As voces do exilio e do interior: Unha viaxe pola poesía galega de posguerra

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 6,63 KB

As voces do exilio

Luis Seoane

Estivo exiliado en Bos Aires e axiña se converteu nun dos máis importantes artistas plásticos de Galicia. Desenvolveu unha importante labor editorial e xornalística e correu coa dirección das revistas "Galicia" e "Galicia Emigrante". Na década dos 50 publicou a maior parte da súa obra literaria. Ao seu regreso a Galicia, funda con Isaac Díaz Pardo o Laboratorio de Formas de Galicia e Cerámicas do Castro. A súa obra poética iníciase con "Fardel de eisiliado", que significa o arrinque da poesía sociorealista que busca reconstruír a memoria da emigración desde parámetros críticos. En "Bretema, Sant-Iago" está constituído por pequenos poemas creados como un gran mosaico; aquí trata os temas da reapropiación da memoria histórica e o compromiso con Galicia. As "Cicatrices" están feitas en forma de crónica e, por último, destaca "A maior abondamento". Morre na Coruña.

Lorenzo Varela

Membro do Partido Comunista e exiliado a Bos Aires, colaborou con Luis Seoane e Arturo Casas en diversas tarefas culturais. Inicia a súa obra con "Catro poemas para catro gravados" para o álbum de xilografías de "María Pita e tres retratos medievais", no que destaca as figuras históricas de María Balteira, María Pita, o xefe irmandiño Roi Xordo e o bispo Adulfo. Coa publicación de "Lonxe", non falta a forza épica nos poemas dedicados á exaltación de heroes da guerrilla antifranquista, nin a preocupación formal.

Eduardo Blanco Amor

Na súa etapa de preguerra publica "Romances galegos" e "Poema en catro tempos", influenciadas polos modelos vangardistas. Na posguerra edita en Bos Aires "Cancioneiro", conxunto de poemas escritos ao longo de 20 anos que tratan da ruptura e o rigor formalista. Predomina a riqueza léxica, a elegancia rítmica e a vehemencia apaixonada.

Outros poetas do exilio

Emilio Pita publica "Jacobusland", poemario de temática civil en referencia aos galeguistas mortos; Florencio Delgado publica "Galicia infinda".

As voces do interior

Fermín Bouza Brey

Será un dos máis conservadores; segue as fórmulas tradicionais. En "Seitura" segue unha liña paisaxística.

Xosé María Álvarez Blázquez

Eleva o neotrobadorismo e ten unha fórmula de imitación do modo de trobar medieval, no seu "Cancioneiro de Monfero".

Luís Pimentel

Será un autor supervivente da xeración do 22. Publicou "Triscos", que son 8 poemas editados na colección Benito Soto de Pontevedra. De morto publícase "Sombra do aire na herba", de carácter bilingüe. O seu mundo poético utiliza distintos espazos e escenarios onde afirma os seus sentimentos dun xeito impresionista e simbolista.

Xosé María Castro

Vai acadar unha maior gravidade e dominio técnico para o intimismo. O seu único libro, "Nimbos", é froito dunha procura trascendental e parte dun ton neovirxilianista.

Aquilino Iglesia Alvariño

É un autor paradigmático, aberto ás diferentes liñas temático-estilísticas. Nas obras de preguerra "Señardá" e "Corazón ao vento", Aquilino dá mostras do influxo do saudosismo portugués e da poesía de Noriega Varela. "Cómaros verdes" significa un fito histórico por se considerar a primeira obra importante que marca o inicio literario de posguerra. "De día a día" preséntase como un diario poético marcado pola soidade e aflicción que deixa o paso do tempo. "Lanza de soledá" está composta case exclusivamente por sonetos. "Nencias" retoma e amplifica a sección de "Cómaros verdes".

Ricardo Carvalho Calero

Caracterízase por unha especial tensión entre mesura clásica e renovación da linguaxe poética, fundamentalmente en obras de posguerra como "Anxo de terra" e "Pretérito Imperfeito". En xeral, revela un mundo poético de concentrado dominio lingüístico e conceptualismo existencial que chega a adoptar unha expresión hermética e dura.

Álvaro Cunqueiro

Vai máis alá que os outros xa que elabora o novo vieiro culturalista. A súa traxectoria está marcada polo bilingüismo entre galego e castelán. Antes da Guerra Civil publicou tres libros: "Mar ao Norde", "Poemas do si e do non" e "Cantiga nova que se chama Riveira", poemas de corte vangardista e achegas neopopulistas. Despois publica "Dona do corpo delgado" e "Herba aquí e acolá". Neste último aproveitará diversas materias que ía xuntando para as súas narracións; tamén marca o distanciamento da estética sociorealista cara o que se vira coñecendo nas últimas décadas como culturalismo.

Celso Emilio Ferreiro: vida e obra

Nace en Celanova. Principia o seu labor literario e o seu compromiso político antes da Guerra Civil. Xunto con Xosé Velo funda as Mocidades Galeguistas de Celanova e alí imprimiu cartafoles de poesía. Fundou a colección Benito Soto de poesía e tamén foi un dos fundadores da UPG. Emigrou a Venezuela e a experiencia neste país como encargado das actividades culturais da Hermandad Gallega produciulle unha forte decepción. Os testemuños dos enfrontamentos con algúns dos seus dirixentes quedan reflexados en obras como "Viaxe ao país dos ananos" e "Cantigas de escarnio e maldicir". Regresará a Madrid; alí dirixe as actividades do Ateneo e exerce como xornalista. Morre en Vigo. Os libros iniciais de Celso, como "Cartafol de poesía", non foron incluídos na súa obra poética. "O soño sulagado" é o primeiro libro no que dá mostras dun indubidable dominio formal e avanza no que serán as súas principais voces: unha intimista e confidencial e outra solidaria e crítica.

Poesía social de Celso Emilio Ferreiro

"Longa noite de pedra" marca o inicio desta poesía. A obra recibe o título dun dos poemas nos que o poeta recolle a experiencia como presidiario nunha cela do convento de Celanova tras a denuncia dunha veciña. Foi interpretado como unha parábola da situación política franquista e acadou un enorme éxito. No libro están expostas as liñas de confesionalidade e crítica. Outro libro será "Viaxe ao país dos ananos", obra que lle custaría incomprensións e inimizades polas duras invectivas que o poeta dirixe contra os responsables da colectividade galega de Caracas. En "Cantigas de escarnio e maldicir" incide na mesma temática da emigración a modo de sátira dos cancioneiros medievais. "Terra de ningures" toca o tema da emigración desde a nostalxia sentida pola paisaxe perdida. "Antipoemas" e "Cimenteiro privado" retoma a liña de escarnio ou sátira.

Recreación lírico-amorosa de Celso

"Onde o mundo se chama Celanova" evoca todas as perdas sufridas polo paso do tempo e o sentimento amoroso dirixido a Moraima.

Entradas relacionadas: