Castelao e as Vangardas en Galicia: Arte, Literatura e Sociedade

Lengua y literatura12,6 KB

Castelao: prestixio inicial e evolución artística

O prestixio inicial de Castelao comezou coa súa actividade como debuxante e pintor. Influído primeiro polo modernismo, evolucionou cara ao debuxo máis expresionista e de forte carga social. Os seus debuxos representan con moita variedade as características físicas máis acentuadas dos galegos.

Castelao sempre estivo preocupado por plasmar do xeito máis eficaz as cuestións que afectan á ética ou aos problemas políticos e sociais da sociedade do seu tempo, cunha forte carga solidaria.

Primeira etapa: os álbums Nós e Cousas da vida

Dentro da arte gráfica de Castelao salienta unha primeira etapa que vai desde os debuxos do álbum Nós (1916) ata o volume '50 homes por 10 reás' (1931), xunto coas ilustracións e debuxos que dan lugar aos tomos de 'Cousas da vida'.

O protagonismo central destas obras téñeno personaxes populares: nenos, cegos, mulleres, homes do mar, labregos empobrecidos, en contraste cos membros da burguesía. En todos os casos o autor fai salientar as súas características máis notables.

Segunda etapa: a Guerra Civil

Unha segunda etapa pódese fixar a partir da Guerra Civil, cos extraordinarios debuxos inspirados polo terror fascista e os combates. Son os álbums 'Galicia Mártir', 'Atila en Galicia' e 'Milicianos'. Nestes debuxos atende máis aos claroscuros e acompáñaos con textos moi breves; abondan tres palabras para significar e destacar a escena debuxada.

Ideoloxía e narrativa

Castelao non parte dun corpus ideolóxico previo para proxectalo na súa narrativa, como acontece con Risco ou Otero Pedrayo. A exposición das súas ideas realízaa nas súas obras artísticas e nas conferencias que pronuncia por todo o país.

Tamén a diferenza doutros membros da Xeración Nós, non comparte a visión elitista da arte que estes plasmaban nas súas obras. Castelao opta por mostrar a realidade daquel tempo amosando as diferentes facetas das clases populares, que son as protagonistas fundamentais da súa obra.

Todo isto fai que a obra de Castelao poida ser gozada de inmediato, xa que non precisamos o coñecemento de códigos ideolóxicos previos para poder descifrala. É unha prosa substantiva, depurada de adornos, na que destaca pola sinxeleza e que en ocasións posúe un ritmo que a aproxima á poesía.

A través do humor pretende mostrar os defectos da sociedade galega. Elabora así un discurso socrático, dirixido a poñer de manifesto non só as virtudes, senón tamén os defectos dos que adoece a sociedade galega. O receptor da obra de Castelao é un lector activo que debe acceder ao sentido mediante a intelixencia e a reflexión.

Xunto co humor, o lirismo constitúe outra das claves da obra de Castelao. Maniféstase mediante o encadeamento dos feitos encamiñados cara a un clímax cargado de emoción. Este lirismo vén fornecido polo uso de recursos expresivos (anáforas, comparacións, paralelismos) e pola selección do léxico, coa primacía dos criterios rítmicos para lograr así un efecto emotivo.

O narrador da obra do rianxeiro adoita validar os feitos presentándoos ben como vivencias directas, ben como noticias recibidas de protagonistas ou testemuñas. Utiliza recursos realistas, como o do manuscrito atopado que o autor se limita a editar, para dotar a súa obra de verosimilitude.

A técnica narrativa de Castelao manifesta mediante uns trazos narrativos esenciais que denotan o fundamental da historia, deixando o resto da información suxerida dun xeito connotativo. É unha prosa depurada de todo aquilo que non lle é necesario, conseguindo así uns textos caracterizados pola súa brevidade e sintetismo.

Narrativa

A primeira narración de Castelao é "Un ollo de vidro" (1922), obra protagonizada por un defunto que, por posuír un ollo de vidro, é o único morto no cemiterio que pode ver. O relato é unha xustaposición de breves estampas tinguidas de humor negro que nos serven para mirar, desde unha perspectiva crítica, a sociedade galega do seu tempo.

En 1926 aparece o primeiro libro de "Cousas" e o segundo en 1929. As "Cousas" son prosas literarias de reducida dimensión e temática variada, xeralmente localizadas en ambientes mariñeiros e labregos. Cada "cousa" vai acompañada dunha ilustración que sintetiza o momento culminante da historia. As "Cousas" constitúen a creación máis orixinal de Castelao literato, polo carácter de síntese entre o narrativo e o plástico.

En 1934 publica "Retrincos", cinco relatos ordenados cronoloxicamente que se presentan como autobiográficos. Cada conto ten unha unidade autónoma e o único elemento que os relaciona é que o narrador rememora acontecementos pasados da súa vida. Atopamos neles unha reflexión acerca da condición humana, dos efectos do paso do tempo, do valor da vida, etc., desde perspectivas diferentes.

A súa novela "Os dous de sempre" está centrada na vida de dous protagonistas desde a infancia ata a madurez, que teñen personalidades diferentes: Pedriño, o fillo máis vello dunha familia pobre que vive coa súa tía, e Rañolas, eivado das pernas, sen pais e cunha nai borracha. Os dous presentan dúas perspectivas da condición humana. A obra ten unha estrutura marcada polo paralelismo e unha técnica semellante a "Cousas", e presenta unha concepción determinista do ser humano.

Obra ensaística

Aquí destacan os traballos sobre a arte popular: "As cruces de pedra na Bretaña" (1930) e o monumental "As cruces de pedra en Galicia" (1950). O ensaio máis importante é "Sempre en Galicia" (1944), no que sintetiza o pensamento político e as memorias da súa actividade política durante os anos da República.

Vangardas: a renovación artística do século XX

Co comezo do século XX, aparecen en toda Europa grupos de artistas mozos que rexeitan as súas tradicións culturais, por considerábeas caducas e incapaces de expresar as novas realidades culturais e científicas. A situación política (anos que culminan na Primeira Guerra Mundial) e os cambios sociais favorecen a aparición destes movementos que pretenden reflectir as formas de vida moderna.

Todos estes grupos naceron por vontade de explorar novos camiños, ás veces en aberta ruptura con todo o anterior. Difundían as súas ideas a través de manifestos de carácter provocador. Malia as diferenzas existentes entre eles, podemos sinalar algúns trazos comúns: o desexo de modernidade, a visión da arte como experiencia autónoma, a oposición ao romanticismo e ao sentimentalismo, a supresión de barreiras entre os diversos xéneros, etc.

Na procura de novos camiños expresivos, as vangardas crearon moitas técnicas novas: a libre asociación de imaxes, os collages e caligramas, a supresión dos signos de puntuación, unha nova función das imaxes e metáforas literarias.

As vangardas en Galicia

Tamén nos anos 20 e 30 se produce en Galicia unha fonda renovación literaria, sobre todo poética, na que tiveron unha significativa influencia algunhas das vangardas europeas. Non obstante, as limitacións sociais nas que se desenvolvía a cultura galega impediron o desenvolvemento pleno dos movementos vangardistas.

O manifesto poético "¡Máis Alá!" (1922), polo poeta Manuel Antonio e o pintor Álvaro Cebreiro, e a proliferación de revistas literarias son as mostras máis significativas do papel das vangardas en Galicia. As revistas literarias foron un fenómeno destacado destes anos. Salientan Alfar, revista coruñesa divulgadora das correntes estéticas da vangarda internacional, e Ronsel, creada en Lugo en 1924 por Correa Calderón e Álvaro Cebreiro. Outras revistas destacadas foron Papel de Cor, dirixida por A. Cunqueiro; Cristal, que desde Pontevedra promoveu a corrente imaxinista; Resol, folla poética creada por Seoane e outros universitarios santiagueses, e Yunque, fundada en Lugo en 1932.

As liñas da renovación poética

Tres movementos destacan:

Imaxinismo

Tamén chamado hilozoísmo, ten no poeta Luis Amado Carballo a súa figura principal. Este autor, que faleceu cando só tiña 26 anos, deixounos dous libros de poemas, Proel (1927) e Ogalo (1928), ademais da novela Os pobres de Deus e outros relatos. A súa é unha poesía onde atopamos unha imaxe humanizada, con innovadoras imaxes de carácter sensorial, nas que se aprecia a influencia vangardista. A métrica, pola contra, mantén a sinxeleza das composicións poéticas tradicionais.

Neotrobadorismo

Recupera as estruturas formais da lírica medieval e mesmo algúns dos seus temas, pero desde unha sensibilidade contemporánea. Esta corrente é consecuencia do impacto que causou nos poetas novos o coñecemento das cantigas medievais de amigo e de amor, editadas uns anos antes polo profesor portugués José Joaquim Nunes. Os principais poetas desta tendencia foron Fermín Bouza-Brey, co seu libro Nao senlleira, e Álvaro Cunqueiro, con Cantiga nova que se chama Riveira.

Vangardismo

Representado por poetas que asumiron intensamente as propostas dalgúns dos movementos de vangarda. É o caso de Álvaro Cunqueiro, con libros como Mar ao norde, onde fai unha poesía achegada ao cubismo no seu carácter abstracto, e Poemas do si e non, onde a influencia surrealista se manifesta na expresión do subconsciente e no emprego da imaxe onírica. Tamén é destacable Manuel Luís Acuña, sobre todo no seu libro Fírgoas. Pero o poeta máis destacado é Manuel Antonio, cunha obra moi influída polo creacionismo, movemento que concibe o poema como unha realidade autónoma.

Manuel Antonio: vida e obra

Naceu en Rianxo en 1900. Desde moi novo estivo vinculado ao movemento das Irmandades da Fala. Durante os seus anos mozos mantivo contacto cos homes do grupo Nós, así como con compañeiros da súa xeración: Rafael Dieste, Álvaro Cebreiro... En 1919 comeza os estudos de Náutica en Vigo. Unha vez rematados, realiza diversas navegacións. Enfermo de tuberculose, regresa a Rianxo, onde morre en xaneiro de 1930, aos 29 anos.

En vida só publicou un libro, De 4 a 4 (1928), aínda que moitos poemas seus apareceron en periódicos e revistas. Os outros libros que deixou permaneceron inéditos ata o 1972. Son: Con anacos do meu interior, Foulas, Sempre e mais despois e Viladomar.

De ¡Máis Alá! a De catro a catro

Manuel Antonio é, xunto con Álvaro Cebreiro, o responsable do manifesto ¡Máis Alá!, o principal texto teórico que deu a vangarda en Galicia. Para as vangardas, os manifestos funcionaban como punta de lanza das súas propostas estéticas. En ¡Máis Alá! atopamos unha paixón revolucionaria, unha loanza do individualismo e unha crítica do ruralismo e dos conceptos estéticos que consideraban caducos. O manifesto non contén só unha declaración de principios, senón que fai unha forte defensa da lingua e do ideario nacionalista.

De 4 a 4 é o principal libro de Manuel Antonio. Leva como subtítulo "Follas sen data dun diario de bordo", xa que o compuxo durante unha das súas navegacións. Contén 19 poemas, vistos desde a perspectiva do mar na súa maior parte. É o diario poético dunha viaxe física polo mar e, ao tempo, dunha viaxe interior, marcada pola soidade e a ausencia. O autor sérvese aquí dunha linguaxe experimental e renovadora, influída polo creacionismo, movemento poético creado polo chileno Vicente Huidobro.

Rafael Dieste

Naceu en 1899 en Rianxo e faleceu en Santiago en 1981, despois de pasar moitos anos exiliado en México e Bos Aires. Autor de obras narrativas, teatrais e ensaísticas, é o principal prosista da Xeración do 22. En toda a súa obra latexa un espírito renovador, afastado do realismo costumista que daquela predominaba na prosa galega.

O seu libro de relatos Dos arquivos do trasno (1926) é unha boa mostra da modernidade da súa narrativa. Son contos nos que Dieste une sutilmente o mundo da realidade lóxica e o da fantasía, con personaxes que exemplifican moi ben as características do modo de ser da poboación galega.

A obra teatral A fiestra valdeira (1927) é unha peza orixinal e innovadora, que contribuíu a que o noso teatro alcanzase unha riqueza formal e temática descoñecida ata daquela. Trátase dunha comedia simbólica centrada no tema da identidade cultural.

Descargar

PDF Word HTML