Dramaturxia Galega: Autores e Tendencias (Séculos XX e XXI)

Lengua y literatura3,9 KB

O Teatro Galego de Fins do Século XX e Comezos do XXI

A morte de Franco en 1975 supuxo un cambio radical no panorama social e cultural, e provocou un importante impulso á literatura galega en xeral.

O Impulso Institucional e a Renovación Teatral

Xorden novas compañías teatrais (Artello, Teatro de Ningures, Tranvía Teatro, Teatro do Morcego...). Destaca a creación do Centro Dramático Galego (CDG) en 1984, unha compañía institucional fundamental.

Ademais, o panorama viuse reforzado por:

  • Novos premios (Premio Álvaro Cunqueiro ou Certame Camiño de Santiago).
  • A aparición de coleccións teatrais (Biblioteca do Arlequín, Colección Escena, Colección Talía, Colección Libros do CDG...).
  • Novas mostras e festivais.
  • O apoio institucional xeneralizado.

Nas últimas décadas do século, consolídanse autores coma Manuel Lourenzo e Roberto Vidal Bolaño e incorpórase un novo grupo de autores. Distinguimos dúas promocións principais:

A Promoción Dramatúrxica dos Anos 80

Os autores teatrais, inmersos xa na democracia, abandonan as liñas de compromiso político e social para abordar novas temáticas. Podemos marcar os seguintes trazos:

  • Uso frecuente do metateatro (reflexión sobre o feito teatral).
  • Teatro culturalista cun forte compoñente simbólico e irónico.
  • Teatro neorruralista.
  • Presenza do humor, da parodia, da ironía e do absurdo, ás veces en rexeitamento das formas lúdicas tradicionais.
  • Os procesos de abstracción e xeneralización levan a unha práctica de anonimia dos personaxes (utilización de máscaras ou bonecos).

Destacamos autores como:

  • Xesús Pisón: (Ei ou Venenos).
  • A. Rei Ballesteros.
  • Miguel Anxo Fernán-Vello (A tertulia das máscaras ou Cuarteto para unha noite de verán).
  • Luísa Villalta.

A Promoción Dramatúrxica dos Anos 90

Caracterízase pola consolidación de autores de promocións anteriores, e doutros máis novos que se preocupan por crear obras de fácil representación e cunha menor carga simbólica e culturalista ca as da promoción anterior. A diversidade de temas increméntase ao tempo que a comedia, xeralmente crítica e satírica, gaña terreo. Outras características son:

  • Predominio da comedia e o recurso á intertextualidade (elaboración de obras baseadas noutras creacións ou en argumentos xa existentes).
  • O teatro faise máis lúdico e busca un maior achegamento ao público.

Pertencen a esta promoción:

  • Lino Braxe (A promesa ou A actriz).
  • Cándido Pazó (Raíñas de pedra e Nau de amores).
  • Quico Cadaval.
  • Miguel Anxo Murado (A gran noite de Fiz).
  • Raúl Dans (Matalobos).
  • Manuel C. Núñez Singala (O achado do castro ou Comedia bífida).

O Teatro Galego no Século XXI

Continúa as liñas temáticas do último terzo do século anterior: humor, sátira, comedia, drama, culturalismo, neorruralismo, experimentalismo, teatro histórico… Quizais a achega máis novidosa sexa a adaptación de obras narrativas de éxito á escena, como O lapis do carpinteiro de Manuel Rivas ou O club da calceta de María Reimóndez.

Entre os autores das novas promocións podemos citar a:

  • Paula Carballeira, con obras como Alicia & Alicia (2010).
  • Rubén Ruibal, con Limpeza de sangue (2006).

Descargar

PDF Word HTML