O Teatro Galego de Posguerra (1936-1976): Xeración dos 50 e Grupo Abrente

Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en gallego con un tamaño de 5,46 KB

O Teatro Galego entre 1936 e 1976: Xeración dos 50 e Grupo Abrente

Introdución: O Teatro Galego de Posguerra

A Guerra Civil e a posterior ditadura militar provocaron o traslado da produción teatral galega ao exilio. En Buenos Aires vaise representar por primeira vez Os vellos non deben de namorarse e desenvólvese unha programación teatral estábel. Un dos grandes promotores do teatro popular galego en América foi Varela Buxán (1909-1986). Outros autores, como Castelao, Luís Seoane ou Blanco-Amor fixeron un teatro máis culto, que incorporaba novas técnicas dramáticas e apostaba por unha estética moderna.

En Galicia, a creación da editorial Galaxia (1950) permitiu retomar a publicación de textos teatrais, máis destinados á lectura ca á súa representación. Un dos autores máis destacados é Álvaro Cunqueiro (Mondoñedo, 1911-1981), que publicou pezas como Función de Romeo e Xulieta, famosos namorados (1956) ou O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca (1958). Tamén escribiron obras de teatro autores como Otero Pedrayo, Ricardo Carvalho Calero, Jenaro Marinhas, Daniel Cortezón, Manuel María ou Xohana Torres.

O Rexurdimento e os Grupos Independentes

A mediados dos anos 60 comezou un proceso de recuperación impulsado polo labor de diversos grupos de teatro independente:

  • O Facho e Teatro Circo (A Coruña)
  • Teatro Popular Galego (Vigo)
  • Auriense (Ourense)

As súas obras caracterízanse pola carga ideolóxica e a ruptura coas formas clásicas. Todo isto provocou, entre 1967 e 1978, un auténtico rexurdimento da actividade dramática galega.

En 1973, a Asociación Cultural Abrente comezou a organizar a mostra teatral de Ribadavia. Estes encontros permitiron consolidar unha dinámica de espectáculos teatrais e actuaron como foro de debate sobre os enfoques temáticos e estéticos da nova dramaturxia galega. Por estas datas apareceron tamén os primeiros concursos de textos teatrais (Premio Abrente, Certame de Teatro Infantil da Agrupación Cultural O Facho, etc.).

O Grupo Abrente (Ribadavia)

Neste contexto, déronse a coñecer os escritores que forman parte do Grupo Abrente. Entre eles destacan tres autores fundamentais para entender a evolución do teatro galego no derradeiro terzo do século XX:

  • Manuel Lourenzo
  • Euloxio Rodríguez Ruibal
  • Roberto Vidal Bolaño

Son varios os trazos comúns que comparten:

  • A loita pola profesionalización do sector.
  • A creación dun teatro comprometido coa realidade sociopolítica de Galicia.
  • A procura de novas vías temáticas e formais.

A partir de 1980, actualizaron e renovaron as súas propostas, ensaiando un teatro de ambientación urbana e tendencia cosmopolita que formula os conflitos éticos e sociais do mundo contemporáneo.

O Grupo de Ribadavia: Autores Fundamentais

Manuel Lourenzo (Ferreira do Valadouro, 1943)

É un autor moi prolífico que tratou moitos temas na súa obra. Podemos distinguir nela tres etapas ou ciclos:

  1. O ciclo mítico.
  2. O ciclo histórico.
  3. O ciclo urxente ou inmediato.

O emprego do mito é unha constante no teatro universal, especialmente en épocas de censura, porque serve para denunciar unha situación histórica de modo encuberto. Un bo número de obras de Manuel Lourenzo están inspiradas na mitoloxía clásica. Nalgúns dos seus traballos céntrase nos problemas sociais e psicolóxicos de actores e directores; noutros, nas dificultades das relacións familiares e nos problemas de comunicación entre as persoas. Recibiu o Premio Abrente pola súa obra Traxicomedia do vento de Tebas namorado dunha forca (1978).

Euloxio Rodríguez Ruibal (Ordes, 1945)

Deuse a coñecer para o grande público coa consecución do Premio Abrente con Zardigot (1973). Na súa primeira etapa creativa, que se desenvolve nos derradeiros anos do franquismo, céntrase no tema da Guerra Civil e as súas dramáticas consecuencias. Este autor mestura as técnicas vangardistas coa tradición dramatúrxica galega, herdada de Castelao e Blanco-Amor. Posteriormente, o seu teatro adquirirá un ton máis lúdico, achegándose ao público infantil e xuvenil. A partir da consecución do Premio Álvaro Cunqueiro, con Azos de esguello (1989), volve ao primeiro plano da escena do teatro galego e continúa desenvolvendo unha obra comprometida, centrada na situación política do país.

Roberto Vidal Bolaño (Santiago de Compostela, 1950-2002)

É unha das figuras máis importantes do teatro galego contemporáneo. Ao longo da súa traxectoria profesional estivo vencellado a diferentes compañías teatrais e foi configurando unha obra abundante que acadou moito recoñecemento. O seu teatro caracterízase polo uso do simbolismo e a combinación de elementos da tradición popular con outros da realidade sociocultural que lle tocou vivir. Na súa primeira etapa predominan os personaxes, temáticas e técnicas da dramaturxia popular, pero despois as súas obras evolucionaron cara a unha meirande complexidade formal e temática e impúxose unha visión pesimista da existencia humana. Deuse a coñecer coa peza Laudamuco, señor de ningures (1976), coa que obtivo o Premio Abrente. O seu teatro está enraizado na tradición dramática galega e caracterízase polo seu compromiso social.