Guía Completa da Cooperativa: Dereitos, Obrigas e Xestión en Galicia
Baixa dun Socio
A baixa dun socio nunha cooperativa pode ser de dous tipos:
Baixa Voluntaria
Prodúcese cando o socio avisa previamente ao Consello Reitor, no prazo que se fixe nos estatutos (máximo 1 ano).
Baixa Obrigatoria
Ocorre cando o socio perde os requisitos que se esixan para ser membro da cooperativa. Pode ser xustificada (cando o socio se vexa na situación de forma involuntaria) ou inxustificada (cando non existe causa que a motive). En caso de baixa xustificada, o socio ten dereito ao reembolso da súa achega social, mentres que para a baixa inxustificada ou expulsión pode establecerse nos estatutos unha redución da mesma, que, en todo caso, non pode superar o 30 %.
Dereitos dos Socios
Os socios dunha cooperativa teñen os seguintes dereitos:
- Participar na actividade económica e social da cooperativa, sen discriminación e de acordo co establecido nos Estatutos.
- Ser electores e elixibles para os órganos sociais.
- Participar con voz e voto na adopción de acordos da Asemblea Xeral e demais órganos dos que formen parte.
- Esixir información nos termos legal e estatutariamente establecidos (os socios recibirán, ao seu ingreso na cooperativa, un exemplar dos Estatutos sociais, así como, se existise, do Regulamento de réxime interno e das modificacións que se vaian introducindo nos mesmos).
- Participar no retorno de excedentes que se acorde.
- Cobrar os xuros que se fixen para as achegas sociais.
- Recibir a liquidación da súa achega en caso de baixa ou disolución da sociedade.
Obrigas dos Socios
Os socios dunha cooperativa teñen as seguintes obrigas:
- Efectuar o desembolso das achegas comprometidas.
- Asistencia ás reunións da Asemblea Xeral e demais órganos aos que fosen convocados.
- Cumprir os acordos adoptados polos órganos de goberno.
- Participar nas actividades que desenvolve a cooperativa, na forma establecida nos Estatutos.
- Gardar segredo sobre os asuntos que poidan prexudicar á cooperativa.
- Non realizar actividades competitivas coa actividade da cooperativa nin colaborar con quen as realice, salvo que sexa expresamente autorizado polo Consello Reitor.
- Aceptar os cargos para os que fosen elixidos, salvo causa xusta.
- Participar nas actividades de formación.
Clases de Achegas dos Socios
Achegas Dinerarias
Serán en euros.
Achegas Non Dinerarias
Se o prevén os estatutos da cooperativa, poderanse achegar bens e dereitos, que serán valorados polo Consello Reitor baixo a súa responsabilidade.
Achegas Obrigatorias
Poden ser diferentes para os distintos tipos de socios. Os estatutos fixarán unha achega mínima obrigatoria para ser socio. Ao inicio débese desembolsar, polo menos, un 25 % e, o resto, na forma e prazos que determinen os estatutos ou, no seu defecto, a Asemblea Xeral. A Asemblea Xeral ordinaria fixará anualmente a contía das achegas obrigatorias dos novos socios e as condicións e prazos para o seu desembolso. O importe das achegas obrigatorias dos novos socios non poderá ser inferior ao das achegas obrigatorias mínimas para ser socio, nin superior ao das efectuadas polos socios actuais, incrementadas na contía que resulte de aplicar o Índice de Prezos ao Consumo. A Asemblea Xeral poderá esixir novas achegas obrigatorias fixando a contía, prazos e condicións do desembolso. O socio que teña desembolsado achegas voluntarias poderá aplicalas en todo ou en parte ao cubrir as novas achegas. O socio que non estea conforme coa ampliación obrigatoria de capital social poderase dar de baixa xustificada. O socio que non desembolse as achegas obrigatorias nos prazos previstos deberá aboar como penalización á Cooperativa o xuro legal das cantidades debidas, pois terá incorrido en mora.
Achegas Voluntarias
A Asemblea Xeral e, se o prevén os estatutos, o Consello Reitor poderán acordar a admisión de achegas voluntarias ao capital social a realizar polos socios. Estas achegas retribuiranse, pero esta retribución non pode exceder o xuro legal do diñeiro incrementado en 6 puntos. As achegas voluntarias deberán desembolsarse totalmente no momento da subscrición e terán o carácter de capital social, do que pasan a formar parte.
Transmisión das Achegas
Por Actos Inter Vivos
Isto débese notificar previamente aos administradores. Teñen preferencia para a adquisición os xa socios e aqueles que, reunindo os requisitos para ser socios, se comprometan a selo nos tres meses seguintes, nos termos fixados nos Estatutos.
Por Sucesión Mortis Causa
Aos herdeiros se fosen socios, e así o soliciten ou, se non fosen socios, previa admisión como tales, que deberá solicitarse no prazo de 3 meses desde o falecemento, sen resultar obrigado a desembolsar cota de ingreso.
Reembolso das Achegas
Os estatutos regularán o dereito ao reembolso das achegas ao capital en caso de baixa do socio.
Órganos de Administración e Xestión
Asemblea Xeral
Xuntanza de todos os socios constituída para tratar asuntos e adoptar decisións que sexan da súa competencia. As decisións vinculan a todos os socios da cooperativa.
1. Asembleas Ordinarias
Nelas examínase a xestión social, as contas anuais, os excedentes ou perdas e calquera outro asunto da cooperativa. Celébrase 1 vez ao ano, convocada polo Consello Reitor, cun mínimo de 15 días de antelación.
2. Asembleas Extraordinarias
Son todas as demais nas que se tratan asuntos urxentes ou de especial interese. Convócaas o Consello Reitor por iniciativa dun número de socios que represente polo menos un 20 % do total de votos. Mínimo 10 días de antelación.
3. Asemblea Universal
Sen convocatoria previa, se están presentes todos os socios e aceptan por unanimidade os puntos a tratar nela.
Nas de primeiro grao, cada socio ten un voto, aínda que os estatutos poderán establecer o dereito ao voto plural ponderado, en proporción á actividade cooperativizada. Nas de segundo grao o voto dos socios poderá ser proporcional á súa participación na actividade cooperativizada, ou ao número de activos que integran a cooperativa asociada. A adopción de acordos na Asemblea tomarase pola metade dos votos validamente expresados. Precísase maioría de dous terzos dos votos para acordar a modificación dos estatutos, a escisión, fusión ou liquidación da sociedade, así como para impoñer novas achegas de capital e modificar as cotas periódicas.
Consello Reitor
Órgano de goberno, xestión e representación da cooperativa. O número de membros non pode ser inferior a 3 nin superior a 5, coa excepción das cooperativas de menos de 10 socios, nas que se pode nomear un administrador único. Nómase un presidente, un vicepresidente e un secretario, podendo haber vogais.
Interventores
Encárganse de fiscalizar as contas da Cooperativa. Entre 1 e 3. Son socios da cooperativa elixidos pola Asemblea Xeral nun número non superior aos conselleiros. A terceira parte dos membros poden ser expertos independentes. Poden ser retribuídos e son incompatibles coa pertenza ao Consello Reitor.
Comité de Recursos
Encárgase de tramitar os expedientes sancionadores abertos aos socios polo Consello Reitor, tramitando e resolvendo os recursos que se presenten contra as sancións impostas.
Constitución da Cooperativa
Débese obter certificación do Rexistro de Cooperativas de que non existe inscrita outra sociedade cooperativa coa mesma denominación que a que se pretende adoptar. A denominación solicitada quedará reservada en favor dos solicitantes por un prazo de 4 meses. A inscrición realízase no Rexistro de Cooperativas da Comunidade Autónoma de Galicia. Existen 4 rexistros: un para cada provincia galega. A cooperativa inscribirase no rexistro provincial da provincia onde vaia exercer a súa actividade e onde teña o seu domicilio social. Existen dous procedementos:
Procedemento Normal
Implica a previa cualificación (que os estatutos se axusten á lei) do proxecto de estatutos e documentación antes de pasar á fase de inscrición. En primeiro lugar é necesaria a celebración da Asemblea Constituínte, a cal ten as seguintes características:
- Está formada polos socios promotores da sociedade.
- O presidente e o secretario da Asemblea serán elixidos de entre os membros da Asemblea ao comezo da sesión.
A Asemblea Constituínte tomará os seguintes acordos:
- Aprobación dos Estatutos sociais da cooperativa.
- Nomeamento, entre os promotores, das persoas que ocuparán os distintos cargos dos órganos sociais da mesma.
- Designación, de entre os promotores, das persoas que outorgarán a escritura de constitución, e entre as cales estarán os elixidos para os cargos dos órganos sociais.
O número mínimo de promotores é de 4, salvo no caso de cooperativas de traballo asociado, no que o seu número poderá ser 3. Se se realizasen achegas non dinerarias, a valoración dada ás mesmas deberá ser aprobada pola Asemblea Constituínte, previo informe dun experto independente. Os gastos ocasionados polas actuacións necesarias para a constitución da sociedade serán a cargo desta. En caso de que non se inscriba no Rexistro ou non se acepten as contas, os socios promotores serán responsables solidariamente das obrigas contraídas fronte a terceiros cos que contratasen en nome da cooperativa. En tanto non se produza a inscrición no rexistro, a proxectada sociedade deberá engadir á súa denominación a expresión "en constitución".
Cualificación dos Estatutos
Unha vez aprobados os Estatutos e antes de outorgar a escritura pública, os promotores ou xestores da cooperativa poden solicitar ao Rexistro a cualificación dos Estatutos. É aconsellable porque o Rexistro, ao cualificar, está asegurando que se axustan á lei.
Documentación para a Cualificación e Inscrición
Para obter a cualificación dos Estatutos, requírese a seguinte documentación:
- Solicitude de cualificación, dirixida ao Delegado Provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.
- Acta da Asemblea Constituínte, en caso de terse celebrado.
- Proxecto de Estatutos.
- Certificación de que non existe inscrita outra sociedade con idéntica denominación, expedida pola Sección Central do Rexistro de Cooperativas dependente da Administración Xeral do Estado.
Esta documentación presentarase no Rexistro de Entrada de Documentos das Delegacións Provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais. O seguinte paso é outorgar ante notario a correspondente escritura de constitución por todos os socios promotores ou, no seu caso, polos designados na Asemblea Constituínte. Por último, débese solicitar a inscrición da escritura de constitución no Rexistro de Cooperativas. Os xestores designados solicitarán do Rexistro a inscrición da sociedade mediante a presentación dunha copia autorizada da escritura pública de constitución e dúas copias simples. A inscrición realizarase no prazo de 2 meses desde a solicitude, salvo que se observase algún defecto, que se porá en coñecemento dos xestores para a súa corrección.
A documentación necesaria para a inscrición é:
- Instancia dirixida ao Delegado Provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, solicitando a inscrición no Rexistro de Cooperativas (por duplicado).
- Achegar unha copia autorizada da escritura pública de constitución e dúas copias simples.
- Declaración da clase de actividade que a Cooperativa vai realizar, numeración e nomenclatura establecida na Clasificación Nacional de Actividades Económicas (CNAE).
- Acreditar a previa presentación para a liquidación do Imposto sobre Transmisións Patrimoniais.
- Pago da taxa de aproximadamente 9 euros.
Procedemento Abreviado de Constitución
Poderase solicitar directamente a inscrición cando comparezan todos os socios promotores ante o notario a outorgar directamente a escritura de constitución.
Clases de Fondos Sociais
Fondo de Reserva Obrigatorio
Non se pode repartir entre os socios. Destinarase, necesariamente, a:
- Unha porcentaxe sobre os excedentes netos.
- O 50 %, polo menos, dos beneficios extracooperativos.
- As deducións sobre as achegas obrigatorias nos casos de baixa do socio.
- As cotas de ingreso.
- As cantidades da actualización de achegas.
- As partidas destinadas ao Fondo de Reserva por Subvencións.
Fondo de Educación e Promoción
Destinarase á formación dos socios e traballadores nos principios e técnicas cooperativas, económicas e profesionais, á consecución de melloras nos sistemas de prestacións sociais e á realización de actividades intercooperativas. Non se pode embargar nin repartir, e a este fondo hai que destinar:
- Unha porcentaxe sobre os excedentes netos.
- As sancións que impoña a cooperativa aos seus socios.
- As subvencións, doazóns e calquera clase de axuda.