Guía da Nova Narrativa Galega: Renovación literaria dos 50

Español3,39 KB

Orixe e contexto da Nova Narrativa Galega

Na década dos 50 xurdiu un grupo de narradores galegos marcados por unhas características literarias e xeneracionais comúns, presididas polo desexo de renovación da narrativa galega. Dito grupo recibiu o nome de Nova Narrativa Galega, posto que tivo fortes influencias do Nouveau Roman francés. A obra que abriu este período de renovación literaria foi, en 1954, Nasce unha árbore, de Rodríguez Mourullo; mentres que a que o pechou foi, en 1971, Adiós María, de Xohana Torres, autora que xunto a María Xosé Queizán representou a recuperación feminista.

Características da Nova Narrativa Galega

Entre as características propias desta narrativa salientan:

  • Desaparición da historia argumental: crebamento da liña argumental tradicional.
  • Afastamento temático do ruralismo e do costumismo: foco en estados mentais adversos e mesmo na morte.
  • Uso abundante do simbolismo.
  • Multiperspectivismo: emprego de diferentes narradores que outorga á obra un enfoque múltiple.
  • Obxectalismo: protagonismo excesivo dos obxectos, descritos con miudeza, restando importancia á personaxe, aos seus valores humanos e aos seus sentimentos.
  • Espazos claustrofóbicos: ambientación situada en espazos pechados en contraposición con escenarios moi amplos.
  • Forte ruptura temporal: recurso constante a anacronías, prolepses e analepses.
  • Antiheroes: personaxes sen relevancia heroica mais psicoloxicamente complexos, que expresan en primeira persoa os seus desacougos existenciais.
  • Renovación da linguaxe: incorporación de cultismos, tecnicismos e préstamos doutras linguas.
  • Achegamento estilístico ao cinema: apreciable na descrición minimalista dos obxectos, no uso de elipses para ocultar detalles importantes, na procura de activar o papel do lector e na creación dun relato máis directo e impactante.

Autores principais e trazos xeneracionais

Os autores que compuñan este grupo foron: Gonzalo Rodríguez Mourullo, Xohán Casal, Xosé Luís Méndez Ferrín (autor de Percival e outras historias e de O crepúsculo e as formigas), María Xosé Queizán, Camilo González Suárez-Llanos, Carlos Casares e Xohana Torres.

Todos eles comparten o feito de seren universitarios mentres escribían estas obras, ademais de non teren participado na Guerra Civil e de viaxaren polo estranxeiro coñecendo as correntes literarias doutras culturas, consolidando así o desexo de renovar a narrativa galega. Tamén cabe destacar que participaron activamente nos movementos culturais e políticos galeguistas da época, tales como a fundación da colección literaria Illa Nova e a recuperación das Festas Minervais.

Conclusión e transcendencia

En definitiva, este grupo de autores de obras narrativas realizou un gran labor na renovación da narrativa galega á maneira do Nouveau Roman francés, o cal tivo unha enorme transcendencia na novela posterior, proxectándose con vixencia ata a actualidade.

Descargar

PDF Word HTML