Historia do galego: do 1936 ao 1975
O galego do 36 ao 75
O levantamento militar de Franco deu lugar a unha guerra que duraría tres anos; en Galicia triunfou o franquismo e instálase rapidamente. Os organismos, institucións e editoriais que tanta influencia tiveran no primeiro terzo do século XX tocan á súa fin no 36 coa excepción da RAG. A guerra interrompeu calquera movemento político e cultural de carácter galeguista. Os que sobreviviron e permaneceron aquí quedaron totalmente silenciados.
Os anos posteriores á guerra foron sen produción en lingua galega ata 1947, en que se publica Cómaros verdes de Iglesias Alvariño e, cinco anos máis tarde, publícase A xente da Barreira de Carballo Calero. Clave deste período é 1950 coa fundación da Editorial Galaxia, exclusiva en galego. Constituíu un avance para o galeguismo ante a imposibilidade da vida política, e esta editorial é fundamental para a recuperación da lingua galega e o seu prestixio con autores como Cunqueiro, Fole e, máis tarde, algúns exiliados como Castelao ou Otero Pedrayo, e tamén novas xeracións.
Grazas a todos eles, o galego consegue recuperarse e chegou a experimentar un impulso importante na prosa ensaística, na filosofía, historia e economía. Tamén a revista Grial en 1951 é prohibida polo réxime por considerar que traspasou os límites impostos pola ditadura. Pero a finais dos 50 a censura afrouxouse e así, oito anos despois, Galaxia empeza a publicar a revista Economía de Galicia e, catro anos despois, publica Longa noite de pedra, que se convertería nun símbolo antifranquista.
No 63, ano crucial para a lingua e a cultura galega, instálase o Día das Letras Galegas, créanse as primeiras asociacións e pouco a pouco recupérase de novo o idioma para os usos públicos orais. En 1960 Galicia comeza un proceso de grandes cambios non só culturais e políticos, senón tamén económicos e sociais; asistimos á transformación do sistema socioeconómico pasando dunha sociedade campesiña ao predominio da clase media e o proletariado e a migración ás cidades da Coruña, Ferrol ou Vigo.
A morte de Franco porá fin a esta etapa e dará paso á recuperación das liberdades democráticas. O galego escrito non corresponde a ningunha norma; non obstante, si se avanza cara a unha maior sinxeleza formal. Os autores da Editorial Galaxia levan á práctica o criterio simplificador da ortografía con apóstrofes ou guións. Na Universidade de Santiago déronse novidades importantes nos 60 como a incorporación de xeito opcional aos estudos de lingua e literatura galega na licenciatura de Filosofía e Letras co profesor Calero, quen publica a Gramática elemental do galego común.