Vicente Risco: Biografía e Obra Literaria
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras materias
Escrito el en gallego con un tamaño de 5,13 KB
O Grupo Nós
O nome do grupo deriva da revista Nós, publicada a partir de 1920. Os seus fundadores foron: Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas, Antón Losada Diéguez e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, ourensáns de familias acomodadas da fidalguía ou pequena burguesía, agás Castelao, rianxeiro de orixe humilde. Rexeitaban o medio social no que vivían porque o consideraban vulgar, o que os levou a unha postura elitista e de aristocratismo intelectual. A súa formación cultural apareceu desvinculada inicialmente da tradición galega que, finalmente, sería a que lles brindase a posibilidade de realización intelectual.
A comezos de 1918, o grupo inicial incorporouse ás Irmandades da Fala e foi aí onde comezaron a descubrir Galicia como fonte de inspiración. A súa ideoloxía defendía o tradicionalismo fidalgo. Foron os creadores da moderna prosa galega, tanto no terreo da narrativa como no do ensaio. O labor cultural do grupo é a mostra máis clara de como se pode chegar a ser universal a través do particular ("para estarmos no mundo non temos por que renunciar a sermos galegos").
O obxectivo da revista Nós era europeizar e universalizar a cultura galega, tomando sempre como referencia as propias raíces. Na temática literaria foi desaparecendo a idea do enxebrismo folclorizante e do tipismo, tópicos que ata entón enchían todo o relacionado co galego, sendo un atranco para a nosa literatura.
Vicente Risco
Valores de Risco
- Individualismo e elitismo social.
- Irracionalismo e crítica da ciencia e da técnica.
- Espiritualismo e relixiosidade.
- Miticismo.
Características da súa obra
- Renovación de contidos na narrativa galega ao incorporar temas urbanos e exóticos e ao reescribir temas populares adaptándoos aos seus propósitos.
- Foi un narrador didáctico que pretendeu integrar a cultura galega dentro da europea e criticar a sociedade costumista e burguesa. Este didactismo é o motivo das constantes digresións nas súas narracións en detrimento da historia argumental ou trama.
- Humor vinculado co expresionismo e o esperpento ao servizo do seu interese didáctico.
- Claridade, ironía e agudeza expresiva.
Narrativa
- Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros (1919): É o seu primeiro relato en galego. Un relato esotérico sobre o mundo de ultratumba (o doutor, coa axuda dos seus poderes ocultos, logra liberar das vendas á momia de Tutankamón), feito con humor e elementos modernistas como o ocultismo e o orientalismo e onde a presenza de elementos galegos é case nula, o que supón aínda unha pegada da etapa prenacionalista.
- O lobo da xente e A trabe de ouro e a trabe de alquitrán: Dúas narracións breves publicadas en Lar en 1926 que pertencen á etapa optimista e afirmativa do seu galeguismo. Están vinculadas á cultura tradicional aproveitando o seu coñecemento etnográfico das lendas populares (temática do lobishome, lendas sobre mouros e celtas…).
- A coutada (1926): Nela, Risco defende que os fidalgos volvan aos seus pazos e asuman a súa responsabilidade histórica en vez de degradarse na vila. A obra quere simbolizar, como realidade autónoma e suficiente, a unha Galicia sempre fiel a si mesma organizada segundo un modelo social precapitalista. Fronte a ela, a cidade é a antítese do país, o lugar da despersonalización do individuo e o dominio da aparencia e do diñeiro.
- Os europeos en Abrantes: Obra inacabada que contén unha forte burla dos novos hábitos que se ían introducindo na vida urbana galega por medio dunha pequena burguesía "aseñoritada". Todos eles (estudantes, militares retirados, notarios, mestres…) son os escravos da modernidade e, como tales, renden culto á ciencia, á técnica, á medicina, etc., que son as bases do progreso.
- O porco de pé (1928): Unha das novelas máis innovadoras do panorama literario do momento. Supón a máxima expresión da súa vea humorística e satírica. Aínda que o branco da sátira é Don Celidonio (vulgar comerciante maragato e símbolo da burguesía que chega a ser alcalde de Auria, trasunto de Ourense), tódolos personaxes (artistas, señoritos de café, comerciantes, políticos, obreiros socialistas…) son caricaturizados por medio de diferentes recursos estilísticos como enumeracións, hipérboles, cousificacións, animalizacións, etc. Paródianse tamén ideoloxías, linguaxes e usos sociais do mundo urbano galego da segunda e terceira décadas do século XX, caracterizada pola conflitiva falta de cultura, sobre todo da burguesía ascendente nese momento. O antagonista espiritual de Don Celidonio ao principio é o Doutor Alveiros, pero tamén este acabará cedendo ante os discretos encantos da vida burguesa cando, no final da obra, arde a Biblioteca Municipal mentres a cidade lle rende homenaxe ao seu alcalde Don Celidonio, prototipo de home vulgar.