Grupo Nós: autores, características e obras (Risco, Otero Pedrayo e Castelao)
Resumen
O resumo presenta o Grupo Nós, creado en 1920 arredor da revista Nós, e os seus principais autores: Vicente Risco, Otero Pedrayo e Castelao. Explica a súa evolución ideolóxica, a renovación da cultura galega e o papel na consolidación da moderna prosa galega. Tamén recolle as características narrativas e estilísticas de cada autor e as súas obras máis destacadas.
Puntos clave
- O Grupo Nós creouse en 1920 arredor da revista Nós, que foi un referente cultural ata 1936.
- O grupo de Ourense estaba formado por Vicente Risco, Otero Pedrayo e López Cuevillas; Castelao, de extracción popular, foi unha figura singular do grupo.
- Propuñan modernizar e universalizar a cultura galega, superando o folclorismo e o influxo castelán.
- Xunto con eles, o galego alcanzou madurez literaria e consolidouse a narrativa e o ensaio, que os sitúa como creadores da moderna prosa galega.
- Vicente Risco destaca pola novela O porco de pé, de carácter satírico e crítico coa burguesía.
- Otero Pedrayo destaca pola narrativa histórica e psicolóxica, con Os camiños da vida e Arredor de si.
- Castelao destaca pola súa obra gráfica, polo xénero das 'cousas' e pola novela Os dous de sempre.
O Grupo Nós creouse en 1920 arredor da revista Nós, que lle dá nome e que é un referente cultural fundamental ata 1936. Está constituído polo denominado grupo de Ourense: Vicente Risco, Otero Pedrayo e López Cuevillas. Con eles colaboran un gran número de autores, entre os que destacan Castelao e Losada Diéguez. Todos eles nacen na década de 1880, comparten o proxecto das Irmandades, colaboran no Seminario de Estudos Galegos e conflúen no Partido Galeguista. Desempeñan un importante labor na defensa do galego. O grupo esfórzase por sacar a cultura galega do folclorismo e do influxo da cultura castelá, tentando, por un lado, modernizala, tirándolle o exceso de localismo, ruralismo e costumismo que ata entón a caracterizaba e, por outro lado, universalizala, ao poñela en contacto directo coas ideas e os movementos culturais vixentes en Europa. Con eles, o galego logra a súa madurez literaria empregado en obras de carácter científico de todo tipo (historia, arqueoloxía, filosofía...), ademais de consolidarse en xéneros ata entón pouco cultivados, como a narrativa e o ensaio. De feito, poden considerarse os creadores da moderna prosa galega.
Presentan unha serie de características comúns:
- Rexeitan o modelo de sociedade en que viven e adoptan unha postura de elitismo intelectual. Decláranse inadaptados a esa sociedade mediocre e individualistas.
- Teñen unha procedencia social acomodada e unha rigorosa formación intelectual.
- Experimentan unha evolución ideolóxica semellante, que os leva desde o individualismo e unha concepción algo devaluada da cultura galega cara a unha progresiva identificación e defensa dos ideais do galeguismo, ata converterse nos principais ideólogos e defensores da causa nacionalista.
- Presentan unha ideoloxía que sintetiza o tradicionalismo e o pensamento progresista e liberal.
Vicente Risco
É un escritor dunha gran singularidade que centra o seu interese, por un lado, na tradición etnográfica galega (costumes, lendas, actividades tradicionais) e, por outro lado, no desenvolvemento de temáticas relacionadas co esoterismo e as culturas alleas e no coñecemento e divulgación das novidades estéticas do seu tempo. Presenta unha evolución ideolóxica contraditoria, que se plasma nas seguintes etapas:
- Etapa pregaleguista, previa ao ingreso nas Irmandades. Mostra unha actitude cosmopolita e individualista, afastada da realidade galega.
- Etapa galeguista. Convértese nun dos principais teóricos do nacionalismo e desenvolve un intenso labor literario e político.
- Etapa nacional-catolicista. Afástase do galeguismo e retoma a súa actitude individualista do seu inicio, chegando a mostrarse tolerante coa actuación do réxime franquista.
Como narrador, é autor de sete relatos breves e unha novela. Nalgúns relatos ofrece temáticas relacionadas coa etnografía, como O lobo da xente, no que trata o mito da licantropía, ou A trabe de ouro e a trabe de alquitrán, no que aborda a tradición das lendas de mouros. Outros relatos veñen marcados por temáticas moi apartadas da realidade galega, como Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros, narración fantástica na que trata o mundo de ultratumba e mostra o seu interese polo ocultismo e a exiptoloxía. A súa obra narrativa máis importante é O porco de pé, unha novela de carácter satírico cun compoñente moi forte de crítica social. Nela, narra a historia do inexplicábel ascenso de don Celidonio, personaxe materialista, vulgar e inculto, ata a alcaldía da cidade. Supón unha crítica feroz da degradación da sociedade burguesa que só vive pendente do diñeiro. Tamén aproveita para burlarse dos intelectuais acomodados, como o doutor Alveiros, contrapunto de don Celidonio, encarnación do intelectual sensíbel e culto, que acaba cedendo ante a presión das aparencias e da riqueza. O estilo da novela destaca pola riqueza e variedade da linguaxe, o sarcasmo, a ironía, a hipérbole e o emprego de enumeracións acumulativas.
Otero Pedrayo
É un dos autores máis prolíficos da literatura galega. Cultiva todos os xéneros e destaca polo seu saber enciclopédico e a súa oratoria privilexiada. É especialmente importante a súa obra narrativa, con títulos como Os camiños da vida e Arredor de si. De familia fidalga, culta e liberal, comeza a súa actividade cultural en Ourense. Ao igual que os seus compañeiros do Grupo Nós, toma conciencia da problemática do país e ingresa nas filas do galeguismo. Participa nas Irmandades e é elixido deputado polo Partido Nacionalista Republicano en 1931. Posteriormente participará activamente na fundación da editorial Galaxia. A súa obra narrativa componse de sete novelas, catro relatos curtos e dous libros de contos. Caracterízase por unha defensa da sociedade galega tradicional, moi vinculada á súa condición fidalga (gran parte da súa vida pasouna no pazo familiar de Trasalba). Relacionado con isto, cómpre salientar o seu gusto pola descrición emocional da paisaxe galega. Por outro lado, destaca pola súa temática europeísta e polo interese pola análise psicolóxica dos personaxes. A nivel estilístico, o máis relevante é a súa preferencia polos períodos longos, a expresión barroca e o léxico enxebrista.
A narrativa de Otero Pedrayo
A narrativa de Otero pode clasificarse en dous grandes apartados:
- Narracións históricas. Dentro deste grupo encóntranse Pantelas, home libre, O mesón dos ermos ou Os camiños da vida (obra máis importante). Narra, cunha certa visión nostálxica, a decadencia de dúas familias nobres do século XIX, que simbolizan o traspaso de poder da fidalguía rural á nacente burguesía urbana; e, con iso, a desaparición da sociedade rural tradicional galega, dominada polos fidalgos e polo clero. Consta de tres partes: “Os señores da terra”, “A maorazga” e “O estudiante”.
- Narracións psicolóxicas. Dentro deste grupo encóntranse Escrito na néboa, Devalar e Arredor de si. Esta última obra, fundamental na narrativa de Otero, é unha novela de tese, con vocación de ensaio, que plasma a evolución do Grupo Nós. A través do seu protagonista, Adrián Solovio, álter ego do autor, narra o proceso de concienciación galeguista experimentado por Otero e os seus compañeiros de grupo.
Castelao
A pesar de formar parte activa da empresa colectiva de Nós, Castelao presenta diverxencias considerábeis a respecto dos membros do grupo: fronte á procedencia social acomodada, o pensamento de base cristiá, a visión tradicional do pasado e o culturalismo elitista dos membros do grupo de Ourense, Castelao caracterízase, respectivamente, por presentar unha extracción social popular, un pensamento laico, unha visión progresista do mundo e un compromiso activo coas clases populares. Castelao é un autor cuxa importancia reborda os límites da literatura. Desenvolve un labor político fundamental na organización do nacionalismo galego e na defensa da lingua galega e das liberdades sociais. Traballa nas Irmandades da Fala e no Seminario de Estudos Galegos e é un dos fundadores do Partido Galeguista, polo que é elixido deputado nas Cortes de Madrid en 1931 e 1936. Durante a guerra e a ditadura, defende dende o exilio americano a causa republicana, converténdose en embaixador da República ante o mundo e formando parte do goberno no exilio e nun símbolo da resistencia galega contra o franquismo. A partir dos anos vinte, Castelao convértese na principal figura da arte galega, tanto na súa faceta de pintor, como nas de caricaturista e ilustrador de libros, sendo tamén un pioneiro do deseño publicitario galego. Destacan neste campo os seus álbums gráficos Álbum Nós, Atila en Galicia, Galicia mártir, Milicianos ou Debuxos de negros, a maioría deles centrados na represión da ditadura franquista e nas duras condicións de vida das clases populares de Galiza. A súa produción narrativa iníciase con Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete, historia fantástica de carácter crítico e humorístico que conta as vivencias dun esqueleto no mundo de ultratumba.
En 1926 publica Cousas, un conxunto de relatos moi breves de carácter popular, acompañados por un debuxo e narrados cun estilo sintético, humorístico, lirismo e vocación de compromiso coas clases traballadoras que presentan unha temática moi variada: emigración, miseria do campesiñado, crenzas populares, traxedias humanas… Nesta mesma liña, escribe Retrincos, un conxunto de cinco relatos algo menos breves, de carácter autobiográfico, nos que evoca lembranzas da súa infancia e da súa mocidade, cunha boa dose de humorismo e de nostalxia. Os dous de sempre constitúe a súa única novela. Está estruturada ao redor de dous personaxes antitéticos, Pedro, que se move unicamente por instintos primarios e é materialista, conformista e falto de talento e Rañolas, un eivado e de orixe miserábel que é xeneroso e idealista e loita desesperadamente por mellorar como ser humano. A narración, que vai alternando as historias de ambos os personaxes, con grande variedade de espazos, constrúese mediante unha acumulación de escenas autónomas que lembran a fórmula narrativa de Cousas.
Características de Otero Pedrayo
- Tiña tres temas recorrentes: tradición, fidalguía e paisaxe.
- Decadencia da fidalguía
- Descricións paisaxísticas, cun léxico rico.
- Descricións minuciosas que provocan lentitude
- Técnicas narrativas propias da novela do século XX:
- monólogo interior
- estilo indirecto libre
- estrutura non lineal
Destacan Os camiños da vida, Arredor de si, A romaría de Xelmírez. Foi importante polo cultivo e modernización da narrativa longa.
Características de Vicente Risco
- Usa elementos da tradición popular.
- Emprega a anáfora (repetición) e a catáfora (anticipación).
- Finais abertos.
- Busca efectos humorísticos e líricos.
- Descricións moi detalladas.
- Narrativa fantástica ou didáctica.
- Longas enumeracións
- Comparacións degradantes
- Ironía
- Mostrar aos personaxes como caricaturas
Destacan A velliña vella, O porco de pé, O lobo da xente, A trabe de ouro e a trabe de alcatrán. Foi importante porque escribiu a base teórica do Grupo Nós: Teoría do nacionalismo galego.
Características de Castelao
- Mestura de texto e plástica, inventou un xénero literario: as cousas.
- Síntese e sinxeleza, eliminando adornos innecesarios
- Sintaxe simple, con pouca adxectivación e un léxico preciso, para lograr claridade.
- Humor e ironía
- Tenrura
- Crítica social
Destacan Un ollo de vidro, Memorias dun esquelete, Cousas, Retrincos, Os dous de sempre. Foi importante pola súa contribución á narrativa curta e pola creación do Álbum Nós.
Descargar
PDF Word HTMLPreguntas frecuentes
Cando se creou o Grupo Nós?
O Grupo Nós creouse en 1920 arredor da revista Nós, que foi un referente cultural fundamental ata 1936.
Cal é a obra máis importante de Vicente Risco en narrativa?
A súa obra narrativa máis importante é O porco de pé, unha novela satírica cun forte compoñente de crítica social.
Que xénero inventou Castelao?
Castelao mesturou texto e plástica e inventou o xénero literario das cousas, relatos breves de carácter popular acompañados por un debuxo.
Ponte a prueba
Tarjetas de repaso
Pulsa una tarjeta para ver la respuesta.
Test
Preguntas generadas con IA a partir del documento: comprueba las respuestas con el texto.