As doutrinas sociais: do socialismo utópico ao marxismo

Otras lenguas extranjeras4,59 KB

As doutrinas sociais

O socialismo utópico

Os efectos de degradación física, cultural e moral dos traballadores que acompañaron aos procesos de industrialización alentaron a construción de alternativas teóricas á sociedade establecida. Estas alternativas coñécense como socialismo utópico, debido a que prescindiu de explicar historicamente o capitalismo e non tivo presentes as relacións de dominación predominantes no momento. A crítica á forma en que se levara a cabo a Revolución Industrial e ás consecuencias da súa exclusiva orientación individualista fixo máis doada a elaboración de propostas teóricas posteriores.

  • Henri de Saint-Simon: Imaxinou un desenvolvemento racional da industria mediante a superación dos enfrontamentos sociais, poñendo o progreso científico e técnico ao servizo da produción, rexeitando o liberalismo económico e entregando o goberno á intelixencia.
  • Charles Fourier: Propugnou o ordenamento da produción como premisa para aumentar o benestar. Para iso sostivo a creación de comunidades de produción e consumo (falansterios) nas que o traballo debería ser variado e atractivo, experimentándose formas de vida máis libres; baseou os seus plans no asociacionismo dos traballadores, pero esperou das autoridades que impulsaran a súa realización.
  • Robert Owen: Propúxose a reforma do sistema industrial para rematar coas secuelas de sobreexplotación e pauperismo, para o cal introduciu na súa fábrica de fiados de New Lanark métodos máis humanizados: reduciu a xornada laboral, estableceu subsidios e ocupouse da educación infantil creando os primeiros parvularios. Recorreu numerosas capitais tentando persuadir os gobernantes das vantaxes do seu sistema. Propuxo a organización autónoma do traballo para evitar o desemprego, sendo o fundador do movemento cooperativista de produción e consumo. Sostivo a creación de comunas que debían federarse até constituír unha entidade mundial. En 1824 empeñou a súa fortuna en adquirir nos Estados Unidos uns terreos sobre os que levantar unha comuna agrícola, Nova Harmonía, na que ensaiou sen éxito a reeducación dos 800 colonos que conseguira recrutar.
  • Étienne Cabet: Incorporou as ideas igualitarias expresadas na Revolución Francesa e formulou unha teoría comunista mesiánica baseada na persuasión e o amor fraterno nun país deseñado por el mesmo (Icaria).
  • Louis Auguste Blanqui: Pretendeu levala á práctica mediante a toma violenta do poder e a instauración da ditadura do proletariado; a súa vida repartiuse entre a conspiración e a prisión.
  • Flora Tristan: Asociou a emancipación do traballo mediante a unión obreira coa liberación da muller.

O marxismo

En 1847, dous mozos alemáns instalados en Inglaterra redactaron para a Liga dos Xustos un texto que debía achegar a súa definición política; levou por título o Manifesto do Partido Comunista, e os seus autores foron Karl Marx e Friedrich Engels, que por aquel entón estaban a sentar as bases do materialismo histórico, unha teoría revolucionaria para a análise e transformación da sociedade.

O manifesto analizaba o curso da historia como o dun proceso continuo de explotación e dominación dunhas clases por outras. Consideraba que as institucións e as ideas dunha época gardaban estreita relación coas formas económicas imperantes e que, se estas variaban, remataba por modificarse toda a sociedade. Entendía o capitalismo como resultado inevitable do desenvolvemento dialéctico das forzas produtivas e establecía que a emancipación do proletariado implicaba a desaparición da burguesía e a construción dunha sociedade sen clases.

O socialismo tomaba un novo rumbo. Engels chamouno socialismo científico para opoñelo ao precedente; baseaba a súa análise no coñecemento das condicións existentes, na explicación histórica dunha realidade obxectiva na que nacían e se desenvolvían determinadas contradicións, a máis importante das cales consistía na produción social fronte á apropiación individual da plusvalía polo dono dos medios de produción. O socialismo deixaba de ser así un sistema ideal, deducido dunha serie de ideas absolutas e intemporais.

Descargar

PDF Word HTML