O Teatro Galego: Das Irmandades da Fala ao Exilio
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
gallego con un tamaño de 2,64 KB
O teatro nas Irmandades da Fala
Coas Irmandades da Fala, o teatro deixa de ser un divertimento para converterse nunha arma política e reivindicativa. Diversifícase a oferta teatral: teatro histórico, social (denuncia da emigración e o caciquismo), señorial (de pazo), cómico, infantil e comedia burguesa.
Porén, o teatro non tivo unha verdadeira tradición na nosa literatura, polas razóns xa expostas e porque axiña tivo que competir co cine.
Principais autores e obras
- Cabanillas: A man de Santiña (1921), estreada no Conservatorio, é unha comedia en prosa na que, por primeira vez, as clases señoriais falan en galego. En 1926 publicou O Mariscal, escrito por iniciativa de Vilar Ponte, un drama histórico en verso que presenta o mariscal Pero Pardo de Cela como abandeirado da oposición galega ao centralismo polo seu enfrontamento cos Reis Católicos.
- Armando Cotarelo Valledor: Dominador da técnica teatral, foi autor dunha variada obra, destacando a traxedia histórica sobre a execución de Prisciliano, Hostia (1926). Toda a súa obra ten unha grande preocupación pola psicoloxía das personaxes e unha complexa construción teatral, decote cunha grande poetización e riqueza léxica.
- X. Quintanilla: É autor de Alén (1921), escrita para demostrar a universalidade da lingua galega e que en galego se poden tratar temas non galegos: o escenario físico é Nova York e o ambiente unha sesión de espiritismo, aínda que a acción decorre no interior das personaxes.
O teatro galego na Arxentina
Manuel Varela Buxán foi un dos principais animadores do teatro galego na Arxentina. Ademais de autor teatral, foi tamén director e actor. As súas obras son de corte rural-costumista e humorístico, aínda que non están exentas de crítica social. A súa compañía, “Maruxa Villanueva”, foi a encargada de representar Os vellos non deben de namorarse (obra que tamén cómpre destacar).
Tamén en Bos Aires, Blanco Amor dirixiu o Teatro Popular Galego (1957) e escribiu varias pezas que se coñeceron en Galicia recompiladas en dous volumes: Farsas para títeres (1973) e Teatro prá xente (1974). Unhas son obriñas de realismo costumista, pensadas para “a xente do noso pobo”, público pouco afeito a ler ou ver teatro; outras son farsas, non realistas, moi imaxinativas, cheas de elementos fantásticos e satíricos, que lembran o esperpento de Valle-Inclán ou o teatro do absurdo europeo, pensadas para un público culto.