O galego de 1936 a 1975: Historia e Lingua
A Guerra Civil terá negativas consecuencias para a lingua e a cultura galega. Algúns dos máis destacados galeguistas pagárono coa vida (Ánxel Casal), outros con expedientes (Otero Pedrayo) ou cárcere (Carballo Calero) e os máis afortunados co exilio (Castelao).
O silencio e o exilio americano
Todo o esplendor anterior queda reducido ao silencio. O galego convértese nunha lingua inferior, que só se utiliza coa familia ou cos amigos, aínda que non estea legalmente prohibida. O castelán será a única lingua real e oficial para a Administración, a Igrexa e a escola. Durante os primeiros anos da ditadura, son os intelectuais do exilio americano os que manteñen viva a cultura galega creando editoriais, revistas e programas de radio. A capital da cultura galega é agora Bos Aires, con figuras como Castelao, Rafael Dieste ou Blanco Amor.
A recuperación cultural e a Editorial Galaxia
A recuperación cultural no interior iníciase ben avanzada a década dos 40 coa publicación de Cómaros Verdes en 1947. Porén, será en 1950 cando un grupo de intelectuais (Ramón Piñeiro, Fernández del Riego, Otero Pedrayo) funde a Editorial Galaxia, que terá unha importancia capital para a recuperación da nosa cultura. Nela publicarán os seus libros autores como Fole, Cunqueiro, Méndez Ferrín e Carlos Casares.
A década dos 60 e a desgaleguización
Na década dos 60 xorden os partidos nacionalistas, créanse asociacións que loitan polo noso idioma e cultura, e comeza a haber unha certa tolerancia desde a esfera oficial:
- 1963: Celebración do primeiro Día das Letras Galegas.
- 1965: A lingua e a literatura galegas entran no plan de estudos da USC.
- 1971: Aparición do ILGA (Instituto da Lingua Galega).
A desgaleguización social avanza rapidamente debido a que, a partir dos anos 60, aumenta o éxodo do campo á cidade, o que conleva un aumento da castelanización por imitación das clases altas ou medias. Este proceso viuse reforzado por:
- O ensino, que se desenvolve en castelán.
- A Igrexa, que utiliza o castelán cando abandona o latín.
- Os medios de comunicación, integramente en castelán.
O camiño cara ao protoestándar
Malia todos os atrancos, o galego segue sendo, en 1975, a lingua maioritaria do país. No camiño de busca dunha norma culta, dámoslle a este período o nome de protoestándar. Neste tempo aumenta a conciencia da súa necesidade e, aínda que non se consegue a oficialidade, podemos caracterizalo polo desexo de simplificación ortográfica (eliminación de guións e apóstrofos) e de depuración léxica (rexeitamento de castelanismos e incorporación de neoloxismos).