidade tres— direccións temáticas:

  • Poesía cívica. Nos tres primeiros libros, Cabanillas recolle o facho prendido por Curros para crear unha poesía comprometida co agrarismo e co nacionalismo das Irmandades da Fala. Aparece nela a exaltación da aldea fronte á cidade, a idea de Galicia como unidade colectiva e unha chamada á rebelión.
  • Poesía intimista. Ten ecos de Rosalía nalgúns aspectos. O sentimento amoroso e a admiración pola paisaxe son protagonistas destas pezas, recollidas sobre todo en A rosa de cen follas.
  • Poesía costumista. Presenta matices humorísticos ou irónicos, así como novidades formais de carácter modernista.

Poesía narrativa

Moi próximo aos principios do Grupo Nós, Cabanillas escribiu Na noite estrelecida (1926), obra na que recupera temas da materia de Bretaña (lendas do Rei Artur e os cabaleiros da Táboa Redonda, procura do Santo Graal...), situando a acción en Galicia. A obra desenvólvese conforme aos postulados das Irmandades da Fala, coa colaboración de Vicente Risco na defensa dos valores espirituais e materiais do atlantismo galeguista.

O poemario consta de tres sagas: «A espada Escalibor», custodiada na illa de San Xoán; «O cabaleiro do Santo Graal», no que Galahaz atopa o cáliz da Derradeira Cea no Cebreiro; e «O sono do rei Artur», que narra a morte de Artur e o seu descanso eterno nunha furna á espera de novos tempos.

Tamén de carácter narrativo son O bendito San Amaro (1925), que narra o pecado, a penitencia e os milagres de don Amaro de Quintela, personaxe lendario popular da comarca do Salnés, e Santos (1938), que presenta a historia e a vida comunitaria dese mosteiro.

O teatro

Cabanillas, consciente da importancia do teatro como medio de popularización da nosa historia e cultura, publicou A man de Sabela (1921), comedia de tema amoroso e ambiente fidalgo, e O mariscal (1926), un drama centrado na figura do mariscal Pardo de Cela como símbolo da oposición galega ao centralismo dos Reis Católicos, obra posta ao servizo do ideario das Irmandades da Fala.

Historia social da lingua galega: 1916–1936

No período comprendido entre 1916 e 1936, a lingua galega continúa, esencialmente, o seu proceso de substitución lingüística polo castelán. Non obstante, esta substitución aínda non acadou grande relevancia cuantitativa.

A maioría da poboación galega segue a ser principalmente rural e a vivir afastada da cultura: os rapaces e as rapazas asistían durante moi pouco tempo á escola ou nin sequera eran escolarizados.

Esta situación contribúe a manter e mesmo reforzar os prexuízos lingüísticos cara ao galego. Porén, no interior das clases letradas xorden grupos de grande importancia cultural que reivindican o valor do galego e demóstrano empregándoo en calquera tipo de ámbito.

No período anterior, o denominado Rexurdimento, o galego comezara a empregarse na escrita, sobre todo en textos poéticos. En cambio, no primeiro terzo do século XX os autores do Grupo Nós (Castelao, Risco e Otero Pedrayo) inauguran a nova moderna en galego e cultivan tamén o teatro.

Todos estes persoeiros, ademais, escollían o galego para os seus discursos públicos.

Estes avances na extensión de funcións para o galego non tiveron grande repercusión na maioría da sociedade, analfabeta e afastada da cultura. Ademais, o galego seguía totalmente apartado de ámbitos como o ensino, a Administración, a Igrexa ou o comercio. A súa presenza na prensa periódica continuaba sendo moi reducida. Polo tanto, atopámonos nun período no que o galego é a lingua claramente maioritaria da poboación pero que, dende o punto de vista do prestixio, segue a ocupar unha posición inferior ao castelán.

A aprobación do Estatuto de autonomía en 1936 supón tamén un grande avance para o galego a nivel legal e político. En calquera caso, estas melloras vense truncadas co inicio da Guerra Civil.

Historia social da lingua: 1936–1978

Neste período, o proceso de substitución do galego polo castelán acentúase profundamente e alcanza niveis preocupantes tanto cualitativos como, por primeira vez, cuantitativos.

Así, en 1936 apenas o 10% da poboación galega falaba castelán, pero corenta e cincuenta anos despois case a metade dos galegos castelanízanse parcial ou totalmente nesta lingua.

Os motivos do aumento do proceso de castelanización son diversos:

  • Represión do franquismo contra todas as linguas distintas do castelán.
  • Xeneralización da educación obrigatoria, exclusivamente en castelán.
  • Cambio da estrutura socioeconómica tradicional: a industrialización chega a Galicia, moi tardiamente, coa creación dos polos industriais de Vigo, A Coruña e Ferrol (na década dos 60). Isto provoca, á súa vez, urbanización e o éxodo do campo á cidade; ambos os procesos foron sempre acompañados dun cambio de lingua cara ao castelán.
  • Chegada dos novos medios de comunicación audiovisuais (radio e, posteriormente, televisión), exclusivamente en castelán, que permiten que esta lingua se introduza en todos os fogares.

A produción en lingua galega

Os anos da Guerra Civil española (1936–1939) e os primeiros anos da ditadura franquista foron totalmente estériles para a produción cultural na lingua propia. Todas as iniciativas que comezaran na etapa anterior remataron no mesmo ano en que comezou a guerra.

Cómpre esperar a 1950 para que o cultivo do galego comece a recuperarse, sobre todo grazas á creación, ese mesmo ano, da editorial Galaxia.

A pesar desta tímida recuperación cultural, estaba prohibido publicar en galego calquera texto informativo nos xornais, así como empregalo en actos públicos, incluso por parte da Real Academia Galega.

O galego nos movementos políticos e asociativos

A partir dos anos 60 comezan a xurdir agrupacións que reivindican o uso do galego e achégano á sociedade.

Ademais, a nivel político fúndanse o Partido Socialista Galego (PSG) e a Unión do Pobo Galego (UPG). Estes partidos recuperan de novo o idioma para os usos públicos orais e o seu emprego exténdese a todos os partidos contrarios á ditadura.

Descargar

PDF Word HTML

Preguntas frecuentes

Que reivindicaban as Irmandades da Fala?

Reivindicaban a cooficialidade entre o galego e o castelán, a autonomía integral para Galicia (lexislativa, xudicial e tributaria) e a igualdade de dereitos entre o home e a muller. Tamén buscaban reivindicar a lingua e a cultura galegas.

Cal foi o primeiro partido político nacionalista de Galicia?

O primeiro partido político nacionalista xurdido en Galicia foi o Partido Galeguista, fundado en 1931 co obxectivo de obter unha maior autonomía para Galicia.

Que é un editorial?

O editorial é un texto de opinión publicado sen firma, coa firma do propio xornal, no que se comenta un tema de actualidade e se toma postura sobre el. Expresa a opinión explícita da dirección do xornal.

Ponte a prueba

Tarjetas de repaso

Pulsa una tarjeta para ver la respuesta.

Test

1. En que ano promoveu Antón Villar Ponte a Irmandade da Fala da Coruña?
2. Que se conseguiu en 1926 tras anos de loita do agrarismo?
3. Que obra narrativa de Cabanillas se publicou en 1926?
4. Por que non chegou a entrar en vigor o Estatuto de 1936?
5. Que institución formaban estudantes e profesores da Universidade de Santiago que participaban nas Irmandades?
6. Que obxectivo tiña o agrarismo?

Preguntas generadas con IA a partir del documento: comprueba las respuestas con el texto.