Fundamentos do Liberalismo Económico e o Sistema Capitalista
Enviado por Chuletator online y clasificado en Francés
Escrito el en
español con un tamaño de 2,76 KB
O Liberalismo Económico
A Revolución Industrial permitiu que se pasase dunha economía limitada e mercantilista a unha economía liberal, que estaba baseada en tres principios fundamentais:
- A propiedade privada, libre e sen limitacións.
- A libre empresa, a libre contratación da man de obra e a libre regulación do sistema produtivo sen interferencias do Estado.
- Un mercado libre regulado só polo beneficio e a lei da oferta e da demanda.
9.1 Bases teóricas do liberalismo económico
O principal teórico do liberalismo clásico foi o escocés Adam Smith.
Segundo Adam Smith, o que movía as persoas a actuar en economía era o interese individual. Esta doutrina apoiaba a iniciativa privada fronte ao Estado. O Estado debía limitarse a manter a xustiza, defender o territorio e facer as obras que a iniciativa privada non realizaba.
Adam Smith foi, ademais, a persoa que primeiro estudou o aumento da produtividade como resultado da división técnica do traballo.
Malthus observou que a poboación medraba a un ritmo maior ca os alimentos. Para evitar a catástrofe, propoñía freos preventivos, como a redución voluntaria da natalidade.
Stuart Mill defendeu a iniciativa individual, a acumulación de capital e o libre mercado. Sostiña que o Estado debía intervir en certos temas (educación, fiscalidade, regulación laboral…) pero non no mercado.
9.2 O sistema económico capitalista
O sistema fabril necesitaba grandes cantidades de diñeiro para crear e facer funcionar as empresas, o que potenciou o desenvolvemento da banca e as bolsas de valores. O cambio económico veu acompañado de transformacións sociais:
- O paso dunha sociedade rural de base agraria a unha sociedade de base industrial.
- O paso dunha sociedade estamental con privilexios de orixe xurídica a unha sociedade de clases, baseada na riqueza.
Durante o século XIX, o benestar económico global de moitos países medrou. Este crecemento xeral foi moi desigual e as condicións de vida de certos grupos, como os obreiros industriais, empeoraron.