Ética e Política: Xustiza, Cidadanía e Felicidade
Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Filosofía y ética
Escrito el en
gallego con un tamaño de 7,93 KB
A Conexión entre Ética e Política
Existe unha conexión entre a xustiza e a política, é dicir, entre a ética e a política, pois son dous aspectos dun mesmo coñecemento práctico que se ocupa do ben humano rexido pola prudencia. Polo tanto, a política procede do carácter esencialmente social do ser humano (sociedade).
Tipos de Xustiza
- Xustiza legal: Se a virtude universal ou xeral consiste na obediencia ás leis, é porque as leis establecen os modos de comportarse; ser virtuoso é obedecer as leis.
- Xustiza distributiva: A distribución dos cargos do Estado debe facerse de acordo coas esixencias da xustiza.
A Política como Ética Comunitaria
A ética e a política ocúpanse do ben humano ao rexerse pola prudencia. O ser humano é un ser social e soamente no seo da sociedade lle é posible alcanzar o seu ben, unha vida digna e feliz (influencia de Sócrates e de Platón). Pero o ser humano é social porque ten por natureza a capacidade de falar. É, así pois, un animal cívico, e a súa palabra é o fundamento da comunidade social ou política.
Segundo el, o ser humano soamente podería lograr a súa perfección e o seu ben en convivencia cos outros seres humanos. Polo tanto, a autarquía, unha forma de vida solitaria que se posúe cando se ten todo o necesario para a felicidade, non sería a forma máis virtuosa da sociedade, pois o individuo illado non é autosuficiente. O Estado é a forma máis perfecta da sociedade e é onde se logra unha vida boa, digna e satisfactoria.
Así, o Estado é a forma de organización superior que busca o ben común, o ben da comunidade, isto é, que a súa función é procurar que os cidadáns poidan acadar unha alta calidade de vida, que facilita unha vida boa, digna e satisfactoria.
(*) Platón era menos realista, pois consideraba que para ser feliz só facía falta cultivar a alma. (*) No concepto dun Estado como organismo natural que non se constrúe artificialmente, o organicismo social contraponse ao convencionalismo sofista, no que o Estado era un pacto artificial entre os membros.
Niveis das Sociedades Naturais
Para solucionar estas necesidades básicas, ás que Platón non facía referencia, alimento e guarida, ou o que é o mesmo, o ben particular, estaban a comunidade da familia, que era a unidade básica social na que o home posúe a autoridade sobre os fillos, os escravos e a muller (con esta última, autoridade democrática), e a comunidade resultante da unión de familias, a aldea. Estas dúas comunidades non poderían sobrevivir por si soas sen o todo, a polis ou Estado, a comunidade máis natural que posúe autosuficiencia total, xa que por natureza somos gregarios. Este nivel preocúpase da felicidade dos cidadáns.
Non abonda coa simple convivencia, estar asociados ou convivir nun mesmo lugar. O que define á comunidade é o feito de que perseguen xuntos un mesmo fin: o ben común.
O Concepto de Cidadán
Os membros da cidade ou cidadáns son aqueles que conforman o Estado de xeito natural. Vese aquí outra das influencias do seu mestre, ao considerar que o individuo non se separa da sociedade e que, polo tanto, o único que hai son cidadáns.
Os cidadáns son aqueles que participan amigablemente na elaboración da xustiza legal que conleva ao ben común: a felicidade. Son aqueles que practican as virtudes públicas, que non teñen por que ser nativos.
Formas de Goberno ou Réximes Políticos
O ben común pode alcanzarse a través de varias formas de goberno, o que Aristóteles chama réximes políticos.
(*) Platón, pola contra, cría nunha soa forma virtuosa de goberno: a aristocracia do saber ou, o que é o mesmo, o goberno dos mellores, dos máis sabios, dos que coñecían a Idea de Ben e a transmitían.
Aristóteles, en cambio, opinaba que os gobernantes non tiñan por que coñecer a Idea de Ben; con que a practicasen era suficiente. Polo tanto, para el o fin da política é a acción, que é o que nos dá a experiencia.
Ditas formas virtuosas ou puras de goberno, ou réximes políticos, que buscan o ben último son:
- Monarquía: Asumida de diferente forma que Platón. Goberna un.
- Aristocracia: Goberna unha minoría.
- Politeia ou República: Goberno dunha maioría de acordo coa lei universal, a xustiza e co ben común. Sería esta unha democracia xusta.
(*) Platón consideraba a esta última como unha forma de goberno viciosa porque os que gobernaban eran elixidos popularmente e, polo tanto, o cargo recaía en persoas sen preparación.
Os réximes podíanse perverter cando o poder se orientaba no interese propio do gobernante e dar lugar ás formas viciosas e inxustas de goberno:
- Tiranía: Na cal se suprimen as liberdades. Goberna un.
- Oligarquía: Onde os gobernantes eran os máis ricos. Goberna unha minoría.
- Demagoxia: O goberno da maioría non de acordo coa lei da xustiza xeral (universal), senón coa opinión pública. Isto é unha democracia dexenerada.
Esta organización do goberno idónea, segundo Aristóteles, viuse truncada coa aparición do Imperio, na que a verdade a establecía o emperador e era absoluta: o dogma. Polo tanto, xa non se podía participar na busca do ben común e, como consecuencia disto, desaparece o concepto de cidadán, que pasa a ser individuo e que só se preocupa pola vida particular por medo a que se tomen represalias contra el.
A Filosofía despois de Aristóteles: O Helenismo
Mentres que no período ático o sabio é o que coñece a verdade, agora o sabio é o que sabe vivir ben, xa que coa chegada do Imperio de Alexandre Magno as liberdades cívicas e políticas retroceden, dedicándose así a buscar a propia felicidade e o ben particular. Isto radica na ataraxia, é dicir, a imperturbabilidade anímica ou ausencia de preocupacións, ou serenidade ante a vida, na autarquía ou dominio de si mesmo e na liberdade interior.
Ante esta problemática aparecen as escolas morais do helenismo, que comparten a busca da felicidade particular pero que discrepan na virtude:
- Epicureísmo: VIRTUDE, mesura: ausencia de dor dende a ascese; buscar o pracer no termo medio para que non se volva contra nós, e traia consigo consecuencias negativas. FELICIDADE: pracer
- Estoicismo: VIRTUDE, apatía (ausencia de paixóns). Ética máis consecuente ao Imperio. FELICIDADE: seguir o logos (razón universal ou destino)
- Escepticismo: VIRTUDE, epojé (ante a imposibilidade de dicir que é bo e que é malo, deciden suspender o xuízo e non posicionarse; non cuestionan os dogmas) e aphasía (suspensión da fala). FELICIDADE: ausencia de dogmas, seguindo a razón universal do Imperio que nos movía: o destino.