Estereotipos e prexuízos lingüísticos no galego: historia e normativización
Clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en
gallego con un tamaño de 8,73 KB
Actualizado el
Resumen
O texto explica como o contacto entre linguas reproduce a xerarquía social e como os estereotipos sobre o galego lle restan validez. Repasa a historia da normativización do galego, desde o Rexurdimento ata a norma culta de 1982, e a situación da lingua tras a Guerra Civil e a democracia. Serve para entender os retos actuais da lingua.
Puntos clave
- En contacto de dúas linguas, a dominante vai ocupando os ámbitos da dominada e provoca a súa substitución.
- Entre os prexuízos máis comúns está a idea de que o galego é propio do mundo rural ou que non serve para as matemáticas ou a informática.
- A normativización do galego comezou no século XIX co Rexurdimento e tivo catro etapas ata a actual norma culta.
- As Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego foron aprobadas en 1982 pola RAG e o ILG e reformadas levemente en 2003.
- Tras a Guerra Civil, a represión lingüística converteu o galego nunha lingua clandestina e reduciu os seus ámbitos de uso.
- A Lei de Normalización Lingüística de 1983 incorporou o galego ao sistema educativo oficial.
Resumen generado con IA a partir del documento. Ponte a prueba
Estereotipos e Prexuízos Lingüísticos: A súa Repercusión
Se nunha comunidade hai dúas linguas en contacto, estas reproducen a xerarquía social existente dentro dela: unha das linguas -a dominante- vai ocupando progresivamente os ámbitos da outra -a dominada- e provocando a súa substitución. A esta lingua dominada ou recesiva (que vai perdendo usos) chámaselle tamén lingua minorizada e é empregada unicamente nos ámbitos socioculturais máis baixos e ignorada ou desprezada nos máis elevados, dos que foi desprazada pola lingua dominante.
Un dos moitos obstáculos no camiño da normalización é a vixencia de determinados estereotipos e prexuízos lingüísticos que pretenden transmitir a idea de que a lingua minorizada (o galego no noso caso) non é tan válida para o desenvolvemento como a hexemónica, polo que non ten futuro:
- O galego é propio do mundo rural.
- O galego non serve para as matemáticas ou a informática.
- O galego non serve para nada fóra do territorio.
- O que hai que aprender é inglés e non galego.
- O galego só o falan os nacionalistas.
- O galego normativo é “inventado”.
- O galego non ten sentido no mundo actual globalizado e con Internet.
Todas son falsas verdades e tamén se aplican noutros casos de linguas minorizadas. O galego é unha lingua tan válida coma calquera outra en todas as situacións. Se non existisen estes prexuízos, poderiamos falar dun bilingüismo harmónico entre as dúas linguas, unha convivencia pacífica na que cada quen fale o que lle apeteza e domine ben os dous idiomas. Esta solución pode hoxe darse en determinados falantes, mais aínda semella utópica no conxunto da sociedade na que seguen vixentes os citados prexuízos lingüísticos.
O Galego: Avances e Retos
O galego abálase hoxe entre o positivo dos avances que se acadaron e a preocupante persistencia de síntomas moi negativos para o futuro da lingua. Na situación de conflito lingüístico que aínda estamos a vivir, de non cambiar as tendencias, o galego pode chegar a desaparecer, aínda que por outra banda, a nosa lingua xa superou ao longo da súa historia outras situacións desfavorables máis complexas.
Historia da Normativización do Galego
A existencia dunha variedade estándar -usada nos ámbitos formais, a que se describe nas gramáticas- contribúe a frear a dispersión dunha lingua. O galego tardou en contar cunha variedade estándar: fixación dunha ortografía, unha gramática e un dicionario (normativización lingüística). A nosa lingua non emprendeu esa tarefa –imprescindible para a súa normalización social- ata o século XIX, co Rexurdimento. Neste longo proceso hai catro etapas:
- Ata fins do século XIX: Utilizan o galego oral no seu rexistro popular (o que se conservara), cheo de vulgarismos, castelanismos e dialectalismos.
- Ata 1936: Os autores inclinaranse por un modelo diferencialista, que marque distancias co castelán.
- Ata comezos de 1980: Simplificación ortográfica (eliminación de apóstrofos, guións, acentos graves e cincunflexos) e aposta pola ortografía inspirada no castelán.
- Ata hoxe: En 1982, a RAG (Real Academia Galega) e o ILG (Instituto da Lingua Galega) aprobaron as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego, levemente reformadas en 2003, que son a norma culta oficial vixente na actualidade.
Nos últimos anos, as ferramentas informáticas e a Internet supuxeron un importante avance na implantación da norma culta. Ten unha longa tradición o reintegracionismo partidario de que o galego retome as súas orixes uníndose en maior ou menor medida ao actual portugués. Unha das figuras máis relevantes é Ricardo Carvalho Calero, autor ao que se adicou o Día das Letras Galegas 2020.
Chamámoslles desviacións a aquelas voces que non se axustan á normativa, ben porque non pertencen ao nivel culto (vulgarismos, dialectalismos), ben por non seren palabras de uso actual (arcaísmos), ben por seren inventos motivados indirectamente pola presión do castelán (hipergaleguismos). As interferencias son o influxo dunha lingua sobre outra, frecuente en situacións de contacto lingüístico e que afectan maioritariamente á lingua máis débil; son os castelanismos no galego: a maioría son de tipo léxico.
O Galego Despois da Guerra Civil
Finalizada a guerra civil, iníciase en Galicia un período de interrupción das actividades culturais e lingüísticas propias. A nova orde imposta caracterízase pola represión de todo aquilo que supoña un feito diferencial tanto a nivel político, como cultural ou lingüístico. A igrexa, a escola, a administración pública, os medios de comunicación... van empregar exclusivamente o castelán. Galicia somérxese nun silencio profundo e o galego convértese nunha lingua clandestina que pouco a pouco vai ir perdendo prestixio social e ámbitos de uso que non sexan os exclusivamente familiares.
Vanse afianzando os prexuízos lingüísticos que levarán ao galego á consideración de lingua inferior e a transmisión do galego como lingua materna vai ir diminuíndo. Entre 1936 e 1950, anos da máis dura e pechada etapa do franquismo, a Galicia territorial cede a súa palabra á Galicia Americana, que se converterá en centro cultural e espiritual do galego e de Galicia.
No ano 1950 nace a editorial Galaxia, que axiña se converterá nun dos principais instrumentos da recuperación cultural galega. Galicia vai recuperando pouco a pouco a súa voz e xorden arredor dos anos sesenta diferentes institucións e asociacións culturais que se empeñan no traballo de recuperación lingüística e cultural, de afirmación da personalidade nacional e de resistencia fronte ao franquismo.
A contestación política ao réxime franquista reactívase e adopta unha defensa decidida da lingua galega. En 1963, co gallo do centenario da publicación de Cantares gallegos de Rosalía de Castro, a Real Academia Galega institúe a efeméride das Letras Galegas cada 17 de maio. No ano 1965, a lingua e literatura galegas entran nos plans de estudo da Universidade de Santiago. Publícanse dous importantes estudos lingüísticos: Gramática elemental del gallego común (1966) de Ricardo Carvalho Calero e Diccionario galego castelán (1968) de Xosé Luís Franco Grande. En 1971 créase o Instituto da Lingua Galega, organismo universitario que irá participando activamente na definición da norma culta do galego moderno.
O Galego a Finais do Século XX e Comezos do XXI
Morto Franco (1975) e instaurada unha democracia parlamentaria, a situación do idioma vai estar definida polo marco xurídico-legal que emana da Constitución (1978). Esta recolle a cooficialidade de galego e castelán en Galicia. No Estatuto de Autonomía (1981) dise que “a lingua propia de Galicia é o galego”. O galego incorpórase ás máis variadas funcións: xornais e revistas, ao ensino, á radio e televisión, ao libro didáctico; vai ser empregado na Universidade, na Administración, na Igrexa, na publicidade...
Mais a pesar desta presenza, semella que aínda estamos lonxe de conseguir a recuperación total do idioma. En 1982, froito do acordo entre a Real Academia Galega e mais o Instituto da Lingua Galega, publícanse as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego que definen o estándar da lingua contemporánea e que a Xunta de Galicia adoptou como oficiais. Aínda que a aceptación desta normativa non foi unánime, dende a revisión das normas no 2003, este rexeitamento é mínimo.
No ano 1983 promúlgase a Lei de Normalización Lingüística, que vai supoñer, entre outras cousas, a incorporación da Lingua Galega ao sistema educativo oficial, o cal supón un fito histórico xa que por vez primeira os galegos comezan a ser alfabetizados sistematicamente na propia lingua. No ano 2004 apróbase por unanimidade no Parlamento galego o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, documento que deseña actuacións de promoción e defensa do idioma para o converter en lingua de uso normal en Galicia (aínda que reformado á baixa en 2010).
O galego é moi utilizado nas actividades políticas, institucionais, universitarias e culturais. (Mesmo parece que o seu uso comercial comeza a ser economicamente rendible e prestixia certos produtos). Hai moitas webs, foros, chats, blogs nos que é frecuente o galego. Temos tradutores, correctores ortográficos, Android, Windows... As compañías de telefonía ofertan terminais en galego. Aínda así, a nosa lingua segue a perder falantes iniciais e habituais, e tampouco consegue desterrar vellos e novos estereotipos lingüísticos negativos que fan que o seu uso habitual, sobre todo nos máis novos, diminúa día a día.
Preguntas frecuentes
Cales son os principais estereotipos lingüísticos sobre o galego?
Entre eles están que o galego é propio do mundo rural, que non serve para as matemáticas ou a informática, que non serve fóra do territorio e que o galego normativo é inventado. Segundo o texto, todos son falsas verdades.
Que é a normativización lingüística?
É a fixación dunha ortografía, unha gramática e un dicionario para unha variedade estándar usada nos ámbitos formais. O galego iniciouse neste proceso no século XIX co Rexurdimento.
Cando se aprobaron as normas ortográficas do galego actual?
Foron aprobadas en 1982 pola Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega, e reformadas levemente en 2003.
Ponte a prueba
Tarjetas de repaso
Pulsa una tarjeta para ver la respuesta.
Test
Preguntas generadas con IA a partir del documento: comprueba las respuestas con el texto.