Descripción, Galego Antigo e Texto Expositivo: Guía de Lingua e Tipos Textuais
Texto descritivo
Describir consiste en explicar as características ou calidades dun ser, dun obxecto, dun lugar ou mesmo dun sentimento ou sensación. A descrición carece de acción e ofrécenos unha visión estática da realidade.
Os trazos máis característicos deste texto son: a descrición é estática, polo estancamento do tempo; os verbos son estáticos e contemplativos; hai un predominio de adxectivos e estruturas atributivas; e os tempos verbais adoitan ser o presente e o copretérito.
Aparecen as funcións expresiva, poética e representativa, con adxectivacións, metáforas, epítetos, enumeracións, comparacións, etc., e por último destacamos a ordenación dos elementos no espazo.
Tipos de descrición
- Descrición obxectiva: actitude imparcial e precisión léxica; uso de léxico específico e técnico; función representativa.
- Descrición subxectiva: manifestación de sensacións subxectivas; léxico variado, expresivo e valorativo; función expresiva e poética.
Características básicas do galego antigo
A lingua en que estaban escritos os textos medievais adoita denominarse galego-portugués, xa que nese momento histórico as diferenzas entre as falas do norte e do sur do Miño, das que proceden respectivamente o galego e o portugués actuais, eran pouco significativas. Algúns dos trazos máis característicos da lingua desta época son os seguintes.
Nivel fonolóxico
- Existían vogais nasais producidas pola perda da -u- intervocálica: mao (man), úa (unha), téedes (tedes/tendes), irmáo (irmán). Na actualidade o galego non conserva vogais nasais: nalgúns casos perdeuse a nasalidade da vogal e noutros orixinouse unha consoante nasal.
- Tamén había oposición fonolóxica entre sibilantes xordas e sonoras: passo/rosa; peixe/hoje; gente; cabeza/cozer.
- Existía unha consoante africada que sobrevive no galego actual (chover, chorar).
Nivel morfosintáctico
- Ausencia dun morfema de feminino para as palabras rematadas en -or: a pastor, a sennor.
- Uso do pronome persoal te tanto para o acusativo como para o dativo: falareite de amor.
- Emprego do posesivo sen artigo que o preceda: vodas fazen a meu amigo.
- Vacilación na terceira persoa dos perfectos: no sur, coa terminación -e ou -Ø (ouve, disse, fez), como resolve tamén o portugués actual; e no norte, a terminación en -o (ouvo, disso, fizo), que é a que ten continuación no galego moderno.
Nivel léxico
- Usábanse na lingua medieval vocábulos que posteriormente se perderon na lingua moderna (assaz 'bastante', eire 'onte', cras 'mañá', vegada 'vez') ou que sufriron cambios de significado (aver, que hoxe xa non ten o significado de 'ter').
O texto expositivo-informativo
A finalidade dos textos expositivo-informativos é transmitir información sobre algún aspecto da realidade. Son textos expositivos unha receita de cociña, un manual de instrucións, unha reportaxe xornalística, un prospecto médico, etc.
Estrutura
- Presentación: preséntase o tema que se vai desenvolver.
- Desenvolvemento: ofrece o conxunto de ideas que serven para desenvolver o tema. Non adoita conter xuízos valorativos.
- Conclusión: parágrafo que pecha o texto. Pode ofrecer unha síntese ou resumo do texto ou concluír cunha última idea tratada.
Organización dos contidos
Os contidos dun texto expositivo-informativo deben organizarse dunha maneira clara e ordenada. Para iso, adóitase seguir un criterio lóxico (do xeral ao particular, do todo ás partes, de maior a menor importancia...).
- Se se parte da información xeral para chegar aos casos particulares, estase a aplicar o método deductivo.
- Se se parte dos casos particulares para establecer unha conclusión xeral, aplícase o método indutivo.
Conectores expositivos
- De adición: e, ademais, tamén, outro...
- De contraste: pero, non obstante, porén...
- De orde: primeiro, segundo, finalmente...
- De causa-consecuencia: porque, posto que, polo tanto...
- De exemplificación: por exemplo, a saber, así, en concreto, sen ir máis lonxe...
- De conclusión: en resumo, para concluír...
Os graos do adxectivo e formas superlativas
Os adxectivos presentan distintos graos. Exemplos:
- Positivo: vermello, bo, moi fiel
- Comparativo: mellor, superior
- Superlativo absoluto sintético: supercanso, fidelísimo, celebérrimo, pobrísimo, paupérrimo
- Superlativo absoluto analítico: moi fiel
- Superlativo relativo: supremo, óptimo