Causas do Imperialismo e a Revolución Industrial
Causas demográficas
En Europa, entre 1850 e 1900, produciuse un gran aumento demográfico, chegando á duplicación da poboación (explosión branca), polo que en certos países comezaron a escasear os recursos e moitas persoas comezaron a procurar mellores perspectivas de vida emigrando cara a outros continentes. O incremento demográfico tamén afectou ao Xapón e chegou a alterar a composición étnica das súas extensas áreas. Ademais, os avances médicos e hixiénicos tamén axudaron a contribuír na emigración, xa que permitiron combater ou previr enfermidades moi perigosas.
Causas económicas
Os países industrializados de Europa buscaban novos territorios onde investir os excesos de capitais e onde mercar materias primas e produtos coloniais ao mellor prezo posible. Ademais, tamén buscaban o control de espazos onde establecer mercados e a utilización dunha man de obra non cualificada. A Revolución Industrial (R.I.) tamén tivo unha grande influencia:
A Primeira Revolución Industrial (1ª R.I.)
- Cronoloxía: Segunda metade do s. XVIII ata o último terzo do s. XIX.
- Países implicados: Dase en Gran Bretaña debido ao sistema político, un crecemento da poboación, abundancia de recursos, facilidade de transporte e a posesión dun imperio colonial (India).
- Transporte: Ferrocarril e locomotora, primeiros vehículos movidos pola aplicación da máquina de vapor.
- Fontes de enerxía: Carbón e vapor. A máquina de vapor foi inventada por James Watt no 1769 e aplicouse como forza motriz para a industria e para o transporte.
- Industrias: Industria téxtil (iniciouse coa lanzadeira volante e coas máquinas de fiar) e siderurxia (iniciouse coa utilización do carbón coque e do ferro).
A Segunda Revolución Industrial (2ª R.I.)
- Cronoloxía: Último terzo do s. XIX ata mediados do s. XX.
- Países implicados: Europeos (Gran Bretaña, Francia, Alemaña e Bélxica).
- Transporte: Automóbil e aviación.
- Fontes de enerxía: Electricidade (empézase a producir nas centrais hidroeléctricas e máis tarde, co alternador e co transformador, trasládase ás casas para industria, transporte, comunicación, ocio, fogar, etc.) e petróleo (coa invención do motor de explosión posibilítase a súa utilización como combustible para os automóbiles).
- Industrias: Novas industrias como a química e a farmacéutica; e industrias normais como a metalúrxica, a do vidro e derivados do petróleo.
Causas políticas
Os políticos tiñan o desexo de ampliar as zonas de influencia de cada unha das potencias industriais para así poder aumentar o seu poder político e obstaculizar a expansión das potencias competidoras. Os estados adoptaron unha política de prestixio e desenvolveron unha acción diplomática. Ademais, promoveuse unha carreira por controlar os novos territorios. A expansión era considerada unha necesidade. Houbo grandes episodios de tensión e conflitos que constituíron o preludio da Primeira Guerra Mundial (PGM).
Causas científicas e técnicas
Existía un forte e intenso interese por descubrir e analizar novas especies de animais e plantas, coñecer novos territorios e realizar investigacións de todo tipo. Ademais, as teses darwinistas foron moi estudadas no campo social co fin de xustificar o predominio dos máis aptos sobre os menos aptos. A superioridade técnica fíxose moi importante no campo militar (armas, transporte, organización).
Causas ideolóxicas
Tíñase a idea de que a raza branca era superior, intelixente e laboriosa. Esta raza impoñíase sobre o resto de case todos os países europeos. Tamén se impuxo a idea de que para exercer un dominio lexítimo todos os medios eran válidos (incluíndo a provocación dunha guerra). Os europeos debían difundir os seus costumes entre os pobos considerados inferiores.