Tecidos animais e vexetais: características e funcións
Tecidos animais e vexetais
Tecidos animais
Tecidos conectivos
Serven de apoio a todas as demais estruturas do corpo. Compóñense de células pouco especializadas rodeadas dunha abundante substancia intercelular, na que abundan fibras proteicas.
A substancia intercelular está formada principalmente por auga, sales minerais, proteínas e polisacáridos. As fibras poden ser de coláxeno, que proporcionan resistencia; elastina, que confire elasticidade, ou reticulares, con función esquelética.
Os tecidos conxuntivo, adiposo, cartilaxinoso e óseo son tecidos conectivos.
- Tecido conxuntivo: Serve de sostén e unión entre os diferentes tecidos e órganos. As células máis abundantes deste tecido son os fibroblastos, unhas células de forma estrelada, responsables da elaboración da substancia intercelular e as fibras de coláxeno e de elastina. Tamén poden encontrarse outros tipos celulares, como os macrófagos, un tipo de glóbulos brancos con capacidade de fagocitar substancias estrañas.
Distínguense principalmente dous tipos de tecido conxuntivo:- Laxo: Nel predominan as fibras de elastina, o que lle proporciona flexibilidade. É o tecido base sobre o que se asentan os epitelios. Encóntrase principalmente na epiderme e rodeando os vasos sanguíneos.
- Fibroso: Rico en fibras de coláxeno, o que lle confire resistencia mecánica. Forma as cordas vocais, os tendóns e os ligamentos.
- Tecido adiposo: É un tecido no que se almacenan reservas de lípidos. Nos vertebrados, ademais, actúa como protector de órganos, como o fígado ou o ril, e como illante térmico, formando o panículo adiposo da pel. Tamén se encontra na medula ósea amarela.
As células características deste tecido son os adipocitos, o seu citoplasma está ocupado, case totalmente, por un gran vacúolo no que se acumulan graxas. A substancia intercelular é moi escasa. - Tecido cartilaxinoso: A súa principal función consiste en servir de sostén nas superficies articulares, polo que forma parte do esqueleto naqueles lugares onde non existen os ósos ou non se formaron aínda, como no pabellón auditivo.
Nalgúns peixes, como as raias, é o principal constituínte do esqueleto, así como no feto dos vertebrados.
As súas células chámanse condrócitos e dispoñense en lagoas na substancia intercelular constituída por fibras, que lle proporciona gran resistencia e flexibilidade a este tecido. Carece de vasos sanguíneos e nervios. - Tecido óseo: É o principal tecido de sostén de gran parte dos vertebrados, nos que forma os ósos do seu esqueleto. Ademais, intervén na regulación do calcio do organismo e contén as células nai formadoras das células sanguíneas.
A substancia intercelular deste tecido é sólida, rica en fibras de coláxeno para dar elasticidade, e sales minerais, o que lle dá dureza e fraxilidade ao óso.
As principais células deste tecido denomínanse osteocitos, teñen aspecto estrelado e sitúanse en cavidades ou lagoas óseas da matriz, que se comunican entre si por medio dunhas finas canles, denominadas condutos calcóforos.
Os ósos están rodeados dunha capa de tecido conxuntivo fibroso, denominado periósteo, onde se insiren os tendóns e os ligamentos.
Distínguense dúas variedades de tecido óseo:- Compacto: Está constituido por unha trama de láminas entrecruzadas que deixan numerosas cavidades cheas de medula ósea vermella, tecido formador das células sanguíneas. Este tecido encóntrase no interior dos extremos dos ósos longos (epífise) e no interior dos curtos e dos planos.
Tecido muscular
É o responsable dos movementos do corpo. Está constituido por células alongadas, chamadas fibras musculares, especializadas na contracción. No citoplasma desas fibras aparecen unha gran cantidade de miofilamentos formados por proteínas contráctiles, fundamentalmente actina e miosina.
Distínguense tres tipos de tecido muscular:
- Estriado esquelético: Está composto por fibras cilíndricas e longas que poden ter varios núcleos. No seu citoplasma aprécianse numerosos miofilamentos que forman unidades morfolóxicas e fisiolóxicas chamadas sarcómeros. Estes sarcómeros presentan bandas claras e escuras alternantes, o que dá un aspecto estriado ao observalas ao microscopio. A súa contracción é rápida, voluntaria e pouco resistente á fatiga.
Nos vertebrados constitúe os músculos esqueléticos que se insiren nos ósos. Nos invertebrados preséntanse algunhas variacións morfolóxicas, entre as que destacan un tipo de tecido muscular de estriación oblicua, na que as bandas non son perpendiculares ao eixe maior da fibra. - Estriado cardíaco: Encóntrase no corazón. Está formado por fibras estriadas cun só núcleo. A súa contracción é rápida e involuntaria.
- Liso: As súas contraccións son lentas, involuntarias e resistentes á fatiga. Nos vertebrados tapizan os vasos sanguíneos e as paredes dos órganos internos, como o tubo dixestivo e o útero. Nalgúns invertebrados, como os anélidos ou os moluscos, é o único tecido muscular existente.
Tecido nervioso
Recolle información nos órganos dos sentidos, transmítea a través dos nervios e elabora respostas nos centros nerviosos.
Está formado por dous tipos de células:
- Neuronas: Son as células fundamentais do tecido nervioso. Unha vez formadas perden a capacidade de dividirse. Nelas distínguense varias partes:
- Corpo neuronal ou soma. Contén o núcleo e os diferentes orgánulos.
- Dendritas. Ramificacións arborescentes e curtas que parten do corpo neuronal. Nelas recíbense principalmente os impulsos nerviosos.
- Axón. Prolongación citoplasmática longa, a través da cal se envía o impulso nervioso a outra neurona.
- Células da glía: Son diferentes tipos de células, que aparecen intercaladas entre as neuronas, ás que protexen, alimentan e illan. Entre elas destacan os astrocitos, que posúen numerosas ramificacións e permiten a comunicación das neuronas cos vasos sanguíneos, e as células de Schwann, que se enrolan sobre o axón das neuronas e segregan mielina, que facilita a condución do impulso nervioso.
Tecidos vexetais
Os tecidos vexetais caracterízanse por carecer de substancia intercelular. As células dos tecidos adultos están recubertas dunha parede de celulosa, que presenta poros, denominados plasmodesmos, a través dos cales intercambian substancias coas células veciñas.
Atendendo á súa función, os tecidos vexetais clasificanse en: embrionario ou meristemático, parenquimático, protector, de sostén e condutor.
- Tecido embrionario ou meristemático: É o responsable do crecemento e desenvolvemento da planta. Encóntrase nas partes da planta que están en crecemento, está constituído por células vivas, sen vacúolos e pequenas e con grandes núcleos, que polo xeral se encontran en mitose. Distínguense dous tipos:
- Meristemas primarios (apicais): Proceden de células embrionarias e sitúanse nas zonas apicais da planta, como os abrochos de pólas e raíces. Son responsables do crecemento en lonxitude.
- Meristemas laterais ou secundarios: Proceden de células adultas que recobran a capacidade de división, son responsables do crecemento en grosor dos órganos nos que se atopan. Hai dous tipos: o cámbium, que orixina os tecidos condutores, e o felóxeno, que dá orixe a unha codia protectora.
- Tecido parenquimático: Este tecido está presente en todos os órganos vexetais, e serve de recheo e unión entre uns tecidos e outros. Está formado por células vivas, redondeadas, pouco diferenciadas e con grandes vacúolos. Segundo a súa función hai varios tipos:
- Clorofílico: As súas células teñen moitos cloroplastos nos que se realiza a fotosíntese, e dálle a cor á planta. Está nos talos e nas follas verdes.
- De reserva: Almacena substancias e encóntrase no interior de estruturas como raíces ou sementes.
- Aerífero: As súas células teñen numerosos espazos intercelulares (meatos) para a circulación e almacenamento de aire. Son abundantes en plantas acuáticas.
- Tecido protector: Recobre a superficie da planta, evita a perda de auga, protéxea dos cambios de temperatura, dos parasitos e dos danos mecánicos. Distínguense dous tipos: o epidérmico e o suberoso.
- Epidérmico: Protexe a parte aérea da planta do desecamento. Está formado por unha soa capa de células vivas, aplanadas sen cloroplastos, moi unidas entre si, e cun recubrimento externo de cera, denominado cutícula. Pode ter:
- Estomas: Formados por dúas células oclusivas, con cloroplastos e núcleo. Entre elas queda un orificio, o ostíolo, que pode abrirse e pecharse, regulando o intercambio de gases.
- Tricomas: "Pelos" que poden ser uni ou pluricelulares. Nas raíces facilitan a absorción de auga e sales minerais. Nos talos e follas teñen función protectora contra o desecamento ou contra o ataque de animais.
- Suberoso: Protexe a planta contra o desecamento e as temperaturas extremas. Está composto por células mortas dispostas en varias capas, cheas de aire, con paredes grosas e impregnadas de substancia impermeable, a suberina. Para o intercambio de gases presenta unhas gretas denominadas lenticelas. A cortiza é tecido suberoso.
- Epidérmico: Protexe a parte aérea da planta do desecamento. Está formado por unha soa capa de células vivas, aplanadas sen cloroplastos, moi unidas entre si, e cun recubrimento externo de cera, denominado cutícula. Pode ter:
- Tecido de sostén: Encóntrase no interior da planta, facendo que permaneza ergueita. Distínguense dúas variedades: o colénquima e o esclerénquima.
- Colénquima: Formado por células vivas, alongadas e con paredes desigualmente grosas. Proporciona consistencia ás partes novas da planta.
- Esclerénquima: Constituído por células mortas, que presentan paredes grosas e lignificadas. Proporciona resistencia a partes desenvolvidas.
- Tecido conductor: A súa función é o transporte de zume. As células están fusionadas formando tubos. Existen dous tipos, o xilema e o floema.
- Xilema: Transporta zume bruto desde a raíz ata as follas. Constitúese por células cilíndricas mortas con paredes reforzadas de lignina, denominadas traqueadas. Os tabiques de separación entre células desapareceron ou están perforados.
- Floema: Transporta zume elaborado a toda a planta. Está constituído por células vivas superpostas e presenta tabiques de separación perforados por poros a modo de criba. Ao final do outono tapónanse os orificios con calosa, que impide o paso do zume.