A Transición do Imperialismo á Gran Guerra (1814-1918)
O Imperialismo (1814-1914)
Entre 1814 e 1914, a superficie sometida ao réxime imperialista multiplicábase, sendo África, Asia e Oceanía os principais escenarios obxecto da colonización, ocupación e dominio, liderado maioritariamente polos países europeos.
Causas do Imperialismo
Estas son algunhas das causas que orixinaron o imperialismo:
- Busca de materias primas abundantes e baratas, escasas nos países europeos (minerais, alimentos ou téxtiles para a industria).
- Necesidade de obter mercados para vender os produtos manufacturados.
- Procura de prestixio nacional que restituíse a grandeza do país.
Consecuencias do Imperialismo e a Colonización
- Discriminación racial cara ao nativo. Reservábanselle os traballos inferiores, perderon as súas terras e foron vítimas de campañas de exterminio.
- Prohibición do desenvolvemento industrial na colonia, unha das causas pola que hoxe en día estes países anteriormente colonizados teñen economías pouco desenvolvidas.
- Enfrontamentos e rivalidades entre países europeos que desembocarían na I Guerra Mundial.
O Camiño cara á Guerra (A Paz Armada)
Desde 1870, as relacións internacionais estarían marcadas polo imperialismo e o aumento da carreira armamentística. O mundo vivía nunha etapa coñecida como Paz Armada, baseada na frase: «Se queres a paz, prepara a guerra». Neste contexto sucedéronse numerosas crises que anticipaban os acontecementos de 1914. Serían as causas da guerra:
Causas da Primeira Guerra Mundial
- Os problemas nos Balcáns: A ruína do Imperio Turco, quen ata entón dominara a zona, e os desexos de Rusia e Austria-Hungría, quen tamén tiñan ou desexaban territorios nesa zona, facían que apareceran guerras e conflitos.
- Tensións económicas: Provocadas polo proceso de industrialización e a rivalidade entre europeos a causa desta competencia.
- Rivalidade psicolóxica: Motivada pola ameaza da política de rearme (Paz Armada).
O Detonante
O detonante da guerra foi o atentado en Saraxevo contra o herdeiro ao trono de Austria. Austria culpou a Serbia do atentado. Garantido o apoio alemán, días máis tarde declaráballe a guerra mediante un telegrama. Como se dunha fervenza se tratase, o resto de países, atendendo aos seus compromisos e alianzas internacionais, tomaban posicións cara á guerra.
Bandos Iniciais da Gran Guerra
- Aliados: Rusia, Gran Bretaña (GB), Francia, Bélxica e Serbia.
- Imperios Centrais: Austria-Hungría, Alemaña, Bulgaria e Turquía.
As Fases da Primeira Guerra Mundial
A Gran Guerra pódese organizar en 3 fases ou etapas principais:
1. Guerra de Posicións (1915-1917)
Consistiu no estancamento das frontes a través das trincheiras e dunha guerra de desgaste e resistencia. En 1915, Italia, ao comezo neutral, entraba en guerra a favor dos aliados. Semellaba unha guerra estancada que parecía non ter un final claro.
2. 1917, Ano Crucial
Estados Unidos (EUA) entraba en guerra a favor dos aliados. Dita entrada sería fundamental, máis aínda tendo en conta que Rusia abandonaba a guerra debido á revolución desatada ese mesmo ano no país.
3. 1918: A Gran Ofensiva e o Final
Mentres Rusia se retiraba da guerra e os EUA preparaban preto dun millón de homes para enviar a Europa, os aliados avanzaban. O 11 de novembro de 1918 os alemáns asinaban o armisticio, mentres o emperador Guillerme II fuxía, dando lugar á proclamación da República de Weimar.
Consecuencias da Gran Guerra
A guerra chegara ao seu fin deixando atrás:
- Máis de 16 millóns de mortes (aproximadamente 10 millóns de soldados e máis de 6,5 millóns de civís).
- Case 20 millóns de mutilados e feridos graves.
- Uns 10 millóns de persoas refuxiadas espalladas, sobre todo, por Europa e as colonias.
A Gran Guerra supuxo a perda de case o 30% do PIB en Francia, o 22% en Alemaña e o 32% en Reino Unido, mentres que os países neutrais sacaban beneficios a través das actividades comerciais cos contendentes.
Nova Orde Mundial
A Guerra creou unha nova orde mundial, con Estados Unidos á cabeza como primeira potencia. As masas populares esgotadas pola guerra botáronse aos brazos de movementos revolucionarios: o marxismo triunfante en Rusia, por un lado, e o fascismo polo outro, serían as alternativas ao sistema democrático imperante.
Os Tratados de Paz e o Legado da Guerra
Cinco serían os acordos de paz asinados e todos eles tiñan un denominador común: sinalar a Alemaña como máxima responsable do conflito.
Cambios Territoriais Post-Guerra
Cos Tratados de Paz, os vellos imperios desaparecerían e co tempo xurdirían novos Estados:
- Iugoslavia, Polonia, Austria, Hungría e Checoslovaquia.
- Finlandia e os estados bálticos de Letonia, Estonia e Lituania.
O Tratado de Versalles (Alemaña)
Con Alemaña asinábase o Tratado de Versalles, que impuxo duras condicións:
- Alemaña cedía durante 15 anos a produción mineira do Sarre.
- Devolvía Alsacia e Lorena a Francia.
- Entregaba Prusia Oriental a Polonia.
- Pago de indemnizacións (máis de 220 millóns de marcos de ouro).
- Case total desmilitarización, cun exército reducido a 100 mil soldados.
O Xerme da Vinganza
No seu conxunto, os tratados acabarían por amosarse un despropósito. Alemaña sentiuse inxustamente tratada e naceu nela o espírito de vinganza. Países vencedores como Italia e Xapón non estaban satisfeitos e sentíanse menosprezados polas potencias aliadas. Esta situación alentou un clima de tensión e conflito que acabaría por demostrar que a I Guerra Mundial sería unha guerra inacabada.