Xeoloxía e Relevo Terrestre: Enerxía Solar, Atmosfera, Rochas e Modelado do Territorio
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Geología
Escrito el en
español con un tamaño de 16,52 KB
1. A enerxía solar
O Sol é a estrela do noso sistema solar, está formado por diversos gases, os máis abundantes son o hidróxeno e o helio. As reaccións de fusión nuclear que ocorren no interior do Sol producen moita enerxía e que no interior do Sol alcanzan os 15.000.000 ºC. A medida que nos desplazamos desde o Ecuador cara aos polos, a cantidade de enerxía solar recibida vai diminuíndo. Por iso, as zonas ecuatoriais son máis cálidas cás polares. O plano da traxectoria que segue a Terra no seu movemento de translación ao redor do Sol denomínase eclíptica. O hemisferio norte está inclinado cara ao Sol no verán, por iso os días son máis longos e contan con máis horas de luz có hemisferio sur. No hemisferio norte os raios inciden de forma máis próxima á vertical durante o verán e máis inclinados no inverno, por iso a temperatura é máis elevada no verán có no inverno.
2. Dinámica atmosférica
O aire que sobe é substituído por masas de aire frío, máis densas. Deste xeito xérase un movemento constante das masas de aire da atmosfera que dá lugar aos ventos. O movemento do aire débese principalmente a unha diferenza de densidade relacionada cunha diferenza de temperatura e unha diferenza de presión. A unión dos movementos verticais e horizontais constitúe a circulación xeral do aire, que se move desde as zonas polares cara ao Ecuador nunha serie de correntes de convección. Todos estes aspectos determinan a existencia de diferentes zonas climáticas na Terra: unha zona cálida ecuatorial, entre os trópicos, dúas zonas temperadas, entre os trópicos e os círculos polares, e dúas zonas frías, no interior dos círculos polares.
3. Alteración das rochas polo aire e a auga
A meteorización é o proceso inicial polo que se alteran as rochas da superficie terrestre. Pode ser de tres tipos: meteorización física (fragmentación ou disgregación das rochas por procesos físicos), meteorización química (trátase dunha serie de cambios na composición química das rochas por mor das reaccións químicas que se dan entre os materiais que as forman e os compoñentes atmosféricos ou a auga que penetra por poros e gretas), meteorización biolóxica (é a causada polos seres vivos; a acción pode ser mecánica, se hai fracturación da rocha, ou química, se se alteran os minerais). Erosión é o proceso de remoción e posta en movemento das partículas orixinadas pola meteorización; transporte: a auga, o xeo e o vento, ao moverse, trasladan os materiais meteorizados e erosionados cara ás zonas máis baixas e estables da superficie terrestre; sedimentación é o lugar onde se depositan os materiais que, ao deixar de ser transportados, caen; chámanse concas de sedimentación.
4. As rochas sedimentarias
Fórmanse nas concas de sedimentación ao acumularse nelas unha gran cantidade de sedimentos, os cales son levados polos axentes de transporte. A litificación ou diaxénese é o conxunto de procesos físicos, químicos ou biolóxicos que transforman os sedimentos en rochas sedimentarias; os seus principais procesos son: compactación (empuxe ou presión dos sedimentos superiores sobre os inferiores) e cementación (consiste na precipitación de substancias minerais que ocupan os ocos e poros existentes entre partículas). Segundo a súa orixe, as rochas sedimentarias poden ser de tres tipos:
- Detríticas: teñen a súa orixe na acumulación de fragmentos de rochas e minerais preexistentes, como conglomerados, areniscas e arxilas.
- Químicas: na súa formación interveñen procesos químicos, como as evaporitas ou salinas, que se orixinan por evaporación da auga; as carbonatadas, cuio compoñente maioritario é o carbonato cálcico, poden ser químicas ou biolóxicas.
- Organóxenas: formadas por restos de seres vivos moi transformados, como o carbón ou o petróleo.
4.1. As rochas organóxenas como fontes de enerxía
Usadas como recursos enerxéticos son:
- O carbón, orixinado pola acumulación e o enterramento de grandes cantidades de restos vexetais baixo grandes grosores de sedimentos e en ausencia de osíxeno; úsase para obter enerxía eléctrica.
- O petróleo, formado pola transformación de restos de orixe animal en hidrocarburos; úsase nos medios de locomoción.
- O gas natural, mestura de gases asociada a depósitos de petróleo ou carbón; úsase xeralmente en contextos domésticos.
5. O relevo terrestre
A superficie terrestre irregular e accidentada constitúe o relevo. O relevo terrestre é o resultado da interacción dos procesos xeolóxicos internos e externos. O proceso de cambio continuo das diferentes formas que se presentan na superficie terrestre coñécese como modelado do relevo.
5.1. Factores condicionantes do relevo
- O clima: determina o tipo de axente xeolóxico que vai actuar nunha zona determinada da superficie terrestre; nunha zona determina a erosión e as formas do terreo.
- A estrutura ou disposición dos materiais: as rochas sedimentarias tenden a dispoñerse en capas de forma horizontal.
- O tipo de rocha: cada tipo ten unhas características específicas; por iso, unhas rochas erosiónanse máis facilmente que outras.
6. O modelado do relevo
6.1. Acción xeolóxica do vento
O vento é un activo axente modelador do relevo, sobre todo cando alcanza certa velocidade. A acción xeolóxica do vento manifestase mediante:
- Erosión: acción erosiva do vento que se manifesta mediante a deflación (o aire levanta partículas do chan e trasládaas a outro lugar) e a abrasión eólica (as partículas da deflación impactan contra outras rochas, desgastándoas).
- Transporte: o vento traslada materiais de pequeno tamaño; os máis finos viaxan en suspensión, que dan lugar aos campos de loess, e os de maior tamaño en saltación ou arrastre.
- Sedimentación: cando diminúe a velocidade, o vento perde capacidade de transporte e sedimenta os materiais. As formas eólicas predominantes son o pavimento desértico, caracterizado por unha superficie de acumulación de rocha de forma caótica, característico do reg ou deserto rochoso, e as dunas, acumulacións de area que o vento traslada dun lugar a outro; as máis comúns son as semilunares, denominadas barcanas.
6.2. Acción xeolóxica do xeo
Cando se acumulan grandes cantidades de neve, compáctase e convértese en xeo, formando os glaciares, que son grandes masas de xeo que se desprazan lentamente pola superficie terrestre. Poden ser:
- Glaciares de casquete ou polares: grandes masas de xeo de disposición plana ou lixeiramente convexa.
- Glaciares de montaña: acumulacións de xeo nas zonas montañosas nas que o xeo flúe val abaixo en forma de linguas.
O xeo como axente xeolóxico produce:
- Erosión: o xeo, ao fluír sobre o terreo, erosiona e arrinca rochas.
- Transporte: algúns dos fragmentos que o xeo arrinca son transportados na masa de xeo; esta acción ocasiona estrías e superficies pulidas. As rochas aborregadas son superficies con resaltes suaves, produto do diferente efecto do xeo. Un aspecto característico da morfoloxía glaciar é o perfil transversal en U dos vales glaciares, que se debe ao efecto da masa de xeo.
- Sedimentación: as formas máis representativas da sedimentación glaciar son as morenas, que poden ser laterais, de fondo e frontais.
6.3. Acción xeolóxica das augas superficiais
As augas superficiais son o conxunto de augas que discorren pola superficie terrestre:
- As augas salvaxes son augas continentais superficiais que discorren sen canle fixa e aparecen cando as precipitacións son abundantes. A acción erosiva das augas salvaxes arrinca partículas e fragmentos do terreo.
- Os torrentes son cursos de auga de caudais intermitentes que ven aumentado o seu caudal en épocas de precipitacións intensas. Desenvolven unha intensa acción erosiva ao arrincar fragmentos de rocha do leito.
- Os ríos son cursos de auga permanentes con canle fixa, aínda que o seu caudal cambia segundo a época. Poden provocar erosión, arrincando as rochas do fondo; transporte, levando a súa auga río abaixo; e sedimentación, cando o río perde velocidade e os materiais transportados se depositan.
6.4. O modelado das augas superficiais
Formas características das augas salvaxes: nelas fórmanse profundos sucos que poden chegar a transformarse en barrancos. De continuar a erosión, cando as augas arrastran grandes cantidades de material fórmanse os terreos acárvados ou bad-lands. As chemineas de fadas prodúcense cando as augas salvaxes actúan sobre rochas brandas protexidas.
Formas características dos torrentes: os sedimentos transportados por un torrente deposítanse en zonas nas que diminúe a pendente. Dispóñense en forma de abano, polo que este depósito se denomina abano aluvial.
Formas características dos ríos: orixinan diferentes formas segundo o tramo:
- Curso alto: nas zonas montañosas, as augas discorren a gran velocidade e turbulencia, con perfil transversal en forma de V. No fondo poden formarse cavidades chamadas marmitas de xigante. As fervenzas aparecen cando na canle fluvial se dan cambios bruscos do relevo.
- Curso medio: o perfil transversal adopta forma de artesa e xorde a chaira de inundación.
- Curso baixo: poden xurdir superficies graduadas a ambos os dous lados da canle, as terrazas fluviais, cando o río erosiona a súa propia chaira de inundación. Os deltas fórmanse por depósitos orixinados na desembocadura dun río ao acumularse materiais.
6.5. Acción xeolóxica das augas subterráneas
Parte das augas que precipitan sobre os continentes infiltrase no chan e circula a distintas profundidades, formando as augas subterráneas. Estas augas poden saír de novo á superficie a través de xurdidoiros.
As augas subterráneas disolven as rochas calcarias e evaporíticas, dando lugar ao relevo kárstico. As augas infiltranse entre as gretas da rocha, que se van ensanchando progresivamente por disolución, formando simas, covas e galerías. Nas covas xéranse depósitos de carbonato cálcico que forman estalactitas no teito e estalagmitas no chan, e columnas se se unen. Cando os relevos superficiais presentan acanaladuras, forman os lenares ou lapiaces nun macizo calcario.
As augas subterráneas poden almacenarse no subsolo dando lugar aos acuíferos. Para que a auga circule polo subsolo, os poros deben estar comunicados entre si; esta propiedade denomínase permeabilidade. No acuífero distínguense dúas zonas:
- Zona de aireación: zona atravesada pola auga de infiltración, que adoita desprazarse en sentido vertical.
- Zona de saturación: zona completamente chea de auga; o límite superior denomínase nivel freático.
Se o terreo corta o nivel freático, orixínase unha fonte ou unha zona húmida.
Explotación das augas subterráneas: a auga subterránea é un recurso aproveitable mediante os pozos. En ocasións, a auga subterránea flúe á superficie de forma natural, formando un manancial. A sobreexplotación fai que o nivel freático descenda, podendo desaparecer fontes e zonas húmidas.
6.6. Acción xeolóxica do mar
O mar e as súas diferentes manifestacións dinámicas actúan sobre amplas zonas:
- As ondas son movementos ondulatorios da auga debidos á acción do vento sobre a superficie do mar.
- As mareas son movementos de oscilación vertical do nivel do mar debidos á atracción que exercen o Sol e a Lúa sobre a Terra.
- As correntes consisten en desprazamentos de grandes volumes de auga dentro do propio océano.
O mar como axente xeolóxico:
- Acción erosiva do mar: débese principalmente ás ondas. Cando o litoral é abrupto e presenta un desnivel rochoso inclinado ou vertical, denomínase cantil. Na base deste esténdese unha ampla zona chaira: a plataforma de abrasión.
- Transporte dos materiais no mar: encárganse fundamentalmente as correntes mariñas.
- Sedimentación pola acción do mar: a sedimentación da zona litoral dá lugar ás praias. Pero a maior parte dos sedimentos deposítase na zona mergullada, tanto na plataforma continental como na chaira abisal.
6.7. O modelado litoral
Caracterízase por:
- Formas erosivas:
- Cantís: saltos rochosos no litoral cuxo límite co océano é máis ou menos vertical en función das rochas.
- Promontorios ou cabos: entrantes de terra no mar, existentes debido á presenza de rochas moi resistentes á erosión.
- Illotes costeiros: xorden cando un promontorio, co tempo, queda illado de terra firme.
- Formas de sedimentación:
- Praias: sedimentos de tamaño areoso que ocupan amplas franxas costeiras.
- Tómbolos: orixínanse cando un illote costeiro queda unido ao continente por un cordón areoso.
- Barras litorais: depósitos de area dispostos paralelamente á liña de costa e formados polas correntes de deriva.
- Albuferas: lagoas costeiras pouco profundas comunicadas co mar a través dunha barra litoral.
- Deltas: fórmanse cando os sedimentos achegados ao mar polos ríos se acumulan na desembocadura, dependendo da dinámica mariña da zona.