A Poesía Galega Contemporánea: Do Franquismo ao Século XXI

Lengua y literatura4,22 KB

A poesía galega de finais do XX e principios do XXI

O contexto político e social (1975-1983)

En 1975 morría o xeneral Franco e daba comezo o principio da fin da ditadura na que, durante case corenta anos, vivira España e Galicia. Dous anos máis tarde tiveron lugar as primeiras eleccións democráticas e, ao ano seguinte, redactouse unha nova Constitución na que se significaba unha descentralización política e administrativa que permitiu levar adiante un proceso estatutario nas diferentes partes do Estado.

En 1981 é aprobado en referendo o Estatuto de Autonomía e tanto a sociedade española como a galega viven profundas transformacións cuxo alcance se prolongará durante as décadas finais do XX e aínda no principio do XXI. Coa morte de Franco, a promulgación dunha nova Constitución e a posibilidade de acceder a un Estatuto de Autonomía para Galicia, iniciouse un novo proceso caracterizado pola recuperación das liberdades democráticas e a posibilidade de autogoberno.

O 21 de decembro de 1981 foi aprobado en referendo o Estatuto de Autonomía, que deu paso á creación dun goberno autonómico e dun parlamento propio. A este proceso sumouse a Lei de Normalización Lingüística (1983), que non só senta as bases do emprego do galego, senón que tamén permite que cobre unha presenza importante no ámbito administrativo e no ensino.

Impacto na literatura galega

Co proceso de autonomía política asistimos, asemade, a unha crecente autonomía e asentamento do discurso literario nas súas máis diversas manifestacións e prácticas. Os cambios de todo tipo que afectan ao conxunto da sociedade galega tamén se deixaron sentir no apartado da literatura. Asistimos a unha apertura sen precedentes na historia das nosas letras canto á diversidade temática.

Trazos comúns da poesía galega contemporánea

Entre os trazos comúns dos escritores desta época destacan:

  • A reflexión sobre a propia linguaxe poética dos anos 80.
  • A apertura temática que incidiría nunha certa actitude cosmopolita e un certo regreso a temáticas sociais xa nos 90.
  • A aparición de modelos intimistas.
  • A plena incorporación de elementos procedentes das artes e das artes plásticas.
  • A presenza de mulleres escritoras.

Fases da poesía galega contemporánea

Podemos dividir o período analizado en diferentes momentos:

Revisión do canon e cambio de rumbo (ata os 80)

Unha primeira fase caracterízase pola revisión do canon poético sociorrealista e o inicio do cambio de rumbo. Ata os anos oitenta, os novísimos da poesía galega foron un grupo de poetas mozos, continuadores da tradición sociorrealista, como Cabana ou Lois Diéguez.

A partir dos anos 80 prodúcese o abandono desta poesía comprometida herdada da etapa da ditadura franquista e búscanse novas pautas estéticas. A este cambio de orientación contribuíu de maneira decisiva a publicación de Con pólvora e magnolias de Méndez Ferrín. Nesta obra, aínda que non se renuncia aos contidos políticos, pódense xa observar algunhas das características da nova poesía. Tampouco hai que esquecer Herba de aquí e acolá de Cunqueiro, para algúns a verdadeira iniciación do cambio de rumbo. A finais dos 70 obsérvase unha actitude de mudanza.

A Promoción dos 80: consolidación da renovación

A consolidación da renovación poética prodúcese ao longo da década de 1980 a través da produción dun grupo de novos escritores. Moitos deles participan en revistas de expresión poética como Nordés ou en premios literarios como Esquío, ou colaboran en volumes colectivos como De amor e desamor I e II.

Características da Promoción dos 80

Os principais trazos compartidos son:

  • O formalismo, entendido como vocación por abordar a linguaxe poética como elemento fundamental do discurso poético.
  • O esvaecemento do eu poético.
  • A apertura temática.
  • A aceptación do exemplo de Méndez Ferrín con Con pólvora e magnolias e de Cunqueiro con Herba de aquí e acolá.
  • Un crecente interese pola lírica anglosaxoa e portuguesa.

Descargar

PDF Word HTML