O Uso do Galego na Actualidade: Ámbitos e Niveis

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras materias

Escrito el en gallego con un tamaño de 7,27 KB

Niveis de uso do galego en distintos ámbitos sociais na actualidade

  1. O galego na administración

    • Autonómica

      Por imperativo legal, o uso do galego é practicamente exclusivo, tanto nos medios escritos (documentación) como nos orais formais e públicos (nos debates do Parlamento de Galicia e nas manifestacións dos cargos de goberno cando se dirixen á sociedade de maneira formal ou a través dos medios de comunicación). Non sucede o mesmo na comunicación oral de carácter informal entre os funcionarios, o que converte o uso do galego neste ámbito en ritual ou protocolario.

    • Local

      Os concellos, a pesar da obriga legal que teñen de usar o galego en toda a documentación referida ás súas sesións (convocatorias, actas, informes…) non sempre a cumpren. Igual que na administración autonómica, aquí a maior ou menor presenza do galego vai vir dada polo signo político dos dirixentes das mesmas.

    • De xustiza

      O galego segue sendo minoritario, a pesar do esforzo normalizador dalgúns xuíces e fiscais que o usan nos xuízos, sentencias e documentación. Desde 1980 existe unha Dirección Xeral de Política Lingüística que fomenta e apoia a presenza do galego na administración e noutros ámbitos da sociedade.

O galego nos medios de comunicación

Por que é importante o papel dos medios de comunicación oral (radio e TV) no proceso de normalización do galego na sociedade? Porque foron precisamente estes medios un dos factores de castelanización máis fortes das últimas décadas, facendo chegar o castelán diariamente a tódolos fogares galegos. Ademais, o uso do galego nestes medios favorece a súa aceptación social en ámbitos nos que antes apenas estaba presente e contribúe á difusión da variedade estándar por toda a sociedade galega.

Cal é o nivel de uso do galego nos medios de comunicación? Minoritario:

  • Só a TVG, Radio Galega, e TVE e RNE na súa programación para Galicia, e en poucas emisoras locais e comarcais. As televisións e radios privadas só o fan ocasionalmente.
  • Na prensa escrita tamén é minoritario, a excepción do diario Galicia Hoxe, do semanario A Nosa Terra (actualmente só en versión dixital) e dalgunhas revistas especializadas ou de contido cultural (case sempre de carácter literario) dirixidas a un público moi restrinxido.

O galego no ensino

  • O ensino do galego

    Iniciouse como algo voluntario no 1975 e no 1979 fíxose materia obrigatoria. A partir de 1990 o uso do galego estendeuse a outras áreas do saber. Todo isto supuxo unha maior competencia lingüística entre os máis novos, aínda que na práctica a destreza é moito maior na lectura, escrita e comprensión que na lingua oral, pois cada vez é máis alta a porcentaxe de alumnos que teñen como lingua habitual o castelán.

  • O ensino en galego

    É moi escaso sobre todo na etapa infantil, primaria e secundaria. Nin sequera se cumpre en tódolos centros a obrigatoriedade de impartir certo número de materias en galego, o que depende en moitos casos da vontade e disposición do profesor. Na universidade, a presenza do galego é moito maior, tanto na docencia como nos órganos de goberno ou como lingua pública, aínda que na docencia hai diferenzas dunhas facultades a outras.



O galego noutros ámbitos da sociedade

No mundo empresarial

A incorporación do galego foi máis lenta que noutros ámbitos públicos a pesar das campañas normalizadoras dirixidas a este sector (sobre todo por parte da Mesa pola Normalización Lingüística) e que deron os seus froitos no ámbito comercial e industrial (publicidade, etiquetado…). Algúns bancos tamén usan hoxe o galego en parte da súa documentación (impresos e cheques bilingües) e na súa publicidade.

  • Na Igrexa

    A presenza do galego no culto relixioso é escasísima, por ser a Igrexa un importante factor castelanizador ao longo da nosa historia. Aínda así, máis do 80% dos sacerdotes afirman ser galegofalantes, o que demostra un comportamento diglósico provocado por influencia da propia institución.

  • No mundo editorial

    Malia o incremento significativo do uso do galego, o español segue sendo maioritariamente o idioma polo cal os galegos acceden á cultura escrita.

    Aínda que as cifras de edición de libros en galego aumentaron moito nos últimos anos, a diferenza entre a oferta en galego e en español segue a ser considerable.

    A maioría das obras publicadas en galego son destinadas ao ensino (literarias ou libro de texto), o que demostra o pouco peso do galego noutras áreas de publicación.

  • Na música

    Habería que distinguir entre a música que se oe (maioritariamente en inglés) e a música que se fai en Galicia. Esta última varía dependendo dos xéneros musicais, entre galego e español, sendo o español o maioritario. Aínda así, o galego, ata hai pouco lingua exclusiva da chamada canción protesta e da música folk, penetrou noutros ámbitos de expresión musical, demostrando que os máis novos asumen a expresión musical en galego.

    O mercado do disco galego é aínda moi pobre (a única empresa dedicada exclusivamente á edición musical en galego é Sons Galicia, despois da desaparecida Edigal).

    Nas verbenas, curiosamente escóitanse máis temas en inglés ou español que na lingua que fala e entende a maior parte do público que as frecuenta.

  • No teatro

    Xunto coa creación literaria, é unha das parcelas onde máis se avanzou na normalización. Hai que destacar neste ámbito o Centro Dramático Galego, organismo dependente da Xunta que representa en galego dende a súa fundación no 1986.

  • No cine

    É o espectáculo por excelencia na sociedade actual, ocupando o posto que o teatro desempeñou antano. A maior parte do que se ve en Galicia, escóitase en español, a non ser un número reducido de curtametraxes, case sempre en pantallas non comerciais, e algúns filmes de longa duración subvencionados pola consellería de Cultura. Toda esta situación é debida á falta dunha política de apoio á industria cinematográfica en Galicia. No 1994 creouse a Escola de Imaxe e Son na Coruña, produtora de curtametraxes pero con medios moi escasos como para que apareza de momento un amplo corpo de profesionais técnicos e realizadores que dean corpo a un arelado cine galego.

Uso do galego no nivel individual: presente e futuro

No ano 2003 o galego é a lingua inicial e/ou habitual de máis da metade da poboación.

Se temos en conta a idade dos falantes, é preciso destacar que se produce un estancamento da perda do galego como lingua inicial logo de rematado o franquismo. No 2003, máis do 75% dos maiores de 65 anos ten o galego como lingua inicial. Esta porcentaxe descende ata un 36,3% nas xeracións entre os 26 e 35 anos. Sen embargo, nas dúas xeracións seguintes (de 16 a 25 anos e de menos de 16) practicamente mantense o número de falantes que teñen o galego como lingua inicial (33,9% e 33,3% respectivamente). Estes datos permítennos mirar o futuro con esperanza e, cando menos, agardar que non se sigan perdendo falantes.

Entradas relacionadas: