As vangardas na arte e na literatura galega do século XX
As vangardas
As vangardas
Foron un movemento artístico que se desenvolveu en Europa nas primeiras décadas do século XX. Foi un período de moita axitación socio‑política, marcado pola I Guerra Mundial (1914–1918) e pola Revolución Rusa (1917). Foi tamén unha época de importantes cambios sociais e tecnolóxicos: desenvolvemento das cidades, da automoción, da aviación e a consolidación do cine como medio de expresión.
Os movementos de vangarda procuraban outro xeito de interpretar o mundo. Buscaban tamén unha renovación artística que quebrase os vellos moldes estéticos, que consideraban anticuados e inapropiados para unha sociedade moderna.
A vangarda non é unha corrente única, senón diferentes movementos que se solapan no tempo.
Características
- Uso do manifesto como punto de partida e como canle de expresión das liñas programáticas de cada corrente.
- Absoluta liberdade creativa.
- Procura da orixinalidade e da experimentación formal: ausencia de rima, ruptura da orde lóxica do discurso, caligramas…
- Ruptura das barreiras entre os diversos xéneros literarios.
Vangardas europeas
- Futurismo: exaltación do progreso.
- Cubismo: representación da realidade en liñas e planos xeométricos.
- Dadaísmo: aniquilación da linguaxe e negación das convencións estéticas.
- Surrealismo: expresar a voz do subconsciente, fuxir da lóxica e da razón.
- Creacionismo: a obra como creación autónoma, fronte á imitación da natureza.
- Expresionismo: visión deformada e subxectiva da realidade.
As vangardas na literatura galega
Autores: Xeneración de 1925.
Características
- Ruptura deliberada coa tradición literaria mediante a provocación.
- Participación en agrupacións ou partidos nacionalistas e en institucións culturais.
- Adopción de elementos propios das vangardas europeas e das portuguesas.
- Extensión dos movementos de vangarda a diferentes artes.
Publicacións: Ronsel, Alfar, Yunque, Cristal e Papel de Color.
Fitos: publicación (Manuel Antonio e Álvaro do Cebreiro) do manifesto ¡Máis alá! (1922). Critican os autores galegos que escriben en castelán, cuestionan os mestres do Rexurdimento e chaman á xuventude intelectual galega para que lidere a renovación das artes e das letras.
Vangardas galegas
- Creacionismo: creación dunha realidade independente dentro de cada poema (Manuel Antonio).
- Neotrobadorismo: toma de temas e recursos estilísticos da lírica galego‑portuguesa medieval e adaptación aos gustos do século XX (Álvaro Cunqueiro e Fermín Bouza‑Brey).
- Hilozoísmo ou imaxinismo: poesía inspirada na paisaxe e na natureza; poemas breves e cheos de imaxes (Luís Amado Carballo).
Manuel Antonio
Manuel Antonio (Rianxo, 1900–1930; tuberculose).
Foi mariño profesional. Non se adscribiu a ningunha corrente vangardista concreta, se ben mostra grandes influencias do creacionismo de Vicente Huidobro, que concibía o poema como unha realidade autónoma que debía ser creada coa imaxe poética.
Emprega moitas técnicas vangardistas:
- Ruptura total coa métrica e a rima.
- Incorporación de léxico técnico (relacionado co mar) e de estranxeirismos.
- Uso da imaxe poética vangardista.
- Disposición temática irregular do verso e liberdade na puntuación. Uso do caligrama.
De catro a catro. Follas sen data dun diario de abordo (1926–1928) é a súa obra principal. Consta de 19 poemas escritos durante unha viaxe por mar. É unha crónica poética da singradura, na que a voz poética transita por diversas experiencias e estados de ánimo. A obra posúe unha estrutura circular, desde a partida ata o regreso. Malia referir unha viaxe, na obra apenas hai avance narrativo. A soidade e a monotonía da navegación exprésanse cunha ausencia total de sentimentalismo e cunha simboloxía de elementos marítimos: o ronsel do barco, a auga, o vento, a noite…
O Grupo Nós
Autores: Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas, Castelao e Antón Losada Diégue.
Revista Nós: boletín mensual da cultura galega. Naceu en 1920 e chegou a publicar 144 números ata 1936. As súas páxinas foron decisivas no desenvolvemento da literatura, do ensaio e da arte da preguerra.
Características persoais
- Procedencia social acomodada.
- Ideoloxía afín ao tradicionalismo fidalgo: Galicia, ao seu ver, é un país de base labrega, alleo á loita de clases e onde a fidalguía aínda podía ter un papel dirixente.
- Formación cultural con frecuencia desvinculada das formas populares galegas.
- Rigorosa formación: teñen estudos universitarios, coñecen varios idiomas e mostran variadas inquietudes culturais.
- A descuberta de Galicia supón a súa realización intelectual e mesmo persoal.
Estética literaria
- Utilización normalizada do galego para abordar calquera temática.
- Integración da cultura galega dentro da europea en pé de igualdade.
- Renovación da narrativa e do teatro mediante a incorporación de temas urbanos e modernos, para superar o ruralismo e o costumismo.
- Aproximación ao xénero fantástico.
- Recuperación didáctica da historia.
- Adaptación das obras ao gusto do público burgués sen esquecer a literatura popular.