Poesía galega: finais do XX e inicios do XXI
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras materias
Escrito el en gallego con un tamaño de 5,77 KB
A poesía de fins do XX e comezos do XXI: temas e autores dos 80 e dos 90. Poetas e tendencias actuais máis relevantes
1. Lírica
A autonomía política e as súas consecuencias cambiaron os vectores culturais de Galicia, saíndo a literatura dos estreitos círculos. Incorpóranse novos autores, os de máis idade formados nos ambientes culturais ideolóxicos do franquismo, publican as súas obras a fins dos 60 e principio dos 70, cunha poesía na liña de herdanza de Celso Emilio Ferreiro, e despois pasaranse á narrativa.
Unha xeración máis nova achega novos acentos á poesía, ao mesmo tempo produce importantes achegas a outros xéneros.
Na poesía dos autores novos predominaba a poesía social, consonte ás pautas poéticas e éticas de Celso Emilio. Condicionada ideoloxicamente e esteticamente, era unha vía a punto de esgotarse.
En 1976 iníciase a renovación:
- Publícase Con pólvora e magnolias de Méndez Ferrín, marca a dirección para unha poesía máis rica e aberta a novas influencias.
- Mesteres de López Casanova, sinal da aparición de novos camiños para a lírica.
Na obra de poetas novos como Alfonso Pexegueiro, dos participantes no volume colectivo Cravo fondo ou do grupo Rompente xéranse as novas direccións poéticas nas que Manuel Antonio e as vangardas, o Cunqueiro de Herba de aquí ou acolá ou a poesía doutras latitudes pasan a ser os novos puntos de referencia.
Podemos establecer as seguintes tendencias:
Os novísimos dos 70
Cos primeiros sinais de renovación: boa parte da poesía practicada polos autores máis novos e comezos dos 70 é a antoloxía Os novísimos da poesía galega de Mª Victoria Moreno. Os autores cultivaban a poesía social. Algúns, como Luís Álvarez Pousa, non volven a publicar poesía. Outros pasarían a cultivar narrativa, Alfredo Conde, Margarita Ledo ou Lois Diéguez. Os demais participarían no movemento de renovación da poesía iniciado a partir da segunda metade da década.
Entre estes autores, podemos citar:
- Xesús Rábade Paredes: Xuntos cara ao mañán, O sangue na paisaxe, No aló de nós.
- Xosé Vázquez Pintor: Gándaras, Terra e pan, na liña da poesía social publica Oficios de diario, Na vertical da noite.
- Farruco Sesto Novás: Da estrela e da fouce, Por unha muller, Porta aberta, Isolda.
- Fiz Vergara Vilariño: Pra vós, Encontro con tiburóns, evolucionará a unha poesía amorosa intimista, Poeta muiñeiro a deriva, Animal sen fel.
- Darío Xohan Cabana: Verbas a un irmao, Romanceiro da Terra Chá, Amor e tempo liso.
A poesía dos 80
Con autores que inician a súa obra arredor destes anos, con trazos comúns: culturalismo, o escepticismo, a preocupación formal e a preferencia polos espazos urbanos, con abandono da temática ruralista ou a recreación mítica e a recuperación da temática intimista e do erotismo.
Entre estes autores, podemos citar:
- Manuel Vilanova: E direivos eu do míster das cobras, As árbores da prata.
- Xavier Rodríguez Baixeiras: Fentos do mar, Lembranza do areal, Anos de viaxe.
- Xavier Seoane: A caluga do paxaro, Os bosques encendidos, Irispaxaros.
- Ramiro Fonte: As cidades da nada, Designium, Pensar na tempestade.
Os epígonos da xeración dos 80
Inclúense autores que por estética, pola rede de relacións humanas e literarias que manteñen, presentan coincidencia, afinidade ou relación cos poetas dos 90. Aquí podemos incluír:
- Anxo Angueira: Val de Ramirás, O valor de Manselle.
- Pilar Beiro: Hinterland.
- Lino Braxe: Banquete, Entre ruínas.
A xeración dos 90
Unha serie de autores pertencentes a xeracións distintas e con diferentes estéticas que podemos agrupar en razón da data en que se publican as súas primeiras obras: mediados e fins dos 80 e inicios dos 90, por iso son coñecidos como xeración dos 90. A composición textual e o contido temático dos libros destes autores non permiten falar dunha viraxe radical respecto da poesía da década anterior, sempre partindo da pluralidade como tónica dominante: un anovado tratamento dos temas eternos, uso esmerado da linguaxe, predominio do ton vivencial, afán de desbarroquización formal e conceptual. Neste panorama xeral plural destacan 4 liñas con forza singular:
- Relectura da tradición mítica e literaria en clave feminista.
- Recurso á cotidianeidade e á experiencia persoal como inspiración.
- A recuperación dunha liña de poesía comprometida.
- Afán experimental.
Autores:
- Fran Alonso: A rota dos baleiros, Tortillas para os obreiros.
- Yolanda Castaño: Elevar as pálpebras, Delicias.
- Olga Novo: Nós nus, A cousa vermella.
As voces máis novas do século XXI
A comezos do século XXI aparecen as voces máis novas da literatura galega. Podemos sinalar como notas definitorias as seguintes: o peso e a relevancia da escrita feminina e feminista, a recuperación da poesía social e comprometida, a frecuencia e enfoques e propostas de experimentación e ruptura formal e técnica, novas canles de edición e difusión alternativas. Atopamos a:
- María do Cebreiro.
- Olalla Cociña.
- Carlos Penela.
- Mario Regueira.
- Daniel Salgado.