Xeopolítica Mundial: India, Rusia, Israel e os Conflitos Internacionais no Século XXI
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 7,82 KB
A India no Escenario Global
Contexto Rexional e Mundial
A India é o segundo país máis poboado do planeta; posúe a terceira forza militar máis poderosa do mundo e estreitou relacións coas grandes potencias mundiais como Estados Unidos e China. No contexto rexional, China e India compiten pola hexemonía da zona mediante o seu liderado nas asociacións para a cooperación rexional asiática, como a ASEAN+3.
Economía e Sociedade
A economía tivo un crecemento espectacular. Baseouse inicialmente na apertura ao mercado mundial, o que permitiu atraer investimentos estranxeiros destinados á exportación de produtos tradicionais baratos polo baixo prezo da man de obra e pola pouca presión fiscal. Logo, os capitais obtidos investíronse en desenvolver a industria de alta tecnoloxía e expandir as súas empresas polos países occidentais e por outros espazos mundiais, como África e América Latina.
A sociedade reduciu a pobreza e incrementou a clase media. Non obstante, persisten a explotación laboral e a desigual distribución da riqueza, de modo que, xunto a unha minoría enriquecida cos negocios, un terzo da poboación segue vivindo por debaixo do limiar da pobreza, sobre todo nas zonas rurais do interior.
Rusia: Potencia Enerxética e Xeopolítica
Contexto Mundial e Rexional
No contexto mundial, Rusia quedou moi debilitada entre 1991 e 1999 polas convulsións políticas e a crise económica. Desde entón, aumentou a súa importancia xeopolítica como subministradora enerxética da UE e de países emerxentes como China e India. Grazas a iso, Rusia incrementou a súa capacidade de presión e de negociación internacional. Así, retivo o seu posto no Consello de Seguridade da ONU; foi admitida no G-7 (grupo de potencias máis industrializadas) ata o conflito de Crimea e conserva un gran potencial militar, que inclúe armamento nuclear.
No contexto rexional, aspira a ser a potencia dominante en Asia Central, liderando a CEI (Comunidade de Estados Independentes), controlando a produción e o transporte de hidrocarburos da zona e evitando a inxerencia dos países occidentais, manifestando a súa oposición a que entren en organizacións como a Unión Europea ou a OTAN.
Economía e Sociedade Rusa
A economía de Rusia pasou unha forte crise durante a transición ao capitalismo: diminución da produción, inflación e paro. Pero, desde principios do século XXI, a situación mellorou grazas ás exportacións de hidrocarburos e ao control das redes por onde se transportan cara á UE e Asia. As súas relacións económicas máis intensas foron coa UE ata a guerra de Ucraína, aínda que tamén se incrementaron a nivel de Asia e África.
Na sociedade, a transición ao capitalismo provocou un descenso do benestar ao reducirse as prestacións sociais públicas e un aumento das desigualdades, a pesar do crecemento da clase media.
Israel: Tecnoloxía e Conflito no Oriente Medio
Contexto Mundial e Rexional
No contexto mundial, Israel encóntrase entre as dez primeiras potencias mundiais, a pesar da súa reducida poboación e extensión territorial. Posúe un dos exércitos máis modernos do mundo, que inclúe arsenal nuclear, e encóntrase entre os primeiros países do mundo en gasto militar e tecnoloxía de vangarda.
No contexto rexional, o principal problema son as relacións cos países árabes veciños, marcadas polo conflito con Palestina.
Economía e Estrutura Social
A economía de Israel baséase nunha agricultura moi tecnificada e nunha industria que, desde a década de 1980, apostou pola investigación, a innovación e os sectores de alta tecnoloxía, como armamento, aeronáutica, electrónica, telecomunicacións e farmacia. Destacan tamén os seus servizos financeiros modernos, tanto públicos como privados.
A sociedade é moi heteroxénea: inclúe unha maioría de xudeus vidos de todas as partes do mundo, xunto a musulmáns, cristiáns e outras minorías. Os problemas sociais son as desigualdades entre ricos e pobres e a existencia de numerosos xudeus ultraortodoxos, de práctica relixiosa estrita, que rexeitan certos aspectos do mundo moderno e viven en barrios á parte.
Os Conflitos Recentes en Europa
A Área dos Balcáns
A área dos Balcáns, tras a desaparición do réxime comunista, sufriu enfrontamentos étnicos e relixiosos entre Serbia, Croacia e Bosnia e Hercegovina. A Paz de Dayton (1995) dividiu Iugoslavia en cinco países independentes e a Bosnia e Hercegovina en dúas federacións. Aínda así, mantéñense focos de tensión, pois Serbia sufriu a independencia de Montenegro (2006) e da provincia de Kosovo, de maioría albanesa (2008), que Serbia non recoñece.
Outros Conflitos Europeos
- Chipre: A súa parte norte foi invadida por Turquía en 1974, mentres que a parte sur é un país independente pertencente á UE.
- Bélxica: O enfrontamento entre valóns e flamencos ameaza con dividir o país.
A Busca da Paz: Israel e Palestina
Acordos cos Países Árabes
Existen diversos acordos para o recoñecemento do Estado de Israel:
- Exipto: A cambio de recuperar a península do Sinaí.
- Xordania: Tras o recoñecemento por Israel das súas fronteiras.
- Acordos de Abraham (2020): Coa mediación de EE. UU., Israel foi recoñecido por Emiratos Árabes Unidos, Bahrein, Sudán e Marrocos.
Acordos de Oslo e Desafíos Pendentes
Os Acordos de Oslo (1993) culminaron co compromiso de Israel de retirarse e permitir o autogoberno dos territorios palestinos de Gaza e parte de Cisxordania baixo unha Autoridade Nacional Palestina. Pola súa banda, os palestinos comprometéronse a cesar os ataques e recoñecer o Estado de Israel. Porén, quedan pendentes cuestións críticas:
- Fronteiras e terreo: Israel retirouse de Gaza (2006), pero persisten os enfrontamentos e mantén o control militar de parte de Cisxordania con asentamentos ilegais.
- A capitalidade de Xerusalén: Cidade sagrada para musulmáns e xudeus. Israel négase a abandonar o sector oriental e EE. UU. recoñeceu en 2017 a Xerusalén como capital oficial, rompendo o establecido en Oslo.
- O retorno dos refuxiados: Rexeitado por Israel para preservar a súa identidade como estado xudeu.
Conflitos na África Subsahariana
Os conflitos africanos desde 1991 responden a motivos diversos:
- Étnicos: Rivalidades en Ruanda e Burundi (tutsis e hutus) e en Sudán (Darfur).
- Relixiosos: Enfrontamentos en Sudán, Níxer e contra o fundamentalismo islámico en Nixeria e Mozambique.
- Territoriais: Disputas fronteirizas entre Eritrea e Sudán.
- Económicos: Control de recursos como o petróleo ou minas (guerra do coltán na R.D. do Congo).
- Políticos: Inestabilidade en Somalia, accións de grupos separatistas en Camerún ou rebeldes na República Centroafricana.
Moitos destes conflitos adquiren unha violencia extrema, ocasionando masacres e a fuxida de miles de persoas a campos de refuxiados.