Usos de 'se' e 'que' e normalización do galego

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras materias

Escrito el en gallego con un tamaño de 4,68 KB

Valores de 'se' e 'que' e a normalización do galego

Valores do 'se'

  • Conxunción completiva: Quero saber se o identificas.
  • Condicional: Se estudas, aprobas.
  • Comparativa (coma se, como se): Fixo coma se non oíse.
  • Pronome (non ten función sintáctica. É acompañante do verbo)
  • Compoñente de verbos pronominais (xeralmente, de emoción): Quéixase seguido. Séntese mal.
  • Reflexivo: Caeu e mancouse. (Ollo! Hai verbos que poden ter dobre valor, pronominal (intransitivos) e non pronominal (transitivos). Ex. Lavouse./Lavou o pelo.; Queimouse./Queimou os papeis).
  • Recíproco: Quérense moito.
  • Pasiva reflexa (concordan suxeito paciente e verbo): Nestas hortas plántanse patacas.
  • Activas impersoais (carecen de suxeito e acompañan un verbo que non pode ir en plural): Falouse deses temas. Aquí apréndese moito.

Valores do 'que'

  • Conxunción completiva: Pensei que non viñas.
  • Causal: Non mo digas, que xa o sei, creo.
  • Consecutiva: Cheguei tan tarde que xa non puiden intervir.
  • Concesiva: Que veña, si.
  • Comparativa: Xoga máis que estuda.
  • Disxuntiva: Hei de saudala, que queira, que non.
  • Copulativa: Dálle que dálle.
  • Nexo de perífrase: Teño que marchar.
  • Parte de locucións conxuntivas: aínda que, malia que.
  • Pronome relativo: Esta é a rúa na que nacín. Son eles os que teñen a solución.
  • Interrogativo: Que fas?
  • Exclamativo: Que grande es!

A normalización lingüística en Galicia

No ano 1975 morre Franco e tres anos máis tarde as Cortes democráticas aproban a Constitución, que establece a cooficialidade de galego e castelán en Galicia. En 1981, no Estatuto de Autonomía, establécese que “a lingua propia de Galicia é o galego” e que “ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua”.

No ano 1983 entra en vigor a Lei de Normalización Lingüística, que regula o uso do galego nas diversas administracións e servizos. O galego convértese na lingua oficial da administración autonómica: da Xunta de Galicia e todas as súas Delegacións e do Parlamento, pero tamén de Deputacións e Concellos. A lingua incorpórase ao sistema educativo como materia obrigatoria de aprendizaxe, pero tamén como lingua vehicular doutros contidos (agás no sistema universitario, no que o uso da lingua non está legalmente regulado na práctica académica).

No ano 1985 comezan as emisións da Radiotelevisión de Galicia (TVG e RG), que ampliou a escasa presenza do galego nos medios audiovisuais existente ata o momento nos espazos informativos, e que asentou o galego nos programas de temáticas diversas e na incipiente ficción. En setembro de 2004 o Parlamento galego aprobou por unanimidade o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega: 445 medidas destinadas a potenciar o galego. En setembro de 2005 o Consello de Europa recomenda que en Galicia o ensino sexa “principalmente en galego”.

No curso 2007-2008 entra en vigor o decreto que establece que en Primaria e ESO polo menos o 50% das materias sexan en galego. En 2010 un novo decreto reduce a presenza do galego ata un máximo do 50% e abre as portas a que os centros vaian introducindo progresivamente o inglés como lingua vehicular. Aínda que o control do cumprimento normativo fose laxo neste período, o galego foise incorporando á oficialidade institucional do país e hoxe está presente en ámbitos que lle foran alleos desde había séculos, como a actividade xurídica, política ou académica. Mesmo o seu uso comercial, aínda que non maioritario, preséntase como un elemento de rendibilidade e prestixio vinculado a certos produtos. Cada vez úsao un maior número de profesionais liberais.

No plano cultural (literario, audiovisual, musical etc.), a expansión do uso do galego incrementouse nestas últimas décadas en moita maior medida ca noutros ámbitos coma o científico ou o sanitario, nos que, porén, tamén se produciu un avance no seu uso formal. Mesmo as grandes produtoras de contidos audiovisuais, coma Netflix, está a apostar nos últimos meses pola ampliación da súa oferta en galego.

Entradas relacionadas: