As Linguas da Península Ibérica e o seu Status no Mundo
Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 6,63 KB
Clasificación das Linguas segundo o seu Status Político-Administrativo
Linguas con estado e linguas sen estado
As linguas con estado son as oficiais e legais dun país (o francés, por exemplo, é a lingua oficial de Francia), mentres que as linguas sen estado son as propias dun territorio que non constitúe un estado (o galego, o éuscaro e o catalán en España, o bretón no noroeste de Francia...).
Linguas oficiais en máis dun estado
Este é o caso de varias linguas, por exemplo:
- O portugués, que é oficial en Angola, Brasil, Cabo Verde, Guinea-Bissau, Mozambique, Portugal, etc.
- O alemán, que é o único idioma oficial en Alemaña, Austria e Liechtenstein, e comparte o seu estado de oficialidade en Bélxica (co francés e o neerlandés), Luxemburgo (co francés e o luxemburgués), Suíza (co francés, o italiano e o retorromance) e nalgunhas rexións de Italia (co italiano).
Estados unilingües
Son estados nos que se fala unha soa lingua. Dada a diversidade lingüística que vimos, estes estados son moi escasos. Así, por exemplo, en Europa, Islandia, o Vaticano, San Marino e Liechtenstein son os únicos estados unilingües.
Estados plurilingües
Son estados nos que se falan varias linguas. Tendo en conta que unhas 6.000 linguas se falan nos aproximadamente 200 estados que hai no mundo, esta é a situación máis frecuente. Por exemplo, en Rusia, fálase ruso e uns cen idiomas máis.
No entanto, o máis frecuente é que en cada estado haxa unha soa lingua oficial, malia que os países poden adoptar políticas lingüísticas diferentes:
- Hai países, como Francia e os EE.UU., que teñen como única lingua oficial, respectivamente, o francés e o inglés.
- En Suíza, por exemplo, cada territorio ten un idioma oficial, de xeito que as catro linguas oficiais son o alemán, o francés, o italiano e o retorromance. Outro caso semellante é o de Bélxica.
- En países como España ou Rusia existe un só idioma oficial para todo o estado (español e ruso, respectivamente) e outras linguas cooficiais nas respectivas comunidades autónomas (Galicia, Euskadi, Cataluña, País Valenciano e Illas Baleares), en España, ou nas diferentes repúblicas rusas, en Rusia.
A Diversidade Lingüística da Península Ibérica
A Península Ibérica está conformada por tres estados (España, Portugal e Andorra), nos que se falan oito linguas: galego, portugués, asturiano, castelán, éuscaro, aragonés, catalán e aranés.
Galego
É a lingua propia de Galicia e conta cuns 2 millóns e medio de falantes. Os seus límites xeográficos van máis aló do territorio administrativo de Galicia, xa que tamén se fala nas zonas máis occidentais de Asturias, León e Zamora, e no Val das Ellas (norte de Estremadura).
Malia os logros acadados nos últimos anos no seu proceso de normalización, o uso do galego está a descender entre as xeracións máis novas, tal como reflicten os resultados da última enquisa do Instituto Galego de Estatística sobre o coñecemento e o uso da lingua galega, que nos indican que só unha cuarta parte dos menores de 14 anos teñen o galego como lingua vehicular predominante e, o que aínda é máis preocupante, o 47 % só usa o castelán. Aínda así, parello a isto, nas grandes urbes (nomeadamente A Coruña, Vigo e Ferrol), que teñen sido grandes espazos de ausencia de galego, empezan a darse pequenas bolsas de recuperación lingüística entre os e as falantes máis novos/as.
Portugués
É a lingua irmá do galego, xa que ata o século XV ambas constituían un mesmo complexo lingüístico: o galego-portugués.
Por mor da expansión colonial portuguesa iniciada no século XV, hoxe en día, esta lingua fálana uns 200 millóns de persoas nos cinco continentes (Portugal, Brasil, Angola, Goa, Timor...).
Asturiano
Procede do antigo ástur-leonés e fálano unhas 100.000 persoas en Asturias, en Castela e León e en Miranda do Douro (Portugal), onde recibe o nome de mirandés.
O mirandés (cuns 15.000 falantes) foi recoñecido como lingua oficial en Portugal no ano 1999, mentres que o asturiano non goza deste recoñecemento en España, pois o propio Parlamento Asturiano rexeita declaralo idioma cooficial, malia que o Estatuto de Autonomía de Asturias indica que gozará de protección.
Castelán
É a lingua oficial do Estado español e fálase en diversos países de América e nos territorios africanos de colonización española. Conta aproximadamente con 390 millóns de falantes.
Nalgúns países comparte a condición de lingua oficial con outras: en Perú é oficial xunto co quechua e co aimara; en Paraguai, co guaraní... No entanto, en Estados Unidos, a súa situación está próxima á das linguas minorizadas.
Éuscaro
Como xa indicamos, é a única lingua non románica da Península. Conta cuns seiscentos mil falantes en áreas do Estado español (centro e leste de Biscaia, zona norte de Áraba, Guipúscoa e norte de Navarra) e no suroeste francés.
O Goberno vasco e a Academia da Lingua Vasca encárganse de potenciar o seu uso normalizado.
Aragonés
Procede do antigo navarro-aragonés e conserva menos de 10.000 falantes nalgúns vales da provincia de Huesca. Aínda que o Estatuto de Autonomía de 1982 propugna a protección do aragonés, este non é considerado lingua oficial. Así, está a sufrir un proceso de abandono e vese relegado ao ámbito das relacións familiares e entre veciños.
Catalán
Fálano máis de 8 millóns de persoas en Cataluña, na franxa oriental de Aragón, en Andorra, nas Illas Baleares, na Comunidade Valenciana, no Rosellón francés e na cidade de Alguer (na Sardeña). É, xunto co castelán, idioma oficial de Cataluña, as Illas Baleares e a Comunidade Valenciana (nesta última, co nome de valenciano).
Hoxe, coma o galego e o éuscaro, está en proceso de normalización, impulsado activamente pola Generalitat de Catalunya e coa axuda do gran prestixio cultural e social que esta lingua conservou.
Aranés
É unha variedade do gascón (unha das catro modalidades do occitano) falada por unhas 4.000 persoas no Val de Arán (Lleida). Esta lingua está recoñecida de xeito oficial polo Estatuto de Autonomía de Cataluña, ao lado do castelán e do catalán, e está sendo impartido nas aulas: conta con gramáticas, dicionarios e unhas normas ortográficas de 1982.