Transformación Social e Económica de Galicia durante o Franquismo
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 2,7 KB
Os cambios no modo de vida durante o réxime franquista
Na década dos sesenta introdúcense unha serie de cambios que modifican profundamente a vida cotiá dos galegos e dos españois. Estes cambios afectan á familia, ao fogar, á cidade e inclúen a expansión do automóbil, a construción das bases dun sistema educativo e sanitario e o desenvolvemento de novos hábitos de consumo e de ocio marcados pola chegada da televisión.
Pouco a pouco se vai organizando un novo sistema de mercado no que o diñeiro é cada vez máis imprescindible para resolver as necesidades básicas. Os cambios impostos pola nova situación económica e social empezan afectando xa á familia e á súa vivenda. Neste momento xeneralízanse novos materiais de construción, descoñecidos en gran medida nas áreas rurais ata a década dos cincuenta, tales como:
- O cemento
- O azulexo
- O ladrillo
- A uralita
Por outra parte, o domicilio organízase de xeito diferente, dividíndose en espazos diferenciados para a cociña, os dormitorios, a sala de estar...
O efecto das políticas desenvolvistas en Galicia
Durante a década dos cincuenta prodúcense certos cambios en política exterior como o inicio das relacións e axudas americanas ou o ingreso de España na ONU en 1955, que repercuten na economía do resto do Estado, pero non na galega. Ao remate dos 50, Galicia segue a ser unha rexión subdesenvolvida.
En Galicia, o punto de inflexión é o Plan de Estabilización de 1959, que abre un período de desenvolvementismo económico dentro do réxime da ditadura favorecido por unha serie de medidas liberalizadoras da economía. Os cambios máis significativos danse tanto no ámbito rural como no industrial, producíndose ao mesmo tempo unha transformación radical da sociedade galega.
Os cambios impostos desenvólvense ao longo dos anos sesenta e setenta, acentuándose incluso nos oitenta co ingreso de España na Unión Europea. O ritmo de crecemento da economía galega, aínda que é moi elevado, resulta inferior á media española e ao das rexións industriais e das beneficiadas pola expansión do turismo de masas.
En Galicia, o desenvolvemento industrial e dos servizos é insuficiente para absorber o crecemento da poboación e para reducir a porcentaxe de poboación agraria que en 1960 segue a supoñer o 61% do total. Outro dos matices que diferenza á economía galega da española é o forte peso que nela ten a emigración, papel que o turismo desempeña noutras rexións.