Industria e revolución industrial: obradoiros, fábricas e medio ambiente

Ciencias sociales3,38 KB

A industria: obradoiros artesanais

Durante séculos, a inmensa maioría da poboación viviu no campo e dedicábanse ás actividades agrarias. As familias elaboraban os obxectos que necesitaban ou encargábanlles aos artesáns, que tiñan os seus propios obradoiros; neles empregaban poucos traballadores, e eran obradoiros domésticos, é dicir, formaban parte da vivenda. Os artesáns realizaban o produto de principio a fin con axuda dalgunhas ferramentas moi sinxelas; por iso o proceso de produción era lento e custoso e non había dous artigos iguais.

A industria moderna

A finais do século XVIII apareceron en Inglaterra as primeiras fábricas modernas. A produción nas fábricas tiña características moi diferentes ás dos obradoiros artesáns:

  • As máquinas pasaron a realizar parte do proceso de produción que ata entón se facía de forma manual.
  • Empezáronse a usar novas fontes de enerxía para o funcionamento das máquinas: primeiro o carbón, despois a electricidade e o petróleo.
  • Os empregados comezaron a realizar só unha tarefa concreta na cadea de produción en vez do produto completo; é dicir, produciuse unha división do traballo.

A mecanización permitiu reducir o tempo de fabricación e obter grandes cantidades de produtos iguais, con maior calidade e a un custo menor por unidade. Pero tamén esixiu aos donos das fábricas maiores investimentos de diñeiro para pagar a maquinaria. Pola súa parte, a especialización dos traballadores aumentou o seu rendemento e eficacia, pero o traballo fíxose máis duro e monótono. As primeiras fábricas situáronse nas cidades. Isto provocou un crecemento extraordinario das cidades que xa existían e a aparición doutras novas. Moitos campesiños abandonaron o campo e trasladáronse a elas para traballar nas fábricas. A todo este conxunto de cambios na economía e na sociedade chamámoslle primeira revolución industrial.

Industria e medio natural

As actividades industriais, xunto coa extracción de minerais e recursos enerxéticos, son as que maiores impactos provocan no medio natural. Estes efectos negativos foron perceptibles xa desde os primeiros momentos da revolución industrial. Os principais impactos ambientais das actividades industriais son:

  • O consumo de recursos non renovables, que constitúen a maior parte das materias primas e fontes de enerxía que se usan no proceso industrial.
  • A contaminación da atmosfera e das augas.
  • Os residuos sólidos incontrolados nas inmediacións.
  • Os riscos da utilización dalgúns produtos perigosos.
  • A presenza de instalacións abandonadas e en desuso tras unha crise, que causan un grande impacto visual.

A actual revolución industrial: novas industrias

Hoxe estáse a producir unha nova revolución apoiada en industrias innovadoras que utilizan unha alta tecnoloxía. Estas industrias están relacionadas coa microelectrónica, a informática, as telecomunicacións, a biotecnoloxía e os novos materiais. En xeral, estas industrias empregan poucos traballadores pero moi cualificados, pois as tarefas mecánicas e repetitivas son realizadas por robots. As industrias máis tradicionais sufriron unha crise. A súa falta de competitividade provocou o peche de fábricas ou a posta en marcha de procesos de reconversión industrial.

Descargar

PDF Word HTML