Propiedades da Materia, Separación de Mesturas e Disolucións Químicas
1. Conceptos Fundamentais da Materia
Materia: É todo aquilo que ten masa e ocupa un volume.
Densidade: É a masa que ten cada unidade de volume. As súas unidades comúns son kg/m³, g/cm³ ou g/L.
Estados de Agregación da Materia
- Gas: As partículas do gas están unidas por forzas moi débiles. Están separadas por grandes distancias e desprázanse con plena liberdade, polo que o gas ocupa todo o volume dispoñible.
- Sólido: As partículas atópanse unidas por grandes forzas de cohesión e moi próximas unhas das outras, polo que o seu volume é constante.
- Líquido: As partículas están unidas por forzas moi débiles e están separadas entre si por pequenas distancias, polo que o seu volume é constante e poden fluír ou derramarse.
Leis dos Gases
- Temperatura constante (Lei de Boyle-Mariotte): P₁ · V₁ = P₂ · V₂
- Presión constante (Lei de Charles): V₁ / T₁ = V₂ / T₂
- Volume constante (Lei de Gay-Lussac): P₁ / T₁ = P₂ / T₂
2. Clasificación da Materia
- Mestura heteroxénea: É aquela na que se distinguen os seus compoñentes a simple vista ou ao microscopio.
- Mestura homoxénea: É aquela na que non se distinguen os compoñentes.
- Substancia pura: É aquela substancia cuxa composición non varía ao cambiar de estado físico.
- Elemento químico: É unha substancia pura que non se pode descompoñer noutras substancias puras máis sinxelas.
- Composto químico: É unha substancia pura formada por dous ou máis elementos químicos unidos entre si en proporcións fixas.
3. Métodos de Separación de Mesturas
Separación de Mesturas Heteroxéneas
Baseadas no grosor das partículas:
- Peneirado (barutado): Emprega unha criba ou peneira que permite o paso de partículas menores que o diámetro do seu burato.
- Filtración: Serve para separar mesturas de sólidos e líquidos. Está baseada no distinto tamaño das partículas que se pretenden separar; o sólido con partículas máis grosas queda retido nun filtro, que pode ser de papel, tea, area, etc.
- Separación magnética: É un método de separación de substancias que se basea nas súas propiedades magnéticas: algunha das substancias da mestura é atraída por un imán, separándose das demais.
Baseadas na densidade da substancia:
- Decantación: É un método que serve para separar dous líquidos inmiscibles ou un líquido dun sólido denso; está baseado na diferenza de densidade das substancias.
- Sedimentación: É un proceso que serve para separar sólidos en suspensión nun líquido. As partículas sólidas deposítanse no fondo debido a que teñen maior peso.
Separación de Mesturas Homoxéneas
Baseados no diferente punto de ebulición:
- Destilación: Úsase para separar dous ou máis líquidos con distintos puntos de ebulición.
- Evaporación: É outro método que aproveita a distinta temperatura para cambiar de estado físico, pero ten o inconveniente de que se perde un dos compoñentes da disolución: o disolvente.
Baseados na diferente solubilidade:
- Cristalización: É o proceso contrario da disolución; úsase para separar un sólido do líquido onde está disolto. Baséase na formación de cristais do sólido a partir dunha disolución sobresaturada.
- Extracción: Baséase na diferente solubilidade dunha substancia en distintos disolventes; así, un soluto pode pasar dun disolvente a outro.
Baseados na distinta velocidade de desprazamento:
- Cromatografía: Baséase na diferente velocidade coa que se moven os compoñentes dunha mestura ao seren arrastrados por un disolvente sobre un material poroso, polo que ascenden por capilaridade.
4. As Disolucións
Disolución: É unha mestura homoxénea e uniforme formada por varias substancias puras en proporcións variables.
- Disolvente: É a substancia compoñente dunha disolución que se atopa en maior proporción.
- Soluto: É a substancia compoñente que está en menor cantidade.
Clasificación segundo a Cantidade de Soluto
- Diluída: Contén pouca cantidade de soluto respecto á que podería conter.
- Concentrada: É a que contén progresivamente unha maior cantidade de soluto.
- Saturada: Contén todo o soluto que se pode disolver a unha temperatura determinada.
- Sobresaturada: Contén máis soluto do que corresponde en equilibrio a esa temperatura.
Concentración dunha Disolución
A concentración é a cantidade de soluto disolta nunha cantidade determinada de disolvente ou de disolución:
Concentración = Cantidade de soluto / Cantidade de disolución (ou disolvente)
Fórmulas habituais de concentración:
- Tanto por cento en masa (% en masa):
% masa = [masa (g) de soluto / masa (g) de disolución] × 100 - Tanto por cento en volume (% en volume):
% volume = [volume (L) de soluto / volume (L) de disolución] × 100 - Concentración en masa (g/L):
Concentración en masa = masa (g) de soluto / volume (L) de disolución