Poesía de vangarda en Galicia: Autores e correntes

Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en gallego con un tamaño de 3,89 KB

A poesía de vangarda en Galicia

A Xeración do 25 e as vangardas

O nacemento do século XX supón para Galicia un cambio importante no eido literario. Prodúcese un movemento xeneralizado de modernización da nosa literatura a todos os niveis. A poesía non foi allea a este proceso. Así, a comezos do século prodúcese no ámbito poético, coa coñecida Xeración do 25, os primeiros intentos de achegamento aos movementos de vangarda europeos e a superación da poesía feita no Rexurdimento. É o momento da publicación de revistas (Yunque, Alfar, Ronsel, Cristal...), nas que se presentan as ideas vangardistas, e de obras de clara influencia surrealista ou creacionista. Tamén sae do prelo o primeiro manifesto poético galego, o manifesto Máis alá!, editado en 1922 por Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro.

Características do vangardismo galego

O movemento vangardista galego non é tan rupturista como o europeo, xa que a realidade do galeguismo non aconsellaba tal posicionamento. O carácter periférico e non normalizado da cultura e da literatura galega impediu que se producise unha reacción virulenta contra a tradición.

Tendencias da vangarda galega

Dentro do movemento vangardista galego podemos distinguir varias tendencias ou correntes:

  • A vangarda plena, representada polo creacionismo de Manuel Antonio -sería a verdadeira vangarda galega-, o ultraísmo de Euxenio Montes e o surrealismo de Cunqueiro.
  • A vangarda matizada, representada polo movemento hilozoísta de Amado Carballo.
  • O neotrobadorismo, representado por Bouza Brey e Cunqueiro.

O neotrobadorismo

A popularización dos cancioneiros medievais despois da edición das cantigas de amigo por parte do erudito portugués José Joaquim Nunes entre 1926-1928, supuxo para as novas voces poéticas o achegamento á nosa lírica medieval. Os poetas recuperan características da poesía medieval e trasládanas a poemas actuais. É o caso de Bouza Brey e do seu poemario Nao senlleira. Outro xeito de adoptar a lírica medieval é a recreación do medievo en poemas que reproducen as formas e os estilos destas composicións. Seguen esta tendencia Álvaro Cunqueiro con obras como Cantiga nova que se chama ribeira ou Dona do corpo delgado.

O hilozoísmo

A presenza da natureza e a sensualidade vai ser unha das constantes do hilozoísmo. Este ismo ten o seu máximo representante no poeta pontevedrés Amado Carballo. En Proel e O galo atopamos a sucesión de imaxes como cerna do poema, a natureza humanizada e a presenza de rimas e metros tradicionais.

O creacionismo

O movemento máis rupturista nos ismos galegos foi o creacionismo. Este movemento ten como único representante a Manuel Antonio. O poemario máis importante dentro da súa produción é De catro a catro. O poeta de Rianxo introduce na poesía galega léxico mariñeiro que ata ese momento estivera á marxe da lírica, constrúe os seus poemas a partir da sucesión de imaxes e converte o mar no seu mundo poético, un mar estático e poetizado a través da súa imaxe interior. Malia ser o poeta máis rupturista, a súa poesía está chea de sentimentos e non chega a acadar que os seus poemas sexan realidades completamente autónomas, tal e como se recolle nos principios do vangardismo europeo.

O surrealismo

O derradeiro movemento europeo que ten a súa pegada no vangardismo galego é o surrealismo, da man do poeta mindoniense Álvaro Cunqueiro. No seu Poemas do si e do non reproduce inocentemente o automatismo deste movemento.