A Idade Media: Do Imperio Romano ao Mundo Islámico
1. Introdución: O nacemento da Idade Media
Á caída de Roma comezaron nos seus antigos dominios occidentais unha serie de loitas polo poder. Destrúese a unidade política, económica e cultural existentes durante o Imperio Romano na Europa Occidental. Apareceron os árabes conquistando o Medio Oriente, o norte de África e case todo o territorio na actual España. Para os occidentais, a Idade Antiga remata cando os pobos chamados xermánicos ou bárbaros entran definitivamente no Imperio Romano e o destrúen. Estes pobos fóronse achegando desde o século III á fronteira norte do Imperio Romano, nos vales dos ríos Rin e Danubio. Ao irse debilitando o Imperio Romano, penetraron violentamente, saqueando a capital, Roma, no ano 476, e facendo desaparecer todo rastro de poder e de autoridade romanos.
Agora comeza a chamada Idade Media.
O Imperio Bizantino
A parte oriental do Imperio Romano, o chamado Imperio Bizantino, rexeitou as invasións xermánicas. O emperador Xustiniano (482-565) levou a cabo unha expansión xeográfica, conquistando amplos territorios na contorna do Mediterráneo, recompilou as leis romanas (Código de Xustiniano) e acadouse un alto nivel de desenvolvemento económico, grazas a un comercio de mercadorías de alto valor. En 1054 a liturxia e as normas cristiás empezaron a se diferenciar das de Occidente, producindose unha separación (Cisma de Oriente) entre a Igrexa cristiá de Roma (católica) e a cristiá de Bizancio (ortodoxa) que perdura ata hoxe. Este imperio desapareceu en 1453, cando foi invadido polos turcos.
Europa Occidental
Na que fora parte occidental do Imperio Romano, os pobos xermánicos estableceron varios reinos independentes. Estes reinos tomaron elementos da cultura romana, como a lingua e as leis. Co tempo constituíron a Europa Occidental, cristiá católica. A economía destes reinos empobreceuse enormemente, quedando reducida á agricultura e á gandería; desapareceron as cidades e toda a actividade comercial, a vida de Europa Occidental ruralizouse. A cultura empobreceuse, e os coñecementos eran exclusivos dos eclesiásticos, o que lle deu gran poder á Igrexa. Tamén desapareceu a autoridade do estado. Estas circunstancias supuxeron unha enorme regresión en todos os eidos da vida humana.
O Mundo Islámico
A relixión islámica, tamén monoteísta como o xudaísmo e o cristianismo, naceu da man de Mahoma, en Arabia no século VII. Desde alí estendeuse rapidamente, dando orixe a unha civilización moi diferente ás anteriores.