Comparativa: Comunidade de Bens, Sociedade Civil e Cooperativa
Comunidade de Bens (C.B.)
Lexislación aplicable
Código de Comercio (en materia mercantil) e Código Civil (en materia de dereitos e obrigas).
Concepto
É un contrato polo que a propiedade dunha cousa ou dun dereito pertence pro indiviso (en conxunto) a varias persoas.
Finalidade
Pode ser a posta en común dun patrimonio para crear unha empresa e repartir as perdas e ganancias.
Denominación
Non está regulada, polo que poderá adoptar calquera nome, acompañado das palabras Comunidade de Bens ou a súa abreviatura C.B..
Número mínimo de membros
Non hai un mínimo legal establecido.
Os comuneiros
As participacións correspondentes aos comuneiros na Comunidade presúmense iguais, mentres non se probe o contrario. Cada comuneiro participará nas perdas e ganancias en proporción ás súas respectivas cotas de participación.
Cada comuneiro poderase servir das cousas comúns, sempre que dispoña delas conforme ao seu destino e de xeito que non prexudique o interese da Comunidade e non impida aos copartícipes utilizalas segundo o seu dereito.
Órganos de administración e xestión
Poderase nomear un ou varios administradores da comunidade. No seu defecto, esta administración será exercida por calquera dos partícipes.
Aportacións
Non se esixe unha achega mínima obrigatoria. As achegas poden ser dinerarias, non dinerarias ou de traballo.
Responsabilidade
Fronte a terceiros, responderá a Comunidade con todos os seus bens. Se estes non son abondo, responderán os membros co seu patrimonio persoal conforme ao pactado (responsabilidade ilimitada dos comuneiros).
Por outra banda, os comuneiros responderán fronte á comunidade dos danos e prexuízos ocasionados con culpa.
Toma dos acordos
Por maioría.
Constitución
Pódese constituír en calquera forma (contrato privado ou escritura pública). Se se lle achegan bens inmobles ou dereitos reais, será necesaria a escritura pública.
Non ten personalidade xurídica propia, o que significa que cada membro da comunidade actúa en nome propio, non se pode actuar en nome da comunidade.
Réxime de afiliación á Seguridade Social
Réxime Especial de Autónomos.
Vantaxes
- Son necesarios poucos trámites para a súa constitución.
- Non existe obriga de inscrición no Rexistro Mercantil.
- Non esixe capital mínimo inicial.
- Pagan fiscalmente de acordo coas súas ganancias; os rendementos da sociedade impútanse aos asociados sobre a base do pactado. Dende o punto de vista fiscal, é aplicable o comentado para o empresario individual.
- Non recae sobre unha soa persoa o risco de crear unha empresa.
Inconvenientes
- Os comuneiros responden ás débedas do seu negocio co patrimonio do negocio e co patrimonio propio.
- Os socios responden mancomunada e solidariamente fronte a terceiros.
- A Comunidade non ten personalidade xurídica propia, é dicir, non é titular de dereitos e obrigas.
Sociedade Civil (S.C.)
Lexislación aplicable
Código Civil.
Concepto
É un contrato polo que dúas ou máis persoas obríganse a pór en común diñeiro, bens ou industria (traballo), co ánimo de repartir entre si as ganancias.
Denominación
Non regulada polo Código Civil, polo que se entende que pode adoptar calquera nome e que con este deberá figurar a indicación de Sociedade Civil, ou a súa abreviatura S.C..
Capital social
Estará formado polas achegas dos socios, que poderán ser en metálico, bens ou industria. Non hai esixencia dun capital mínimo para a súa constitución.
Clases de socios
Distínguense dúas clases:
- Socios capitalistas: Achegan diñeiro ou bens.
- Socios industriais: Só achegan o seu traballo.
Número mínimo de socios
O número mínimo é de dous.
Responsabilidade
Das débedas sociais, primeiro responderá a sociedade, e despois os socios de forma ilimitada con todo o seu patrimonio persoal. Os socios responderán fronte á sociedade dos danos e prexuízos ocasionados con culpa.
Aportacións
Poden ser dinerarias, non dinerarias e de traballo.
Toma de acordos
Por maioría.
Órganos de administración e xestión
No contrato social pode encargarse a administración a un socio ou varios. No caso de que non se teña estipulado o modo de administración, todos os socios teñen poder para obrigar á sociedade.
Constitución
De calquera forma (privada ou escritura pública), salvo que se lle acheguen bens inmobles ou dereitos reais, neste caso será necesaria escritura pública.
Se se achegan bens inmobles, débese facer un inventario dos mesmos asinado polos socios, que se debe adxuntar á escritura; en caso contrario, a sociedade civil é nula.
Personalidade xurídica
Pode ter ou non personalidade xurídica propia. Isto depende de que os pactos entre os socios sexan públicos (personalidade xurídica propia) ou se manteñan en segredo (é dicir, que non se diga que existe unha sociedade civil) e cada un contrate no seu propio nome cos terceiros (non personalidade xurídica propia). Neste último caso, aplicaranse á sociedade civil as disposicións relativas á Comunidade de Bens.
Clases de Sociedade Civil
Sociedade Universal
- De todos os bens presentes: É aquela pola que as partes poñen en común todos os bens que na actualidade lles pertencen e os parten entre si, igual que as ganancias que adquiran con eles.
- De ganancias: Comprende todo o que adquiran os socios pola súa industria ou traballo mentres dure a sociedade. Os bens mobles ou inmobles que cada socio posúa ao celebrarse o contrato continuarán sendo propios de cada un dos socios e só pasará á sociedade o usufructo (o disfrute).
Sociedade Particular
Ten unicamente por obxecto cousas determinadas, o seu uso, ou os seus froitos, ou unha empresa sinalada, ou o exercicio dunha profesión ou arte.
Réxime de afiliación á Seguridade Social
Réxime Especial de Autónomos.
Vantaxes
- Non demasiados trámites para a súa constitución, cunha complexidade e custos mínimos.
- Non hai obriga de inscrición no Rexistro Mercantil.
- Non esixe capital mínimo inicial.
- Pagan fiscalmente de acordo coas súas ganancias; os rendementos da sociedade impútanse aos asociados sobre a base do pactado. Dende o punto de vista fiscal, é aplicable o comentado para o empresario individual.
- Non recae sobre unha soa persoa o risco de crear a empresa.
Inconvenientes
- Os socios responden mancomunada e directamente das débedas do seu negocio co patrimonio do negocio e co patrimonio persoal (responsabilidade ilimitada).
Sociedade Cooperativa
Lexislación aplicable
Lei de Cooperativas de Galicia. Lei Xeral (supletoriamente no non regulado na Lei de Cooperativas de Galicia). Lei sobre Réxime Fiscal das Cooperativas.
Concepto
Constituídas por persoas que se asocian en réxime de libre adhesión e baixa voluntaria, para realizar actividades empresariais encamiñadas a satisfacer as súas necesidades e aspiracións económicas e sociais. Posúen unha estrutura e funcionamento democrático.
Constitúense para realizar actividades económicas e sociais de interese común e de natureza empresarial. É unha agrupación de persoas, non de capitais, e por iso unha parte dos beneficios ou excedentes obtidos destínanse ao ensino e formación dos socios. Asígnanse os resultados económicos aos socios, unha vez atendidos os fondos cooperativos, en función da actividade que realiza a cooperativa.
Clases de cooperativas
De primeiro grao
Formadas por socios que son persoas físicas ou xurídicas. Poden ser: agrarias, de explotación comunitaria da terra, de traballo asociado, de consumidores e usuarios, de vivendas, de crédito, etc.
De segundo grao
Aquelas que integran cooperativas da mesma ou distinta clase e a outras persoas xurídicas públicas ou privadas.
Denominación
Debe ser distinta á doutra sociedade cooperativa existente e co nome deberá figurar a indicación de Sociedade Cooperativa. Opcionalmente, poderán engadir a expresión Galega (S.Coop. galega).
Domicilio social
Fixarase dentro do territorio de Galicia, no municipio onde realice preferentemente as súas actividades cos socios ou centralice a súa xestión administrativa e dirección empresarial.
Capital social mínimo
Non inferior a 3.005,06 €, debendo estar totalmente desembolsado dende a súa constitución. Os estatutos poderán fixar un capital social mínimo superior. A variación da cifra deste capital mínimo require unha modificación estatutaria e o seu acordo deberase publicar no Diario Oficial de Galicia. Este acordo deberase depositar no Rexistro de Cooperativas de Galicia, que tramitará a súa publicación gratuíta no mesmo.
Personalidade xurídica
Propia, dende o momento en que se inscriba a escritura pública de constitución no Rexistro de Cooperativas de Galicia.
Número mínimo de socios
- De primeiro grao: Catro socios (a lei do Estado establece tres socios).
- De segundo grao: Dous socios.
Responsabilidade dos socios
Os socios responderán das débedas sociais só ata o límite das súas achegas (responsabilidade limitada).
O socio que cause baixa na cooperativa responderá persoalmente durante cinco anos dende a perda da súa condición polas débedas sociais derivadas das obrigas contraídas pola cooperativa con anterioridade á súa baixa e ata o importe reembolsado pola Cooperativa das súas achegas.
Clases de socios
- Persoas físicas e xurídicas, públicas ou privadas, sempre que o obxecto social destas non sexa incompatible co da cooperativa nin cos principios cooperativos (1º grao).
- Sociedades cooperativas e outras entidades sociais (segundo ou ulterior grao).
Outras clases de socios
Socios de Traballo
As cooperativas de 1º grao que non sexan de Traballo Asociado ou de Explotación Comunitaria da Terra e as de 2º ou ulterior grao, poderán establecer nos seus Estatutos que os seus traballadores que o soliciten adquiran a condición de socio de traballo (persoas físicas que se comprometen a prestar o seu traballo persoal na cooperativa).
No caso de que haxa perdas, as perdas que teñan que soportar os socios de traballo imputaranse ao Fondo de Reserva Obrigatorio ou aos socios usuarios, na contía necesaria para garantir aos socios de traballo unha retribución igual ou superior ao salario mínimo interprofesional ou ao límite superior que fixen os Estatutos Sociais. Os Estatutos poderán regular a participación dos socios de traballo no Consello Reitor.
Socios excedentes
Aqueles que tendo cesado na súa actividade na cooperativa e cunha antigüidade mínima, son autorizados a permanecer na sociedade, coas condicións que nos Estatutos se establezan, no caso de que se prevexa a súa existencia. Poderán exercer o dereito de voto, sen que en ningún caso o número dos seus votos sexa superior ao 15% dos presentes.
Socios colaboradores
Persoas físicas ou xurídicas que desembolsan a achega fixada pola Asemblea Xeral, que non poderá ser superior ao 45% das achegas da totalidade dos socios. Os estatutos fixarán os criterios de participación destes socios nos dereitos e obrigas socioeconómicas da cooperativa. Non se lles poderá esixir novas achegas ao capital social. Se o establecen os Estatutos, poderán ser membros do Consello Reitor, sempre que non superen a terceira parte destes. Non poderán dispor dun conxunto de votos que, sumados entre si, representen máis do 30% dos socios existentes nos órganos sociais da cooperativa.
Socios traballadores de duración determinada
Os Estatutos poderán prever a existencia de socios traballadores de duración determinada con dereitos e obrigas propios equivalentes aos de duración indefinida, que serán regulados nos Estatutos ou no Regulamento de réxime interno. O número de socios traballadores de duración determinada non poderá superar o 20% dos de carácter indefinido.
Adquisición da condición de socio
Os requisitos estableceranos os estatutos. A solicitude de ingreso formularase por escrito ao Consello Reitor, que resolverá nun mes. A denegación é recorrible.