A Filosofía de Immanuel Kant: Teoría e Ética

Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Filosofía y ética

Escrito el en gallego con un tamaño de 7,85 KB

O Coñecemento en Kant e o Xiro Copernicano

Kant na súa orixe era racionalista; tras a lectura de Hume desperta do seu "soño dogmático", desconfía do seu escepticismo respecto á posibilidade de formular xuízos científicos e critica a destrución que fai da causalidade. Neste sentido, Kant vai formular unha posición que pretende ser unha síntese de racionalismo e empirismo. Recolle do racionalismo a súa pretensión: ten que haber un coñecemento científico universal; e recolle do empirismo que o material do coñecemento procede da experiencia.

Por iso vai haber, segundo Kant, un elemento "a priori" (anterior a calquera tipo de experiencia e que vai residir na nosa facultade de coñecer) e outro "a posteriori" (despois da experiencia, que vai ser o material procedente dos sentidos). Esta combinación vai vir determinada polo denominado "xiro copernicano": para Kant, como suxeitos que coñecemos, non somos unha "táboa rasa", senón que recibimos impresións deses obxectos e, de forma activa, ordenamos esas impresións e clasificámolas aplicándolles conceptos. Froito deste "xiro copernicano", faise que haxa un elemento a priori de carácter universal que vai permitir formular xuízos que cumpran os requisitos científicos segundo Kant.

A Estética e a Analítica Trascendental

Kant vai analizar a posibilidade dos xuízos sintéticos a priori na matemática, na física e na metafísica respectivamente na Estética Trascendental, Analítica Trascendental e Dialéctica Trascendental. Na Estética Trascendental vai estudar a facultade da sensibilidade; Kant demostra a aplicación dos xuízos sintéticos a priori na matemática, no que vai haber un elemento "a priori" que van ser as intuicións puras da sensibilidade: espazo e tempo.

Estas intuicións puras ordenan o material sensible que procede da experiencia (formas, tamaño, cores...) nun espazo e nun tempo. Son universais e necesarias, xa que non poden non darse. Non hai nada que poidamos percibir fóra dun espazo e dun tempo. No espazo captamos simultaneamente unha serie de impresións e no tempo unha sucesión. Na Analítica Trascendental estuda o entendemento como a facultade que permite establecer conceptos que nos permiten comprender o material que percibimos do exterior. O material que procede da experiencia necesitamos comprendelo e, para iso, utilizamos o entendemento.

A Moral en Kant: O Uso Práctico da Razón

Kant, ademais do uso teórico, distingue un uso práctico da razón que nos levará a establecer as leis da acción moral. Kant vai seguir un modelo formalista. A moral débese formular en xuízos universais e necesarios. O Ben supremo non vai ser produto de contidos materiais como a felicidade, o pracer ou a educación. Non vai ser unha ética das consecuencias, senón unha ética das intencións.

Kant vai buscar as normas que me permitan obrar de tal maneira que sexa unha norma universal. Por iso, para establecer unha norma universal, non pode basearse nos fins, senón que debe marcar as accións boas por si mesmas, por deber, sen proceder da experiencia; por iso é unha ética formal. A boa vontade consiste na actuación por deber, sendo esta actuación por deber a base da autonomía moral. A moral exprésase por medio de mandatos ou imperativos porque hai unha certa obriga, dado que a boa vontade normalmente non coincide cos nosos desexos ou inclinacións naturais.

O Imperativo Categórico e os Postulados

Neste sentido, divide os imperativos en: Hipotético e Categórico. O imperativo categórico é o fundamento da moralidade e parte de tres máximas. En resumo:

  • Débese actuar por principios universais.
  • Débese tratar a un mesmo e aos demais como fins e non como medios ou ferramentas para outros fins.
  • Estes principios deben aplicarse a todos os seres racionais (é dicir, a todos os seres humanos), porque todos os seres humanos son iguais.

Dado que no reino dos fins hai cousas que non teñen prezo, para Kant a dignidade é todo aquilo que non ten prezo. A boa vontade é a que nos permite actuar con dignidade. Un requisito necesario para que exista comportamento moral é que as nosas accións sexan totalmente autónomas e non condicionadas por elementos externos. Como a unión entre virtude e felicidade parece incompatible, a razón práctica esixe uns presupostos necesarios ou postulados dos que derive a súa existencia. Estes postulados da razón práctica son: a liberdade, a inmortalidade da alma e a existencia de Deus.

A existencia de Deus xustifícase en base a que no mundo hai disconformidade entre o ser e o deber ser. Deus é a realidade na que ser e deber ser identifícanse, dándose unha unión perfecta de virtude e felicidade. O home virtuoso renuncia á felicidade, pero faise digno dela, xa que o home só pode acadar o Supremo Ben se Deus existe.

As Categorías e a Dialéctica Trascendental

Cando Kant fala de conceptos empíricos ("Esta é unha mesa"), é un concepto que aplicamos a posteriori de percibir nun espazo e nun tempo unha serie de impresións; pero ademais destes, Kant descubre unha serie de conceptos que son anteriores a calquera tipo de experiencia (a priori) aos que Kant chama categorías. Estas son conceptos puros e que se corresponden cos tipos de xuízo: así como hai 12 tipos de xuízo, así lle corresponden 12 categorías.

Cando dicimos "Os corpos dilátanse coa calor", estamos establecendo unha relación de causa-efecto a priori e universal, porque haberá que comprobar efectivamente se é certo ou non que "os corpos dilátanse coa calor", pero o que é certo é que á hora de establecer ese xuízo utilizamos a categoría de causalidade. As categorías, como conceptos a priori, aplícanse aos obxectos procedentes da experiencia (fenómenos), permitindo formular os xuízos sintéticos a priori na física.

Lóxica da Aparencia e Ideas Regulativas

Sensibilidade e entendemento son dúas facultades distintas pero que teñen que estar indisolublemente unidas para que haxa coñecemento: "Pensamentos sen contidos son baleiros; intuicións sen conceptos son cegas". O coñecemento para Kant é unha combinación de razón e experiencia. Que sucede cos obxectos que están máis alá da experiencia (noúmeno) como Deus, Alma e Mundo, que son obxecto da Metafísica? Que, ao non aplicarse as categorías ao material da experiencia, son pensamentos sen contidos que poidan ser contrastables e verificables e, polo tanto, unha aplicación errónea das categorías.

Este é o problema con que se atopan os metafísicos, que están sometidos a continuas disputas sen que se consolide como unha ciencia como poden ser a matemática ou a física. Na Dialéctica Trascendental (tamén chamada lóxica da aparencia), analiza se a metafísica pode ser ou non unha ciencia. Kant analiza o proceder da razón na procura de razoamentos cada vez máis xerais, de tal xeito que neste proceso chégase ás ideas de: alma, mundo e Deus. Estes obxectos extraempíricos, aínda que non son válidos desde o punto de vista do modelo físico-matemático, non quere dicir que sexan totalmente inútiles, pois son ideas regulativas da razón como un horizonte que está aí, ao cal non podemos chegar pero que é un referente, e que poden ser supostos ou postulados da moral.