Orixe e Transformacións da Primeira Revolución Industrial

Geografía3,51 KB

A Primeira Revolución Industrial: Do obradoiro á fábrica

Ata o século XVIII, os produtos elaborábanse en pequenos obradoiros con ferramentas sinxelas. Cada artesán elaboraba obxectos completos e controlaba o seu propio ritmo de traballo. Na segunda metade do século XVIII, inventáronse en Gran Bretaña diversas máquinas que necesitaban grandes espazos e custosos investimentos. Os obradoiros empezaron a ser substituídos polas fábricas, que primeiro funcionaban con enerxía hidráulica, pero axiña apareceu unha nova fonte de enerxía: o vapor.

A aparición das fábricas supuxo que as actividades industriais se concentrasen en determinados lugares, modificando a forma de traballar: cada obreiro especializouse nunha única tarefa do proceso produtivo (división do traballo) e traballaba ao ritmo que impoñía a máquina. A división do traballo aumentou a produtividade; os custos de fabricación e os prezos dos produtos diminuíron.

Os sectores punta: A industria téxtil

A industria téxtil algodonera británica disponía dunha materia prima abundante e barata. Foi a primeira que incorporou as innovacións técnicas no fiado e no tecido, e pasou a usar o vapor para mover as máquinas. A produción téxtil británica multiplicouse e inundou os mercados internacionais. Por outra parte, o desenvolvemento do sector téxtil impulsou outras actividades como a agricultura, que subministraba materias primas, e a siderurxia, que proporcionaba o ferro para fabricar as máquinas.

Os sectores punta: A industria siderúrxica

Ata o século XVIII, o ferro británico era de baixa calidade porque contiña moitas impurezas. Fabricábase en fundicións situadas preto dos bosques, de onde se obtiña o carbón vexetal, a fonte de enerxía empregada na produción. Por esta razón, a maior parte do ferro importábase. A principios do século XVIII, o carbón vexetal empezou a escasear e houbo que buscar outro combustible. Realizáronse diversas probas para solucionar este problema ata que, a finais do século XVIII, se patentou un novo procedemento que permitía obter a gran escala lingotes de ferro refinado de calidade nos modernos altos fornos. A demanda e a produción de ferro multiplicáronse.

O liberalismo económico

De forma paralela ao proceso de industrialización, difundiuse polo mundo occidental unha nova doutrina económica: o liberalismo. Esta baseábase na teoría exposta na obra Investigación sobre a natureza e causas da riqueza das nacións (de Adam Smith). A actividade económica debía rexerse polo principio de liberdade económica para crear empresas, contratar traballadores e establecer as condicións e os prezos dos produtos.

Os gremios do Antigo Réxime eran un obstáculo para o crecemento económico. O Estado tampouco debía intervir na economía porque esta se axustaba mediante a actuación da chamada man invisible do mercado. Isto significaba que a lei da oferta e a demanda se encargaba de regular os prezos dos produtos e os salarios dos traballadores: se había moita oferta de produtos ou de man de obra e pouca demanda, o prezo ou os salarios diminuirían.

Descargar

PDF Word HTML