Historia da Lingua Galega, Ramón Cabanillas e as Vangardas Literarias
Fitos da normalización lingüística contemporánea
- 1976: Constitución do Departamento Universitario de Galego-Portugués.
- 1978/1981: En virtude da Constitución (1978) e do Estatuto de Autonomía (1981), o galego acada o rango de lingua oficial na Comunidade Autónoma.
- 1982: Froito do acordo entre a Real Academia Galega (RAG) e mais o Instituto da Lingua Galega (ILG), publícanse as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego.
- 1983: Promulgación da Lei de Normalización Lingüística.
- 1986: Comezan as emisións da Radiotelevisión de Galicia (RTVG).
- 1988: Créase A Mesa pola Normalización Lingüística (MNL).
- Anos 80: Son moitas as cabeceiras de prensa escrita en galego (como O Correo Galego).
- Anos 80 e 90: O mundo editorial galego vive unha grande actividade e aparecen novas empresas editoriais de capital galego (como Edicións do Cumio).
A conciencia lingüística e as súas etapas
A conciencia lingüística é o conxunto das actitudes e ideas que os falantes dunha lingua pensan e saben sobre ela. (A conciencia lingüística é a idea que os falantes dun idioma teñen de que a súa fala é unha lingua e non un dialecto; por exemplo, os andaluces non a teñen).
A conciencia lingüística ten un carácter social e transmítese de xeración en xeración. Cando dúas linguas entran en contacto, prodúcese unha situación que favorece e axuda a que os falantes pensen na súa fala coma unha lingua diferenciada. Esta conciencia lingüística desenvólvese ao longo dun dilatado período de tempo que pode abarcar varios séculos (no caso do galego, cando menos desde o século XII até a actualidade).
A conciencia lingüística romance
No noso territorio, a conciencia lingüística rexístrase por primeira vez a comezos do século XII.
Etapas da formación da conciencia: A Idade Media
- O latín úsase só como lingua escrita nos rexistros formais (liturxia, documentos oficiais).
- Desde fins do século XII, o galego é o idioma inicial e maioritario para os usos na comunicación oral espontánea e xa é recoñecido como lingua literaria.
- Desde mediados do século XIII (finais do XII), o galego aparece tamén como lingua escrita non literaria.
- No século XIV irrompe en Galicia unha nova nobreza que emprega unicamente o castelán. Prodúcese, pois, a ruptura do monolingüismo en galego. Iníciase unha etapa caracterizada, desde unha perspectiva sociolingüística, pola diglosia. A situación agrávase no século XV, período no que se completa o proceso de substitución das elites autóctonas por outras chegadas de fóra.
- Xorde a primeira manifestación explícita conservada da conciencia diferencial entre galego e portugués: no século XV afiánzase a idea de que o galego é unha lingua diferente do portugués.
Do Posrexurdimento á Guerra Civil: Poesía e sociedade
Contexto histórico
- O agrarismo: Constitúe o movemento social máis representativo do primeiro terzo do século XX. Trátase dun proceso reivindicativo que procura melloras nas condicións de vida dos campesiños. Destaca Basilio Álvarez (crego), líder de Acción Galega (movemento societario labrego), quen pedía a eliminación dos foros e loitaba contra o caciquismo, defendendo os labregos fronte aos fidalgos e á Igrexa católica. Este pensamento influíu notablemente en Ramón Cabanillas.
- O nacionalismo: Movemento ideolóxico e conxunto de ideas que defende que Galicia é unha nación por termos unha cultura, historia e lingua propias. Articúlase politicamente en 1916 coa creación das Irmandades da Fala por Antón Vilar Ponte, influíndo tamén de xeito decisivo en Ramón Cabanillas.
- A emigración: É un dos fenómenos máis característicos da sociedade e da economía galega moderna e contemporánea. A partir de mediados do século XIX e durante o século XX, o fluxo migratorio con destino a América coñece un incremento sen precedentes.
- O movemento obreiro: Ao longo das primeiras décadas do século XX prodúcese a aparición das primeiras organizacións de traballadores. Con todo, a escasa industrialización e o atraso nas comunicacións constitúen un atranco considerable para o desenvolvemento de Galicia.
- A revista Nós: Publícase en Ourense desde 1920. O seu núcleo fundacional está formado por Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo e Florentino López Cuevillas.
Ramón Cabanillas
Inicialmente, Cabanillas utiliza un galego de corte popularizante na liña dos escritores do Rexurdimento (Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez e Eduardo Pondal). Posteriormente (desde os anos 20), o seu idioma sitúase nun rexistro enxebrizante, en consonancia con autores como Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo e Castelao.
Ramón Cabanillas é a figura literaria que actúa como ponte fundamental entre a poesía decimonónica do século XIX e a poesía das vangardas.
Etapas poéticas de Ramón Cabanillas
- 1.ª etapa (1910-1915) - Etapa de formación (pregaleguista / agrarista): Predomina o «eu» nostálxico de resonancias rosalianas xunto coa chamada exaltada á rebelión cívica.
- 2.ª etapa (1915-1920) - Etapa decisiva (galeguista): Predomina a temática cívica e procura a concienciación nacionalista do pobo galego.
- 3.ª etapa (1920-1931) - Etapa mítico-saudosista (nacionalista historicista): Reconstrúe o pasado histórico e mitolóxico na procura da esencia galega.
- 4.ª etapa (1939-1959) - Segunda madurez (intimista): Caracterízase polo intimismo autorreflexivo en liña co pesimismo existencial da posguerra.
As Vangardas na literatura galega
As vangardas son un movemento artístico e poético que xorde en Europa e en Galicia nas primeiras décadas do século XX (nomeadamente a partir de 1920) co desexo de renovar a arte e anticipar as formas do futuro.
Entre as correntes vangardistas ou «ismos» internacionais cómpre salientar:
- Futurismo: Corrente poética moi influída polos avances tecnolóxicos (o ferrocarril, o automóbil, a velocidade).
- Dadaísmo: Movemento que pretendía romper coas normas artísticas e chamar a atención imitando a liberdade expresiva da infancia (arte naíf).
- Cubismo: Procura a descomposición xeométrica da realidade e o efecto visual en 3D.
- Surrealismo: Pretende liberar e sacar á luz o subconsciente humano e o mundo dos soños.
Os «ismos» propios na literatura galega
O creacionismo, o hilozoísmo e o neotrobadorismo son as tendencias vangardistas con maior relevancia na lírica galega:
- O hilozoísmo: Tendencia poética renovadora con maior eco porque se axusta á tradicional liña paisaxística galega, á que introduce o recurso sistemático da imaxe humanizadora e a personificación (animismo da natureza). O seu creador e principal impulsor foi Luís Amado Carballo.
- O creacionismo: Pretende facer do poema un obxecto autónomo e orixinal, transformando motivos tomados da realidade para outorgarlles unha vida nova e independente. O seu expoñente fundamental foi Manuel Antonio.
- O neotrobadorismo: Recupera os recursos formais da lírica medieval galego-portuguesa. Divídese en dúas correntes: unha máis innovadora que se afasta dos moldes estritos medievais (representada por Fermín Bouza-Brey) e outra máis conservadora ou mimética que segue de preto os modelos antigos (representada por Xosé María Álvarez Blázquez). Os seus recursos característicos son o paralelismo, o leixaprén e o refrán.
Autores e obras representativas
- Manuel Antonio: Autor do poemario cumio do creacionismo galego, De catro a catro (1928). Caracterízase pola escaseza de referencias explícitas a Galicia, a abundancia de metáforas vangardistas e unha lectura esixente e complexa.
- Fermín Bouza-Brey: Fundador da corrente neotrobadoresca. Destaca coa súa obra Nao senlleira (1933; que significa «nave solitaria»), considerada o primeiro título referencial do neotrobadorismo galego.
- Luís Amado Carballo: Creador da escola hilozoísta ou animista (onde a natureza gaña vida a través de continuas personificacións). Destacan as súas obras Proel (1927) e O galo (1928).