Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez: obra e temáticas do Rexurdimento
Resumen
Este texto presenta a vida e a obra de dous autores do Rexurdimento: Eduardo Pondal, coas súas influencias helenísticas, celtas e ossiánicas e o libro Queixumes dos Pinos, e Manuel Curros Enríquez, co seu cívico Aires da miña Terra e a sátira Divino Sainete. O estudante aprenderá os trazos estéticos, temáticos e as obras máis relevantes de ambos.
Puntos clave
- Eduardo Pondal (nado en Ponteceso en 1835) inaugura a liña poética da Escola Formalista dentro do Rexurdimento.
- A obra de Pondal recibe influencias do helenismo, do celtismo (a través de Murguía) e do ossianismo de James Macpherson.
- Queixumes dos Pinos (1886) é a obra máis importante de Pondal, estruturada en cantos queixosos e sen títulos.
- Os Eoas é un poema épico ao modo renacentista, inspirado en Os Lusíadas de Camões, sobre a conquista de América.
- Manuel Curros Enríquez (nado en Celanova en 1851) publica Aires da miña Terra (1880), con poemas sociais, intimistas e costumistas.
- Divino Sainete (1888) é unha sátira na que Curros, guiado polo espectro de Añón, viaxa a Roma e critica os sete pecados capitais.
Eduardo Pondal: Vida e Obra
Influencias e Temáticas na Obra de Pondal
Eduardo Pondal nace en Ponteceso en 1835, no seo dunha familia acomodada. Pertence ao Rexurdimento, inaugurando a liña poética da "Escola Formalista".
Os piares estéticos e ideolóxicos serven de base para a obra de Pondal:
- Helenismo: Abundan nos poemas de Pondal as referencias ao mundo grego: grandes feitos históricos, mitos, heroes... Para Pondal, Grecia representa o heroísmo e unha concepción ética e épica presente na virilidade espartana dos seus heroes. Esta concepción acada o seu cume na idea de morrer pola patria. O Bardo, identificado con Tirteo, portador igual que el da arpa, fai unha exhortación ao combate para liberar a patria e enxalza a nobreza de morrer por redimir a nación.
- Celtismo: Murguía foi o primeiro en conectar, a través dunha trama de fíos liñaxísticos, a orixe celta galega coa gaélica, recorrendo principalmente ás sagas irlandesas do Leabhar Gabhala. Destas fontes mitolóxicas procede o fundador de Brigantia, Breogán. Polo tanto, é Murguía o que lle proporciona a Pondal os indicios mitolóxicos dos que carecía para facer unha poesía de evocación épica e céltica, e Murguía ten que recorrer ás sagas irlandesas nas que se encontrarán indicios de que os fenianos, ou descendentes de Fenio, tiñan poboado a Península antes de estabelecerse en Eirín (Irlanda). Un xefe, Breogán, pai de Ith, da liñaxe de Fenio, nacera na Península Ibérica, e á morte do seu pai Brath, que loitara á súa chegada con xentes preexistentes no país, tomou o principado. Breogán someteu as tribos da Península, fundou unha cidade chamada Brigantia e en fronte da cidade levantou unha torre. Ith desde a torre, nunha clara tarde de inverno divisou Irlanda e navegou a ela, onde os reis o feriron de morte. Traído o corpo á Península, as xentes da súa casa xuntadas en Brigantia, botaron as súas naves ao mar e someteron os reis de Irlanda, quedando donos da terra. E desta forma xa temos unhas orixes comúns con Irlanda, que naquelas alturas xa comezaba a facer as súas reivindicacións patrióticas, e era un espello onde outras nacións sometidas podían mirarse.
- O Ossianismo e o Bardismo: O modelo no que se inspira Pondal para a súa poesía de substrato celta vaino ofrecer o poeta escocés James Macpherson, que no século XVIII dera a coñecer uns poemas atribuídos a un antigo bardo gaélico do século III, Ossián. Estes poemas non son máis que unha recreación que Macpherson presentou como o testemuño auténtico da historia dunha nación. "Pondal -como di Carballo Calero- experimenta o influxo de Macpherson nun momento no que a influencia xeral de Macpherson xa pasara" pero "había na personalidade de Pondal unha tendencia ao heroico que, unida á súa fe celtista, decidiu o seu ossianismo". Así, a poesía de Pondal non é pura arqueoloxía, latexa nela unha intención patriótica, unha vontade de superación colectiva. "É poesía cívica", acaba dicindo Carballo Calero. Pero Pondal non ten material para facer unha xesta épica ao estilo dun Ossian, nin heroes nos que facer recaer os feitos heroicos, por iso a poesía de Pondal non vai narrar as xestas da nación galega ou Brigantia. Pondal limitouse á evocación de heroes por el inventados, cuxos nomes proceden en xeral da toponimia. Como di Carballo Calero, "Pondal quería ser fiel á historia, e falto de lendas épicas, renunciou ao epilion macphersoniano. Fixo unha especie de himno heroico disolto en lirismo, no que se alude vagamente aos duros combates, esforzados feitos..." e tinguido todo dunha ética ruda e varonil, acorde co carácter da épica. Móvense pois os heroes de Pondal, dentro dunha "bruma de orixes". E ao lado dos guerreiros están os bardos.
O Bardo na Poesía de Pondal
O Bardo: Un bardo era un poeta celta encargado de transmitir as historias, as lendas e as cancións de forma oral, ademais de cantar a historia do seu pobo en longos poemas recitados. Para Pondal, o bardo representa a conciencia da raza e a memoria do seu pobo.
Queixumes dos Pinos (1886)
Queixumes dos Pinos foi publicado en 1886 por Martínez Salazar na Coruña, baixo o selo editorial de La Voz de Galicia, e trátase da obra máis importante de Pondal. É un libro de estrutura pechada que comeza co canto dun bergantiñán que "da patria a punxente servidume parece recordar" e termina tamén co canto do mesmo personaxe sobre o mesmo tema. Ámbolos textos enmarcan o libro. Ademais, o libro ten un carácter marcadamente unitario ao que contribúe a ausencia de títulos, xunto co ton triste dos poemas e a recreación dun pasado mítico e lendario en moitos deles. É curioso como Pondal introduce versións de textos, no transcurso do libro, que nos dan a sensación de déjà-vu, unha reminiscencia igual á que poden experimentar os personaxes pondalianos diante da natureza. Son voces que van evocando e ao mesmo tempo conformando todo un universo mítico, ou nun plano máis íntimo, momentos dunha biografía sentimental. Esas voces, confusas, son os queixumes dos pinos. Desta forma, o libro artéllase sobre unha serie de cantos queixosos, que o vento trae e leva, que evocan a morte do bardo, un feito heroico que tivo lugar nese sitio, un súbito rapto amoroso ou un recordo da infancia.
Os Eoas
Os Eoas trátase dun poema épico ao modo renacentista, inspirado sobre todo en Os Lusíadas de Camões. Nel nárrase a conquista de América polos españois. O poema está composto por estrofas de sete versos e de arte maior, ten rima consonante nos pares e libre nos impares.
Manuel Curros Enríquez: Vida e Obra
Manuel Curros Enríquez, nado en Celanova (Ourense) en 1851, é outra figura destacada do Rexurdimento.
Aires da miña Terra (1880)
Organización: Os poemas están encadrados entre unha "Introdución", que ten por obxecto xustificar o emprego do galego, proclamado "Cristo das linguas", e unha "Encomenda" final, que serve para deixar ben asentado o compromiso cívico do autor.
Temáticas:
- Poemas sociais ou cívicos: Grupo fundamental da obra. Inclúense os poemas nos que Curros defende aspectos do seu ideario progresista, democrático e galeguista, e expón críticas contra os sectores hexemónicos da política e da sociedade do seu tempo: "Crebar as liras", "Ós mozos", "Mirando ó chau", "A igrexa fría", "O maio"... Curros posiciónase contra a tiranía, o fanatismo relixioso, o caciquismo, o inxusto reparto da terra, a ignorancia, a pena de morte, os abusos de poder...
- Intimistas e de circunstancias: Algúns poemas que teñen a súa orixe nalgún acontecemento persoal e familiar ou nalgunha desgraza na vida do autor: "Ben chegado", con motivo do nacemento do seu primeiro fillo; "¡Ai!", pola morte do seu segundo fillo; o poema "Na morte de miña nai", etc. Tamén se incluirían nesta categoría os poemas "Templo deserto" e "Sola", representativos do agnosticismo relixioso que Curros profesaba.
- Costumistas: Os tres cos que gañou o Certame Literario de Ourense (1877): "O gueiteiro", "A Virxe de Cristal" e "Unha boda en Einibó". O influxo de Rosalía dos Cantares é moi evidente.
Divino Sainete (1888)
Componse dunha "Introdución" e oito "Cantos". Adopta como motivo argumental unha imaxinaria peregrinación de Curros a Roma con motivo do xubileu do Papa León XIII, acompañado polo espectro do poeta Añón, morto dez anos antes, que exerce o papel de guía ao igual que Virxilio na Divina Comedia. Añón vai conducindo a Curros a través dos distintos vagóns do tren en que viaxan. Cada vagón corresponde a un dos sete pecados capitais: preguiza, envexa, gula, ira, luxuria, avaricia e soberbia. Neses vagóns viaxan o xuíz Mella e o bispo Cesáreo Rodrigo; frades obscenos e comellóns, que devoran os escritores do Rexurdimento, incluído o propio Curros; carlistas sanguinarios; beatas luxuriosas; libreiros e usureiros que estafan a Curros; Emilia Pardo Bazán... Todos estes personaxes son satirizados polo poeta. Unha vez en Roma entrevístanse co Papa e aconséllanlle que a Igrexa renuncie ás súas riquezas e ambicións guerreiras. O Papa prométeo, pero Añón apostila con sorna, xa de regreso: "¡Nunca se cumpren / os programas liberales!" e o poema remata: "Desde entón creo... ou non creo / pero dudar ¡xa non dudo!".
Descargar
PDF Word HTMLPreguntas frecuentes
Quen foi o bardo na poesía de Pondal?
Para Pondal, o bardo era un poeta celta encargado de transmitir oralmente as historias, lendas e cancións do pobo. Representa a conciencia da raza e a memoria colectiva.
Que temas tratan os poemas sociais de Aires da miña Terra?
Curros defende un ideario progresista, democrático e galeguista e critica o caciquismo, o fanatismo relixioso, o inxusto reparto da terra, a ignorancia, a pena de morte e os abusos de poder.
Que pecados capitais aparecen en Divino Sainete?
Cada vagón do tren en que viaxan corresponde a un dos sete pecados capitais: preguiza, envexa, gula, ira, luxuria, avaricia e soberbia.
Ponte a prueba
Tarjetas de repaso
Pulsa una tarjeta para ver la respuesta.
Test
Preguntas generadas con IA a partir del documento: comprueba las respuestas con el texto.