Rochas Sedimentarias: Formación, Tipos e Procesos
Rochas sedimentarias
As rochas sedimentarias fórmanse por compactación de sedimentos.
Meteorización
A meteorización consiste nas alteracións pola acción da auga, o aire e os seres vivos que sofren todas as rochas da superficie terrestre. Existen dous tipos:
Meteorización física ou mecánica
Consiste na división das rochas en fragmentos. Dentro deste proceso destacan:
- Expansión térmica: os cambios bruscos de temperatura dilatan e contraen as rochas, podendo fendelas.
- Xelivración: rotura pola acción do xeo.
Meteorización química
Consiste na modificación da composición da rocha producida pola intervención da auga ou o aire. Exemplo: oxidación.
Transporte
Os ríos son os principais axentes de transporte nos continentes, mentres que as correntes mariñas o son nos océanos. Os materiais pódense transportar en disolución ou en estado sólido.
Sedimentos
Os sedimentos son os materiais que foron transportados e depositados. Adoitan acumularse nas zonas máis baixas dos continentes e nos océanos.
Ambientes sedimentarios
Son os lugares onde se acumulan os sedimentos.
Diaxénese
O proceso polo que un sedimento se transforma en rocha recibe o nome de diaxénese. Os principais procesos son a cementación e a compactación.
Formación das rochas sedimentarias
As rochas sedimentarias fórmanse a partir dunha rocha que sufriu un proceso de meteorización, transporte, sedimentación e diaxénese.
Estrato
Unha das características das rochas sedimentarias que resulta máis doado percibir cando se observan no campo é a súa disposición en capas paralelas. Cada unha destas capas chámase estrato.
Tipos de rochas sedimentarias
- Rochas sedimentarias detríticas: son aquelas que se forman a partir de materiais transportados en estado sólido. Formáronse a partir de fragmentos doutras rochas transportados en estado sólido polos ríos, os glaciares, o vento ou as correntes mariñas.
- Rochas sedimentarias non detríticas: inclúen todas as demais. Os materiais que as compoñen foron transportados disoltos na auga ou son restos de organismos.
Clasificación das rochas detríticas
- Conglomerado: composto por grans de tamaño grande.
- Arenita: de tamaño medio.
- Limolita: de tamaño pequeno.
- Arxilita: de tamaño moi pequeno.
Rochas carbonatadas
A máis importante é a calcaria. Fórmanse por tres procesos:
- Algunhas formáronse por precipitación do carbonato de calcio sen a intervención de organismos.
- Noutras ocasións, esa precipitación produciuse grazas á intervención de certos organismos, como é o caso dos estromatolitos.
- Outras veces, a propia rocha formouse por acumulación de restos de organismos, como ocorre coas lumaquelas.
Evaporitas
Son rochas orixinadas pola precipitación de sales minerais disoltas en augas sometidas a unha intensa evaporación. Destacan a halita e o xeso.
Rochas organóxenas
Son rochas orixinadas pola acumulación de restos orgánicos que posteriormente foron alterados pola intervención doutros organismos. Exemplos: carbón natural e petróleo.
Carbón natural
En zonas pantanosas do pasado, similares ás turbeiras, os restos vexetais transformáronse en turba pola acción bacteriana. Baixo o efecto da presión de novos sedimentos, tras varios millóns de anos, a turba foi transformándose en lignito. O proceso continuou e, baixo a presión de novos sedimentos, o lignito foi transformándose en hulla.
Petróleo
O proceso comeza coa morte masiva de organismos planctónicos que foron enterrados nos fondos mariños. Estes restos orgánicos fermentaron pola acción bacteriana, formando o sapropel, unha substancia precursora do petróleo. Despois depositáronse por enriba novos sedimentos e, millóns de anos máis tarde, o sapropel converteuse en petróleo.
O carbón natural e o petróleo son rochas organóxenas. Pola súa facilidade para arder e pola súa orixe, denomínanse combustibles fósiles.