Termos Clave dos Movementos Sociais e Económicos en España

Enviado por Chuletator online y clasificado en Historia

Escrito el en español con un tamaño de 4,18 KB

Principais Conceptos Históricos e Sociais

Agrarismo

O agrarismo foi un movemento reivindicativo de masas no cal o campesiñado participou activamente a través das sociedades agrarias e de sindicatos agrícolas no primeiro terzo do século XX. Loitaban contra o sistema foral e o caciquismo, reivindicando a plena propiedade das terras traballadas.

Anarquismo

O anarquismo é unha ideoloxía obreira partidaria da desaparición da propiedade, do Estado e da sociedade burguesa. O seu líder máis importante foi Bakunin. Crearon sindicatos "apolíticos" e foron partidarios da acción directa. A meta é conseguir unha sociedade organizada en pequenas comunas que teñan como principio básico a liberdade individual. En España, as organizacións máis poderosas foron a C.N.T. (Confederación Nacional de Traballadores, fundada en 1910) e a F.A.I. (Federación Anarquista Ibérica).

CNT

Siglas da Confederación Nacional do Traballo, sindicato anarquista creado en 1910. Chegou a ser o sindicato con maior número de afiliados ata a Guerra Civil, participando en todos os grandes movementos folguísticos.

Desamortización

Lei pola que se destrúe a vinculación dos bens inmobles, xa sexan civís (morgados), eclesiásticos ou públicos (do Estado ou Concellos). Significa quitar as propiedades ás "mans mortas" e convertelas en propiedades privadas. En España, as máis importantes son a Lei Mendizábal (1836) e a Lei Madoz (1854).

Librecambismo

Sistema económico liberal capitalista caracterizado pola non intervención do Estado na economía e por ser partidario da libre competencia internacional. Foi defendido polos liberais progresistas. A lei librecambista máis importante foi elaborada polo Ministro de Finanzas Figuerola no primeiro goberno provisional tras a Revolución de 1868.

Ludismo

A destrución de maquinaria e de fábricas nas primeiras fases da industrialización. Os traballadores reaccionaban á competencia inicial da mecanización que empeoraba as súas condicións de traballo. Os primeiros actos luditas tiveron lugar no Reino Unido no século XVIII.

Proteccionismo

Política económica do Estado tendente a protexer os produtos nacionais fronte á competencia exterior. Para iso, colocábanse aranceis nas alfándegas aos produtos estranxeiros e mesmo se chegaba a impoñer cotas. Esta política foi defendida polos liberais moderados durante o reinado de Isabel II e durante a Restauración. É o sistema oposto ao librecambismo dos progresistas.

Socialismo

Ideoloxía xurdida no século XIX a partir, sobre todo, dos escritos de Marx e Engels. Preconiza a organización da clase proletaria para conseguir melloras laborais e económicas. A súa meta última é a desaparición da propiedade privada e das diferenzas de clase coa colectivización dos medios de produción. A forza socialista máis importante de España foi o PSOE, fundado en 1878.

Unión Xeral de Traballadores (UXT)

Sindicato socialista fundado por Pablo Iglesias Posse en 1888. Tivo a súa maior expansión e protagonismo político na primeira metade do século XX.

Entradas relacionadas: