A Xeración dos 50: Transformación e Evolución da Poesía Galega
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 2,94 KB
A renovación da poesía galega: A Xeración dos 50
A Xeración dos 50 impulsa unha renovación da poesía galega, valéndose dun duplo diálogo: con correntes vangardistas e rupturistas, tanto europeas como norteamericanas, e coa tradición galega anterior.
A Escola da Tebra e o existencialismo
Inicialmente, temas e formas renóvanse ao influxo do Existencialismo europeo (Sartre, Camus...), dando orixe á chamada Escola da Tebra, representada por:
- Fabulario novo (1952), de Cuña Novás.
- Muiñeiro de brétemas (1950), Morrendo a cada intre (1952) e Advento (1954), de Manuel María.
Predomina unha visión pesimista e angustiada da vida, que contrasta cos motivos da poesía imaxinista e neotrobadoresca dominantes ata entón. A dor existencial, o desarraigo, o versolibrismo, a influencia surrealista e o emprego de imaxes oníricas son algúns trazos identificativos dos poemarios desta escola.
Diversidade poética e socialrealismo
Posteriormente, o seu compromiso esquerdista e nacionalista trasládase á literatura, dando orixe a liñas poéticas diversas que convivirán co socialrealismo, consagrado definitivamente por Celso Emilio Ferreiro en Longa noite de pedra (1962). Destacan:
- O canto telúrico de Novoneyra en Os Eidos (1955).
- O realismo coloquial de Manuel María en Documentos persoaes (1958).
- A afirmación rebelde e rupturista de Bernardino Graña en Poema do home que quixo vivir (1959).
- A poesía beat, revolucionaria e antiimperialista de Ferrín en Antoxía popular de Heriberto Bens (1972).
Figura destacada: Manuel Álvarez Torneiro
Xornalista de profesión, é unha das voces de evolución máis rica e sólida da súa xeración. Aínda que comezou a publicar desde moi novo en revistas, o seu primeiro poemario galego apareceu cando contaba xa cincuenta anos.
Trátase de Memoria dun silencio (1982), libro de referencias existenciais (amor, tempo, morte, amizade...) e socialrealistas (evocación crítica do franquismo), elaborado cunha impecable técnica e un ton melancólico e confidencial.
Os seus seguintes libros manifestan un pendor máis culturalista:
- 1995: Edita Rigorosamente humano (Premio Esquío).
- 1998: Gaña o premio González Gracés con Luz de facer memoria.
- 2013: Recibe o Premio Nacional de Poesía polo libro Os ángulos da brasa.
Nos seus últimos poemarios dominan tematicamente a reflexión sobre o paso do tempo e as lembranzas de corte intimista.